10/13/08

XOSÉ A. NEIRA CRUZ GAÑA O VI PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA MONICREQUES NA SÚA MODALIDADE DE TEATRO INFANTIL


A obra O punto da escarola foi recoñecida co VI Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Neira Cruz artella un divertimento teatral que fai unha homenaxe implícita á profesión de titiriteiro, ao tempo que bota man de personaxes e situacións conectados co imaxinario infantil. Neste caso, o xurado valorou a plasticidade da obra e o enxeño dos seus diálogos, ademais de subliñar o seu “gran sentido do humor e unha utilización moi intelixente da música”.
Ademais de por Laura Tato Fontaíña, como presidenta, o xurado da edición 2008 dos tres premios literarios da AGADIC estivo integrado por Emilio Xosé Insua López, Roberto Salgueiro González, Marica Campos, Carlos Ignacio Labraña Barrero e Andrea Bayer Lloves como vogais. As súas decisións respecto de todos os galardóns outorgados foron tomadas por maioría dos seus membros.

Xosé A. Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. Deuse a coñecer como narrador en 1988, cando foi recoñecido co Premio Merlín por Ó outro lado do sumidoiro. Dende entón, ten acadado numerosos galardóns como o Barco de Vapor en 1997 con Valdemuller e en 1999 con Os ollos do tangaleirón; o Merlín, que volveu gañar en 2000 por As cousas claras; o Premio Raíña Lupa en 2002 por O armiño dorme; e o Premio Lazarillo en 2004 polo texto de teatro infantil A noite da raíña Berenguela. A súa obra tamén foi destacada con dous Premios Lecturas (concedidos polos lectores das bibliotecas galegas), e foi seleccionada pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic para a Lista de White Ravens e polo Banco del Libro de Venezuela, que considerou en 2006 que a súa novela O armiño dorme era unha das dez mellores obras xuvenís do mundo publicadas nese ano.
Se ben a meirande parte da súa produción literaria está inscrita na narrativa, tamén frecuentou o xénero teatral e dúas das súas pezas foron levadas a escena recentemente: Cando a noite cae, representada pola compañía Teatro da Falúa en 2007 e galardoada co 2º Premio GZCrea de teatro afeccionado convocado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia, e Valdemuller, adaptada polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Pablo Vergne. No eido da poesía, foi galardoado en 2007 co Premio Fiz Vergara Vilariño pola obra De esparto e seda (Espiral Maior, 2008).
Á parte da súa faceta de creador, dedícase á investigación no ámbito do xornalismo e da literatura infantil, e fundou a revista Fadamorgana de literatura infantil e xuvenil, da que é director.

0 comments: