PARA GLORIA SÁNCHEZ
Escoitei por vez primeira o nome de Gloria Sánchez a finais da década dos oitenta, exercendo funcións de director da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia, dirección que daquela compartía con Agustín F. Paz e Xosé Lastra. Dirixía a editorial Víctor Freixanes e un día nos chegou cun orixinal e unha encomenda: “Botádelle unha ollada a este texto. É dunha mestra de Pontevedra, a ver que vos parece.” (Ben, aquí unha pequena digresión: Gloria non é natural de Pontevedra senón de Vilagarcía pero entón vivía aquí, en Pontevedra, nun piso do Campillo, próximo á igrexa de Santa María). A memoria (a mala memoria, debería precisar) non me permite aseguralo pero presumo que eu, e probablemente os meus colegas de dirección, pensamos e poida que mesmo dixeramos en voz alta algo así: “vaites, outra mestra metida a labores de escritora”. En realidade, tiñamos os peores motivos para sentírmonos desconfiados, tendo presente que deberiamos ter comezado por aplicar o conto a nós mesmos: os tres eramos xente dedicada ao ensino, e os tres andabamos enleados coa literatura infantil (ben que Lastra, que eu saiba, nunca deu o paso de escribir tamén el obra literaria). Rexeito que o tal pensamento puidese estar motivado por unha reserva engadida derivada da condición de muller. Non, por favor! Deixemos a cousa en que era certo daquela -e sígueo a ser hoxe, paréceme que en menor medida- que a literatura para infancia estaba en exceso vinculada a concepcións didactistas, e que ese vínculo excesivo se reforzaba no caso dos mestres – escritores (e non particularmente das mestras – escritoras). Pero o certo é que me abondou con ler os primeiros versos –o orixinal era un poemario- para desbotar calquera temor de instrumentalización didáctica. O que era tanto máis notable canto aquel texto era un abecedario versificado. Saíu do prelo co título, que a propia autora propuxera, de Rimas con letras e nel xa estaban presentes boa parte das constantes que ían constituír a persoalísima escrita da nosa autora. O humor, desde logo, as formas de versificación simples e eficaces directamente entroncadas coa tradición popular do cancioneiro infantil, e un punto de mal xenio que se cadra é a súa nota máis diferenciada.
Deixádeme que explique isto do “mal xenio”. Participando eu nunha iniciativa dunha Fundación en Madrid, da que naceu unha proposta desas que a min non me fan nin chisco de graza, pero na que ao final acabo deixándome embarcar -a proposta de escoller os “100 mellores libros da literatura española”, en calquera das súas linguas-, tocoume a min defender a obra de Gloria. E despois de detallar estes e estoutros méritos literarios, con análises que non chamarei “científicas” pero si coa pretensión de certo rigor digamos “académico”, ao final concluín –e foi algo que naceu espontáneo- que a razón principal pola cal a súa obra non podía faltar era porque non había, no eido da literatura infantil española, outro escritor nin escritora con parecida “mala leche”. En castelán, claro, que estabamos en Madrid. Non asegurarei que aquel foi o argumento definitivo para que unha obra de Gloria entrase na lista dos 100 mellores, pero seguro que algo contribuíu. Porque, en efecto, aínda hoxe nas obras para a infancia abúsase en exceso do doce e o agarimoso, dun sentimentalismo que non poucas veces beirea e mesmo sobrancea o relambido e o melindroso. Defectos todos eles que nunca ninguén poderá atopar nun conto nin nun verso de Gloria. Os seus escritos tratan sempre aos seus pequenos lectores ollándoos de ti a ti, sen anicarse a autora artificialmente ao xeito desa xente que fala aos nenos imitando torpemente as súas falas. Ao contrario, ela é das que confía en que serán eles, os nenos e nenas lectores, os que saberán erguerse á altura da súa voz porque non hai cousa que máis odie un pícaro que ser tratado como máis pequeno do que é, nin cousa que máis agradeza que se lle recoñeza que xa é maior do que os miñaxoias lles queren impoñer.
