10/1/08

VALENTÍN ARIAS HOMENAXEADO NO DÍA INTERNACIONAL DA TRADUCIÓN


Con motivo do Día Internacional de Tradución, Valentín Arias López, un dos tradutores pioneiros na editorial, recibiu unha merecida homenaxe nun acto que se celebrou, ás 19:00 horas, no auditorio do centro sociocultural de Caixanova de Vigo o día 30 de setembro.
Valentín Arias López naceu en Sarria en 1934. En 1969 comezou a traballar coa editorial Galaxia e posteriormente, a partir de 1980, con Edicións Xerais de Galicia, como autor dos primeiros libros educativos e tradutor dos títulos das primeiras coleccións xuvenís da editorial, especialmente de «Xabarín». Foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduce fundamentalmente do francés, do portugués e do español. En 1989 recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra á Lúa, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de Albert Camus e A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas

0 comments: