
Un ano máis, a OEPLI e as seccións que a integran (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil-GÁLIX, Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil-ClijCAT e Galtzagorri Elkartea) convocan os prestixiosos Premios Lazarillo. Nesta edición de 2009 contémplanse dúas modalidades: creación literaria e álbum infantil ilustrado. Cunha dotación de 8.000 euros para o gañador, pódense presentar textos escritos en calquera das linguas oficiais do Estado. A obra que opte ao premio de creación literaria terá un mínimo de 80 páxinas (de 2.100 caracteres cada unha), no caso de narrativa e teatro, e un mínimo de 250 versos, se é poesía. Para o premio de álbum infantil ilustrado cómpre incluír a maqueta completa do proxecto, incorporando texto e ilustración. Se ben neste último o prazo remata 15 de setembro, o premio de literatura ten como data límite o 30 de maio.
As bases completas (Premio Lazarillo de Creación Literaria e o Premio Lazarillo de Álbum Infantil Ilustrado) pódense consultar tamén na web de Gálix.