11.6.09

ROSA ANEIROS E JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO, GAÑADORES DOS PREMIOS XERAIS 2009


Os dous premios para lectores novos que cada ano convoca Edicións Xerais resultaron nesta edición do 2009 especialmente interesantes. O reencontro coa narrativa xuvenil de Rosa Aneiros -autora xa consolidada e cunha importante proxección na literatura para adultos- e a novidade da irrupción como escritor de Jacobo Fernández Serrano -recoñecido ilustrador e tan orixinal como consolidado autor de cómics- garanten a calidade dos veteranos galardóns. A obra de Rosa Aneiros, Ás de bolboreta, unha novela-puzle construída con historias que se entrecruzan a partir das experiencias dun grupo de personaxes que as van contando unha mañá nun bar galego, na que a intervención do lector devén decisiva, mereceu o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. O Premio Merlín de Literatura Infantil foi para Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano, un relato de aventuras e enredo que parte da necesidade de atopar un agasallo para o rei do mar.
Ademais, Rosa Aneiros conseguiu tamén o Premio Xerais de Novela por Sol de inverno, un dobrete sen precedentes na nosa literatura.
Ben seguro que cando nos vindeiros meses poidamos recrearnos na súa lectura non nos defraudarán. Parabéns a Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, e a Edicións Xerais polo seu decisivo labor normalizador da nosa cultura!