23.2.09
CLUB GALIX TENDENDO REDES

Estimado amigo e amiga:
Poñémonos en contacto contigo para enviarche información respecto do CLUB DE LECTURA GÁLIX “TENDENDO REDES” que a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix está a poñer en marcha neste ano 2009, coa colaboración da Consellería de Cultura, Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural.
O ano vai estar dedicado á literatura xuvenil galega. Ao longo dos meses iremos abordando unha serie de libros significativos dentro de cada un dos subxéneros da narrativa xuvenil galega, de xeito que, ao cabo do ano, construamos unha visión completa de todo o corpus que foi conformando dende os comezos, e mais especialmente nos últimos vinte e cinco anos, a Literatura Xuvenil galega.
Anímate a participar e desfrutar das palabras de autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey, entre outros. Terás tamén a ocasión de descubrir os segredos e misterios que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita.
Tamén poñemos á túa disposición unha páxina web (www.tendendo redes.blogspot.com) na que poderás seguir a dinámica do club e botar man de recursos teóricos (estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos de renome, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais, un foro de debate, etc.) que che permitirán, ao tempo que desfrutas coa lectura, achegarte dun xeito máis profundo ao texto e ao autor ou autora.
A presentación do CLUB DE LECTURA GÁLIX TENDENDO REDES terá lugar o vindeiro xoves día 26 de febreiro ás 17.30 horas no salón de actos do Consello da Cultura Galega, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Un saúdo:
Gálix - Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil
3.2.09
Comeza o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
Dende o 1 de febreiro ao 15 de marzo a literatura infantil e xuvenil galega ten festa en Pontevedra, no X Salón do Libro Infantil e Xuvenil, o máis importante do estado, que xa ten tamén unha importante proxección internacional. A presente edición, con dous convidados de honra como son a cultura portuguesa e mais a escritora Fina Casalderrey (que recibirá unha máis que merecida homenaxe), ten como eixo temático o amor nas súas diversas manifestacións: o amor ás persoas, si, pero tamén o amor aos libros, á natureza... á vida, en fin.
Escritores como Agustín Fernández Paz ou Gustavo Martín Guarzo, ilustradores como Kiko Dasilva, Bernardo Carballo ou Max, músicos como Milladoiro ou Mafalda Arnauth, conferencias, obradoiros para rapaces e para adultos, teatro, exposicións... conforman o denso programa, como quen constrúe pontes de emocións até o outro lado do espello, alí onde as palabras son música e as imaxes noites de abril.
Escritores como Agustín Fernández Paz ou Gustavo Martín Guarzo, ilustradores como Kiko Dasilva, Bernardo Carballo ou Max, músicos como Milladoiro ou Mafalda Arnauth, conferencias, obradoiros para rapaces e para adultos, teatro, exposicións... conforman o denso programa, como quen constrúe pontes de emocións até o outro lado do espello, alí onde as palabras son música e as imaxes noites de abril.
2.2.09
Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración para David Pintor

O ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor David Pintor (A Coruña, 1975) resultou gañador do Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración, que convoca a Deputación de Ourense, dotado con 3.000 euros. Unha serie de dez debuxos aportarán a lectura gráfica ao texto gañador da sexta edición do certame literario, a novela Encontro ás agachadas, de Concha Blanco.
Coñecido polos seus traballos na prensa en colaboración co guionista Carlos López baixo o pseudónimo de Pinto&Chinto, é autor tamén dunha importante obra gráfica no ámbito da literatura infantil-xuvenil con títulos como Suca (2001) Historia de Román, o bombeiro (2005), O pequeno da familia fantasma (2005), Unha bruxa ben rara (2007), Miña avoa ten trece anos (2007), Minimaladas (2007), Novas minimaladas (2008) ou Lendas da noite de San Xoán (2008).A institución provincial editará o libro na primavera, que será distribuído gratuitamente ne bibliotecas e centros educativos.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)