
Desde 1967, o 2 de abril, día do nacemento de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil co obxectivo de inspirar o amor pola lectura e para chamar a atención da comunidade internacional sobre os libros para nenos.
Cada ano, unha sección nacional de IBBY (International Board on Books for Young People) encárgase de elixir un tema e de convidar a un autor ou autora sobranceiros do seu país a escribir unha mensaxe para os rapaces e rapazas do mundo e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora o deseño dun cartel, que se espallan por todo o mundo nas diferentes linguas. Este ano, a sección de Exipto encargoulle a imaxe e o texto a Hani D. El-Masri, que se imprimiron en formato cartel e tríptico nas catro linguas estatais para a súa distribución por centros de ensino e bibliotecas.
Ademais, Gálix encargouse da edición de dous libros novos da colección Lagarto Pintado, en colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a Federación de Libreiros de Galicia, que se distribuirán gratuitamente nas librerías do país. Neles colaboraron coas súas creacións Alfonso Álvarez Cáccamo, Ramón Carredano Cobas, Antón Fortes, Teresa González Costa Mar Guerra, Manuel Janeiro, Elvira Riveiro Tobío e Xelís de Toro e coas súas ilustracións Noemí López e Pepe Carreiro. Estes autores e autoras son tamén os protagonistas de encontros con escolares en diferentes centros do país.


