
Concha_Blanco (A Coruña, 1950) resultou gañadora do VI Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez coa novela Encontros ás agachadas. O premio, dotado con 3.000 euros, é convocado pola Deputación provincial de Ourense, que a editará e distribuirá gratuitamente en centros de ensino, bibliotecas e asociacións de Ourense no ano 2009, logo de fallar o premio convocado para ilustrala. Encontros ás agachadas é un traballo de carácter futurista cunha trama imaxinativa, que defende a interculturalidade e pon de manifesto valores como a amizade. Concha Blanco, autora dunha prolífica obra e gañadora de diferentes premios, traballa actualmente como profesora de Lingua Galega e Literatura non IES Agra de Raíces de Cee.
A narración ten como protagonistas aos rapaces Daniel e a Kano 3, un terrícola e extraterrestre o outro, que se encontran de forma fortuíta a primeira vez e logo vense moitas outras ás agachadas, por ser un problema a estancia de Kano na Terra.
Ambientada en Lires e Cee, os territorios da autora, presenta, por unha banda, unha defensa intercultural con valores positivos como a amizade e a confianza no ser humano, e por outra o perigo ao que o exceso tecnolóxico incontrolable nos pode levar.

0 comments:
Post a Comment