
A prestixiosa Internationale Jugendbibliothek München, un dos referentes mundiais na atención ao libro infantil e xuvenil, fixo pública a súa relación de libros seleccionados pola súa especial calidade, a The White Ravens List 2009, que se presentará na Bologna Children's Book Fair 2009. Nesta edición, a biblioteca alemana destaca 250 títulos publicados no 2008 en 32 linguas e pertencentes a 48 países. E unha vez máis, a literatura infantil-xuvenil galega ten unha atención especial, escolléndose tres títulos: a novela xuvenil A Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, publicado por Xerais, que mereceu o Premio Fundación Caixa Galicia e axiña se poderá ler nas outras linguas do estado; a dramática historia dun neno no campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, Fume, de Antón Fortes e OQO; e o libro multimedia de Galaxia esplendidamente ilustrado por Rodrigo Chao no que X. A. Neira Cruz escribe unha adaptación do conto clásico A Cinsenta, O prodixio dos zapatos de cristal. Ademais, o noso ilustrador máis internacional, Xan López Domínguez, figura tamén na lista como autor das ilustracións de Barro de Medellín, unha narración de Alfredo Gómez Cerdá. A lix galega, así, está entre as mellor representadas este ano, con máis libros seleccionados que as literaturas de moitos estados e linguas normalizadas. É outro paso adiante na proxección internacional dos nosos escritores/as e ilustradores/as, cada vez máis recoñecidos e premiados en todo o mundo.

0 comments:
Post a Comment