11/3/08

Carlos López, gañador do VII Premio de Literatura Infantil "Raíña Lupa"


A novela A peripecia de Roi, de Carlos López Gómez, Chinto, foi a gañadora do VII Premio de Literatura Infantil Raíña Lupa, dotado con 6.500 euros. Convocado pola Deputación da Coruña e comisariado por Xabier P. Docampo, inclúe a edición da obra gañadora.
A decisión do fallo foi tomada por maioría, entre as 31 obras presentadas. «É unha obra chea de fantasía e toques de humor próxima ao absurdo e moi imaxinativa», explicou Yolanda Castaño en nome do xurado.
«É un pequeno agasallo ao meu afillado, que tamén se chama Roi. O neno protagonista ten o seu aspecto e a súa idade, seis anos», explicou o autor, detallando que se trata de «un conto longo, ou unha novela curta, que fala diso: da peripecia de Roi». A historia empeza cando o neno vai coa súa nai a unha festa e esta vaille mercando globos de helio que ata no seu pulso, «pero como son tantos sae flotando polo aire; aí empeza a particular peripecia de Roi, durante a que vai atopando un aviador, un home que viaxa nun globo aerostático, un astronauta e ata un extraterrestre, xa no espazo exterior... Vai pedindo axuda a todos para regresar á terra, mesmo ao sol e a unhas nubes».
Carlos López Gómez (Boimorto, 1967) é guionista do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto. No ano 1993 asociouse con David Pintor e dende entón publicaron as súas viñetas diarias en El Correo Gallego, O Correo Galego e nos xornais do Grupo Voz (La Voz de Galicia, Diario de León, Diario 16 e La Voz de Baleares).
Publicaron, ademais, diversos libros para nenos como Suca (Everest, 2001), Aquilino pinta unha nube e un camaleón (Combel, 2002), Historia de Román, o bombeiro (Everest 2005) e O pequeno da familia fantasma (Sotelo Blanco, 2005).
Ademais, no eido do cómic crearon o personaxe Tito Longueirón, que apareceu semanalmente nas páxinas da revista “Golfiño” , historietas que foron recollidas en 2005 nun volume publicado por Edicións BD Banda.
Carlos López, autor tamén do poemario Espello sen fondo (Espiral Maior, 2000), obtivo o premio Merlín 2007 pola súa obra Minimaladas, 84 minihistorias protagonizadas por animais que destacan pola súa orixinalidade e humor.
O xurado do certame, ao que se presentaron un total de 31 orixinais, estivo integrado pola poetisa Yolanda Castaño, o director da Biblioteca “Nova 33” da Fundación Caixa Galicia, Pedro Lucas, o escritor e tradutor Ignacio Chao, o profesor e crítico literario Ramón Nicolás e mais o gañador da última edición do “Raiña Lupa”, o escritor ferrolán Antonio Yáñez.

0 comments: