E, seguindo, cos camiños da nosa lix polo mundo, facémonos eco da nova incursión internacional de Kalandraka (logo da súa participación na Feira do Libro de Tokio, cidade na que vai presentar, no Instituto Cervantes, o álbum Avós), que vén de crear en México o seu novo selo “Libros para Soñar”, que se acaba de presentar no Centro Cultural de España, na capital mexicana. Esta iniciativa forma parte do proceso de internacionalización de Kalandraka, que hai apenas tres meses, coincidindo co seu décimo aniversario, inaugurou en Florencia o seu selo italiano ‘Libri per sognare’.
Ademais de manter a presenza dos títulos de Kalandraka nese país, "Libros para Soñar" contribuirá a materializar propostas de autores e ilustradores mexicanos para incorporalas ao seu catálogo plurilingüe, incidindo no obxectivo de converter Kalandraka nun proxecto editorial multicultural. A nova filial tamén distribuirá os títulos de Faktoría K de Libros, a brasileira Callis Editora e a mexicana Obranegra.
Dentro destas actividades de presentación da editora no país azteca, o ‘Museo de la Ciudad’ de Querétaro tamén acolle unha exposición de ilustradores galegos con imaxes de Óscar Villán, Federico Fernández, Alicia Suárez e mais o mexicano Gabriel Pacheco.

0 comments:
Post a Comment