Na obra de Gloria o humor non é nada compracente senón moitas veces acedo, sempre directo, mesmo en ocasións tinxido dun regusto tristeiro, que ao fin non hai por que agochar aos nenos que a vida ten as súas arestas a carón das alegrías. Esta esixencia e fuxida de toda fácil compracencia atópase no cerne de toda a súa escrita. Porque Gloria é unha escritora de vocación, entregada a ese dobre e duro xogo da escoita atenta diso que, a falta doutra palabra mellor, chamamos inspiración, que chega cando lle peta, e a pescuda incesante no traballo diario na mina da palabra. Ela é das que regala músicas novas coas palabras aos oídos dos nenos porque antes estivo atenta ás músicas vellas que estaban aí, nas cancións con que as nais arrolaban aos fillos, nas que cantaban as nenas saltando a corda (os nenos non, nin saltabamos a corda nin cantabamos cancións...), nos refráns e sentencias dos vellos e das vellas que durante tanto tempo ninguén escoitaba.
Cómpre salientar que o que a voz de Gloria traía (e trae aínda) de novo non o era (nin o é) en relación tan só coa literatura de noso, ou como agora se di, con conceptualización impoñente, co “sistema literario galego”. A súa é unha voz persoal mesmo en relación co panorama xeral da literatura que se escribe en España, en toda a península, co que se escribe –atreveríame a dicir, con todos os límites que me impoñen o meu restrinxido coñecemento das obras noutros idiomas- hoxe en calquera lugar. Non é, iso si, unha voz doadamente exportable. Porque unha das marcas máis destacadas da súa escrita é a experimentación verbal, o traballo de xogar coa palabra para retorcela, espremela, burlala, todo sen deixar de acariñala. Hai nela unha conciencia plenamente asumida de que a palabra é o seu ouro, o material precioso co que ela ha facer o seu traballo. E respéctao pero, a un tempo, abrándao e moldéao ata facer aparecer nel vetas que nin sequera sabiamos que estaban alí. Ese material é, claro, o galego. E por esa razón non sempre é doado que o seu valor permaneza cando debe ser trocado, no delicado labor da tradución, noutro equivalente pero nunca idéntico. Precísase que do outro lado, do lado do tradutor, exista un ourive que sexa quen de aplicar ao ouro da outra lingua o mesmo exacto labor. Sei que en castelán é ela mesma quen non poucas veces se ten encargado de coidar do bo resultado da translación.
Non é este o lugar para facer unha análise polo extenso da obra de Gloria Sánchez así que, desde o momento en que souben deste encargo, ía pensando eu no que podía dicir coa brevidade que impón este espazo, en como facer unha mínima xustiza á obra que debo torpemente evocar. E ocorréuseme que podería concentrar o singularísimo mérito do traballo literario de Gloria Sánchez en cinco eminentes virtudes, algunhas das cales xa foron en certo xeito adiantadas no que ata aquí levo dito:
A primeira, a atención concedida á tradición oral, da que bebe coa intelixencia de quen sabe que ela –a tradición- pide ser renovada e non imitada. Obsérvase ben isto no seu cultivo reiterado do adiviñanceiro, que deu como froito esa obra monumental que é 303 adiviñas, precioso libro ao que sen dúbida contribúen tamén as estupendas ilustracións de Pablo Otero Peixe.
(E respecto da particular relación da autora cos ilustradores e ilustradoras permítaseme que abra unha breve paréntese. Seguramente non serán moitos os coñecedores de que Gloria tamén debuxa e faino máis que aceptablemente. De feito, cando a publicación de Rimas con letras, os editores chegamos a discutir sobre a posibilidade de utilizar as imaxes coas que a propia autora acompañaba o texto. Eu sigo pensando que esa edición algunha vez debería ver a luz, sen quitar por iso ningún mérito ás divertidas ilustracións de Maife Quesada, que souberon interpretar moi ben o xogo humorístico que o texto reclamaba a partir da analoxía entre figuras e letras, algo non sempre doado de resolver. En todo caso, a propia Gloria ve o seu labor gráfico cun as veces penso que exceso de modestia e prefire sempre ser acompañada do traballo de ilustradores profesionais. Pero é ao mesmo tempo, e como debe ser, enormemente esixente con ese traballo, e non sempre ten quedado de todo satisfeita, como por outra banda lles pasa algunha vez a todos os escritores. Claro que aquí non vou cometer a imprudencia e indiscreción de falar deses casos de insatisfacción que algunha vez me foron revelados confidencialmente ou, con máis precisión, que algunha vez a min me pareceu interpretar, que a propia discreción da autora non dá pé a outra cousa. Pero si podo falar abertamente de algo que é de público coñecemento: desa case parella de feito que forman ela e o máis internacional dos nosos ilustradores, Xan López Domínguez. O resultado dese encontro ten dado lugar a sagas tan suxestivas como as d’O Capitán Ro e O Grande Tronante, e a través delas podemos ir vendo desenvolverse en paralelo as novas pescudas da escritora a carón da depuración do grafismo do ilustrador ata chegar a esa fascinante peza mestra que é Frangulla, onde a fermosa parábola da loita pola vida do osiño Frangulla, nas desoladas terras xeadas da Antártida, atopa o seu exacto equivalente no sobrio ascetismo das imaxes de Xan. Pero o que se cadra é menos coñecido é que o xenio dos dous amigos ten chocado, como era de agardar, máis dunha vez. Eu, espectador divertido de algunha escaramuza dialéctica entre Xan e Gloria, teño pensado para min que aí asistía, atenuado pola férrea amizade que os une, á reprodución dun vello combate: o que enfrontou no Londres decimonónico ao Carroll das Alicias e ao debuxante Tenniel. Nunca pode ser de todo pacífica a interacción entre o dono –neste caso dona- das palabras e o dono das imaxes, cando aos dous os move unha equivalente esixencia. Pero canta beleza nace ao final dese confronto...!).
