Aquí deixamos o artigo semanal de Redelibros. Esta semana, María Canosa explícanos o seu particular punto de vista sobre a literatura, as súas tendencias, a conexión co público... De lectura necesaria, sen dúbida:
¿CAL É O PRINCIPAL OBXECTIVO DA LITERATURA?
Como me resulta difícil decantarme entre o de entreter, ensinar, divertir, educar, emocionar, preservar, xogar, transformar, axudar, evolucionar, soñar,… voume ir á orixe da mesma. E como esta naceu de xeito oral, non me queda máis remedio que dicir que a literatura naceu pola necesidade de transmitir (ben sexa crenzas, historias, coñecementos, sentimentos,…). Aí radica, pois, a súa razón de ser.
Todo isto preguntábamo porque, dende hai un tempo, veño observando que existen certas tendencias na literatura, como modas a seguir, tanto polos lectores, coma polos escritores e os editores. Para saber da súa orixe, decidín buscar no obxecto que perseguían.
Todos coñecemos as épocas na que as novelas históricas causaron furor. Tamén as houbo nas que se cuestionaban os principios relixiosos. Logo viñeron as ambientadas na Guerra Civil, e as que databan a súa acción na Idade Media ou séculos anteriores ao actual. Tamén tiveron o seu momento de auxe, as predicións sobre o que nos acontecerá no futuro.
Pero non só o tempo marca as modas literarias. O emprazamento físico tamén ten as súas épocas de auxe. Italia vén sendo o escenario de moitas obras recentes, por poñer un exemplo.
Isto, sen embargo, non é unha tendencia actual. Moi atrás, xa a literatura deu en xirar en torno a temas, espazos, ou épocas determinadas e repetidas segundo o momento.
E isto é, precisamente, pola versatilidade que nos ofrece a literatura. Pode adaptarse a lugares e tempos diferentes segundo o desexo do escritor. Por iso, cal é o motivo de que se repitan estes paradigmas? Pois o mercado. Se unha obra funciona ben entre os lectores, esta axuda a que outros autores imaxinen, pensen e traten temas similares noutras historias por crear. E un editor, por suposto, tamén apostará por un valor que considera seguro.
O mesmo ocorre cos escritores. Se un autor conecta co público, será máis doado que unha obra súa sexa aceptada polo lector, xa que evitamos levantar a barreira do descoñecido, ese xa é un traballo feito.
Por iso eu quixera que non só se valorasen as últimas modas para sacar novas obras á luz. Gustaríame que tanto creadores, como editores e lectores, teñamos unhas miras máis abertas, e esteamos dispostos a novos retos.
Por suposto, un dos obxectivos principais da literatura é entreter, pero tamén enriquecernos.
Neste sentido, o máis receptivo de todos, quizais, sexa o público infantil. De aí que o maior dos avances e innovacións realizadas nos últimos tempos na nosa literatura, sexan os álbumes ilustrados, nos que, incluso o formato, é máis flexible a mudar.
De aí púidose avanzar tamén ao álbum narrativo, no que se poden propoñer desde xogos de busca, ata xogos de observación (aínda que estes formatos sexan aínda minoritarios no noso mercado)
A seguir deuse un grande salto, moi positivo, á novela ilustrada. Un novo mundo por explorar, que apenas acaba de facer unha pequena incursión. Ou mesmo os cadernos de viaxes como libros exclusivamente de ilustracións, que pouco a pouco nos contan a través de debuxos, diferentes contextos.
Non quero esquecerme das bandas deseñadas, que sobreviviron a todos os tempos, e mantiveron o seu lugar a pesar dos cambios.
A ilustración, polo tanto, foi avanzando aos pouquiños no eido literario. Os grandes grupos nos que se encadra a literatura escrita, sen embargo, seguen a manterse fixos. A novela, o relato, a poesía, o ensaio, o teatro.
Apenas se fan maiores distincións, e créanme que considero que hai unha extensa gamma de oportunidades dentro de cada un deles.
Os microrrelatos son case uns descoñecidos, por exemplo. En canto á poesía, nela danse cabida estilos completamente diferentes, que se saen das normas clásicas. Os relatos tampouco son o xénero máis estendido comercialmente.
E todo isto, só por poñer algún exemplo.
Aos lectores, tamén os hai que educar. E para isto, non hai mellor opción que a de ofrecerlle un abano de posibilidades o máis amplo posible. Xa logo o seu criterio decidirá que é o que lle gusta e o que non.
Porque hai textos moi coidados literalmente que, sen embargo, non teñen por qué chegar a todos os lectores, pois hai quen sentirá predilección por un vocabulario máis sinxelo, que lle axude a manter o fío da historia. E con isto non estou dicindo, nin moito menos, que non se coide a calidade literaria. Non. Este aspecto está por riba de calquera outro, pero tamén é certo que non por utilizar máis cultismos, se enriquece un texto.
E xa que estamos abrindo a nosa literatura aos clásicos (con reedicións), e aos estranxeiros (con traducións), abrámola tamén, a nós mesmos, permitindo a achega de novos formatos, novas ideas, novas formas de expresión.
Porque, xa que o obxectivo da literatura é transmitir, segundo o que desexemos dicir, será mellor utilizar diferentes formas e expresións.
Está claro que o obxectivo da literatura non é cambiar o mundo, pero si posiblemente, amosarnos os distintos puntos desde os que poder observalo e diagnosticalo, a través dos libros.








