
Teresa González Costa é a gañadora da edición 2008 dos premios
Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e
Manuel María de Literatura Dramática Infantil polas obras
Sempre quixen bailar un tango e
Pingueiras e tarteiras, respectivamente, mentres que Xosé A. Neira Cruz alzouse co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces con
O punto da escarola. O nome dos autores recoñecidos este ano cos galardóns de literatura dramática que convoca a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura foi desvelado hoxe pola presidenta do seu xurado, Laura Tato Fontaíña, no acto de inauguración da Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebra até o vindeiro venres en diferentes escenarios de Santiago de Compostela.
Laura Tato informou, así mesmo, de que o Barriga Verde quedou deserto na categoría de teatro para adultos. Porén, o xurado quixo deixar constancia no seu ditame da “calidade e o bo nivel” dos textos presentados aos outros tres galardóns, de xeito que foron necesarias “longas deliberacións” para decidir os textos gañadores de entre o total de 54 orixinais candidatos: 28 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María, e 16 ao Barriga Verde (13 textos para rapaces e 3 para adultos).
Ambos os gañadores recibirán unha dotación económica de 6.000 € por cada un dos premios. Ademais, segundo establecen as bases, os tres textos poderán ser publicados pola AGADIC nalgunha das coleccións dramáticas que mantén abertas en colaboración con diferentes editoriais galegas. Con
Sempre quixen bailar un tango e
Pingueiras e tarteiras, Teresa González Costa convértese na primeira autora que ten no seu haber dous dos premios convocados pola AGADIC (anteriormente polo IGAEM): o Cunqueiro e o Manuel María.
O primeiro dos textos, distinguido co XVII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, debuxa un escenario de desencontros entre os personaxes que o habitan: Manuel, que se enfronta con serenidade ao final da súa vida; a súa filla mailo seu xenro, aos que a excitación polos plans de futuro os mantén alleos ao drama; e María, a moza encargada da limpeza, que a pesar do seu desencanto coa vida, é a única sensible ao que sucede ao seu carón. O xurado destacou de Sempre quixen bailar un tango a solidez da súa estrutura dramática, cualificándoa como unha obra “moi coidada” e “moi ben construída”, así como a súa intención de ridiculizar valores dominantes na sociedade actual como o afán de poder, a ambición, as aparencias, a superficialidade ou o materialismo, en contraste co “poder salvador dos soños”.
Pola súa banda, o texto gañador do III Manuel María de Literatura Dramática Infantil,
Pingueiras e tarteiras, é definido no ditame como unha apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos. Trátase dunha obra moi lúdica, que recorre a múltiples xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida cor gris nun castelo no que sempre chove.