A segunda é o humor. Algo tamén adiantei das particulares características do humor da nosa autora: que se trataba dun humor nada compracente e de todo afastado do proteccionismo paternalista tan frecuente nas risas fabricadas para o consumo do lector infantil. É un humor moitas veces corrosivo, que non se para en atacar a institucións respectables como a escola ou a familia, no que garda parentesco coa comicidade de autores como Roald Dahl ou o debuxante escritor Maurice Sendak. Pero, atención, tampouco coido eu que se poida atribuír a Gloria un pecado no que as veces cae este humor un punto anarcoide. O pecado que eu chamarei aquí o “maniqueísmo peterpanista”, segundo o cal os máis dos adultos son túzaros malvados e os nenos e nenas bondadosos inocentes. Si, desde logo, hai en Gloria adultos malvadísimos, dos cales é figura exemplar a odiosa Matapitos, representación de todos os vicios concentrados dun tipo de escolante, que debería ser tan só memoria borrosa da vella escola autoritaria, pero que por desgraza aínda non foron de todo desterrados da nova escola. Pero do outro lado foxe a autora de calquera conmiseración ou benevolencia excesivas na representación do universo infantil. Por procurar un exemplo, entre moitos que podería tirar, propoño quedármonos coa da aprendiza de meiga do Manual para unha pequena meiga. Por se os asistentes o ignoran, alí unha rapaza pode aprender o meigallo para obrigar aos pais a aceptar cans na casa (dou fe que o meigallo funciona e mesmo se virou contra da autora!: era esta contraria aos cans, pero cometeu a neglixencia de non só escribir este libro senón de ademais deixar que o lesen as fillas e agora ten que aturar cunha cadela tan grande coma ela), como gañar cartos “estilo rata”, como poñerse a voar ou como enmeigar a Rubén, un rapaz que está tolo polo fútbol, entre outras posibilidades, todas enormemente útiles. Este é un libro que ilumina ben un certo paradoxo da mellor literatura infantil contemporánea. Por aí hai aínda xentes que pensan que as obras para a infancia son libros “menores”, cheos de consellos moralistas para facer dos nenos santiños, cando, como ten dito a autora americana Alison Lurie, nun ensaio de título ben expresivo (Non llelo contes aos maiores. Literatura infantil, espazo subversivo), son obras que, ao situar o punto de vista case a ras de terra, desde a ollada libre de prexuízos dos nenos e nenas, revelan a roña agochada baixo os adornos aparentes co que os adultos vestimos os nosos convencionalismos sociais. Libros, logo, subversivos, como subversivo é este Manual do que lerei un dos seus perigosísimos consellos:
“Está claro que necesitas como mínimo 200 pesetas para comprar ratas –dille a bruxa Ana Manana á aprendiza- pero para este feitizo non vale diñeiro dos aforros nin gañado honradamente. A un home miserable e ruín, hai que pagarlle con moeda gañada de maneira miserable e ruinzalla.” Son só eu o que percibo aquí o ecoar da acrimonia do escepticismo moral duns tempos de desencanto?
