
A Real Filharmonía de Galiza e a Editorial Galaxia, coa participación do Consorcio de Santiago, preparan estes días unha versión musicada da historia da Cinsenta... mais desta volta a protagonista de O prodixio dos zapatos de cristal non é aquela rapariga que tiña unha malvada madrasta e dúas irmás envexosas e presumidas, senón unha moza que está no paro e que persegue un soño: ser cantante. Entrementres, gaña a vida nunha zapatería na que gardan o famoso zapatiño de cristal. O traballo forma da parte do que, desexamos, se converta nun referente da literatura infantil galega: os 'Musicontos', e é o resultado dun interesante labor de colaboración entre o director Maximino Zumalave e o escritor Xosé Antón Neira Cruz, que tamén adaptou outros dous clásicos: O debut de Martiño Porconi (ou o que foi dos tres porquiños e o lobo), na que o protagonista do relato é un gran tenor, Martiño Porconi, que lembra as tremendas peripecias que viviu cos seus irmáns por culpa dun lobo malvado e Un bico de amor e vida, unha revisión de A sereíña, na que a fantasía da serea lle dá pé a reflexionar sobre a catástrofe do Prestige, na nosa memoria para sempre e da que está a piques de cumprirse un novo aniversario.

Estamos ante dun proxecto que asocia a música clásica aos contos de sempre de xeito que os máis cativos aprendan a relacionar dúas linguaxes únicas e ao mesmo
tempo complementarias.

O prodixio dos zapatos de cristal foi, ademais, gravado en directo, no Auditorio de Galicia, cun público formado por mil rapaces de diferentes colexios.
Os libros, que contan coas ilustracións de de Rodrigo Chao, Federico Fernández e Enjamio, irán acompañados dun CD, e estarán á venda este mesmo mes... Lembrádevos cando lle escribades a carta aos Magos.

0 comments:
Post a Comment