A terceira virtude é seguramente a que mellor acae a esta dimensión da escritora de observadora tan atenta como desencantada do seu propio tempo, algo que unha vez máis moita xente podería pensar tarefa fóra do alcance do autor de literatura infantil. Gloria afróntao, como case todo, sen alzar a voz, cunha singular sinxeleza, que é outra virtude ben difícil de conquistar. Estou a falar da súa construción de potentísimas figuras alegóricas cun gran poder simbólico. Salientarei especialmente dúas: o señor Clin d’A casa de vidro do señor Clin e o anónimo Home do impermeable amarelo. Os dous contos gozaron nas súas edicións da contribución adicional dunhas magníficas ilustracións do artista valenciano Miguel Calatayud. O señor Clin e o home do impermeable amarelo son sínteses precisas da desorientación do home contemporáneo. A casa transparente do señor Clin é unha metáfora da condición paradoxal e finalmente dramática da radical visibilidade do noso mundo mentres que o home do impermeable ofrece un enigmático simbolismo tralo cal eu creo albiscar unha complexa reflexión sobre o oficio do escritor.
Da cuarta xa teño falado: o “mal xenio” ou “mala leche” pero quero aquí, non só recuperala para incluíla entre as virtudes eminentes, senón ademais exemplificala con algunha referencia concreta. En Cabeciña a paxaros e outras historias, sabemos dun “home presumido e fachendoso que tiña moitos fumes” que, querendo impresionar a unha muller fermosa, botou tales fumaradas que acudiron os bombeiros e baixáronlle definitivamente os fumes. Ou dun “home miserento e avaro” que botaba chispas cada vez que a muller facía unha compra que non consideraba “estritamente necesaria”, ata que a muller deu cunha solución satisfactoria para todos: ela seguía mercando o que lle gustaba e de paso aproveitaba as chispas do home para alumear gratis a casa. Figuras cómicas que, baixo o seu humor paródico, encerran un retrato nada indulxente dos vicios sociais. Nun dos seus últimos contos publicados, Florentino, o príncipe Quino, dálle unha nova volta ao mundo do revés: un príncipe cocho, nun reino de cochos ben porcallentos, que gusta das flores perfumadas e de lavarse con auga clara. E o que parece que é un simple xogo de inversión cómica, descóbrese ao final como unha reflexión inquietante sobre o dereito do individuo a saír dos esquemas sociais prefixados.
E, para concluír, a quinta virtude véxoa eu na condición de Gloria de frecuentadora dos tres xéneros esenciais da literatura dirixida á infancia: poesía, conto e teatro. Pero non só por frecuentalos, claro, senón por ternos entregado, en cada un deles, obras de excepcional mestría. Das dúas primeiras xa teño citado exemplos, así que é obrigado que peche estas palabras cunha breve reflexión sobre o teatro de Gloria. Nel reitéranse todas as marcas do seu inconfundible estilo que viñemos anotando: o gusto polas fórmulas tomadas da tradición oral, renovándoas, a invención e o xogo verbais, o humor acedo, a crítica de institucións e convencións sociais feita sen aparentes pretensións, concedendo a voz aos que están máis abaixo, a comezar polos nenos. Ou polos animais, dos que observo agora que apenas teño dito nada cando ocupan lugar principalísimo no dramatis persoae das obras da autora, incluíndo tamén as súas pezas teatrais. Por iso tomarei como exemplo unha preciosa colleita de peciñas inspiradas en contos tradicionais, perfectas para ser montadas directamente pola rapazada nas escolas, e que reuniu baixo o título afortunadísimo de Teatro feroz. A min agora o que realmente me gustaría é sacar aquí diante a tres ou catro voluntarios para representarmos algunha das escenas d’A ratiña feroz ou de Gonzalo Quirico. Confórmense os asistentes con escoitar a miña modestísima interpretación do encontro da Ratiña co seu primeiro admirador:
- Ei porco?
- E a min?
- Élle, si señor.
- Pois saiba, señora Rata, que a min ninguén me chama porco, que fun bautizado e chámome Edelmiro Corricho do Cortello.
Ai, as convencións sociais, preciosa Ratiña! Nin nos contos pódese chamar porcos aos porcos...
Verase que nada falei de premios e honras. Non porque a escritora non os teña gañado, que os ten, moitos e ben merecidos. Simplemente porque eu son dos que penso que a lista de premios (moitos, poucos ou ningún) son adherentes superfluos no retrato dun autor. Abonda coas súas obras. Aquí non foron citadas todas. Pero abonda por hoxe. Que os asistentes, lectores, continúen a descuberta pola súa conta.
Salón do Libro, Pontevedra 2011
No hay comentarios:
Publicar un comentario en la entrada