31.3.11

GUÍA LIX NON DISCRIMINATORIA



Hoxe presentouse no IES Rosalía de Castro a Guía LIX non Discriminatoria, publicada por Gálix coa colaboración da Xunta de Galicia.

Un traballo impecable, que tivo unha boísima acollida.


As coordinadoras da Guía foron Montse Pena Presas e Pilar Sampedro, que tamén se encargaron da redacción, xunto con María López Sánchez.


Do Glosario de Autoras e Autores encargouse Ánxela Gracián, e a Maquetación e Deseño foi labor de Manuel Figueiras.


Podes consultar a guía aquí.

XOSÉ NEIRA VILAS: SOCIO DE HONRA DE GÁLIX



Lembramos que mañá, venres 1 de abril ás 11:00 h., na Biblioteca González Garcés da Coruña, Gálix entregará ao escritor Xosé Neira Vilas o título que o acredita como Socio de Honra da asociación.
Os actos da entrega, nos que participará o autor de Gres, están enmarcados na inauguración dunha mostra de cubertas arredor das distintas edicións en diferentes linguas de Memorias dun neno labrego, Querido Balbino, organizada pola Dirección Xeral do Libro. Co gallo do nomeamento, Gálix editou un libro, en colaboración coa Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, titulado Cartas a Balbino que se repartirá de balde durante o acto.

30.3.11

GÁLIX EN BOLOÑA



Na foto: Francisco Castro, Presidente de Gálix, e Concha Blanco, Vicepresidenta, no stand galego da Feira de Boloña.

Gálix vén de presentar na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña o catálogo Galician Books for Children & Young People 2011, editado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil en colaboración coa Xunta de Galicia, e que recolle a produción galega destinada ao público máis novo do último ano.
O acto contou coa intervención do presidente de GÁLIX, Francisco Castro, o presidente da Asociación de Editores Galegos, Manuel Bragado e co subdirector xeral de Bibliotecas, José Daniel Buján Núñez.

O catálogo foi realizado en versión trilingüe, galego, castelán e inglés, para garantir o acceso das linguas maioritarias da nosa contorna cultural cara a outras demograficamente máis pequenas. Galician Books for Children & Young People 2011 confirma o crecemento de Galicia na calidade dos títulos ofertados, así como una presenza cada vez máis importante no exterior. Neste momento, Galicia conta con ilustradoras e ilustradores demandados desde os países máis avanzados neste eido de Europa e de América.

O momento de cambio que está a experimentar o libro, en canto a contidos e soportes e no que atinxe aos retornos económicos derivados da produción, require una atención especial para ocupar os novos espazos da globalidade, nos que os sistemas de comunicación e de información permítenlle á tradicionalmente considerada periferia competir en igualdade cos centros importantes recoñecidos ata o momento.
Deste xeito, o libro galego procura unha oferta con personalidade propia para o público actual e manter unha imaxe de calidade que garanta os contidos das obras producidas en Galicia, que, a partir de agora, poderán acollerse á marca Galician Books, para a súa promoción no exterior.


Feira Internacional de Boloña

Na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña tamén se amosa o labor realizado polos creadores galegos no eido da ilustración. Nesta feira, de carácter eminentemente profesional, as editoriais presentes realizan un labor de oferta, captación e intercambio de obras e dereitos. Isto ten un beneficio directo para as firmas presentes, pero ademais contribúe a crear unha imaxe de calidade do libro galego e, por extensión, de todo o que se poida identificar con Galicia de cara aos mercados internacionais. Neste evento editorial están representadas no expositor de Galicia 16 editoriais: Edicións Obradoiro, Baía Edicións, Editorial Galaxia, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Edicións Embora, Editorial Everest, Ir Indo Edicións, Editorial El Patito, Edicións Nigra Trea, Edicións Xerais, Editorial Ideas Propias, Edicións Toxosoutos, Biblos Clube de Lectores, OQO Editora e Edicións do Cumio.

Ademais, este ano, Gálix fixo unha aposta especial pola ilustración galega. Xunto co Catálogo de Boloña, presentouse na feira unha montaxe audiovisual que recolle gran parte da produción artística dos nosos ilustradores e ilustradoras e que pronto colgaremos na Web de Gálix.

29.3.11

A LECTURA COMO ESPAZO PRIVADO: POR FINA CASALDERREY


“Se se sementan ben, nunca as palabras de amor esquecen de todo nin nos corazóns máis bravos.” (Cabalo de ouros, Víctor Freixanes)

Para explicar a maxia que o acto de ler entraña ao meu ver, pedinlle aos trasgos que me conducisen, non ao momento no que aprendín a descifrar un código escrito, senón a cando —aínda preadolescente— houben de ler para outra persoa sen ser de todo consciente do privilexio do que gozaba.

Había en Lérez, a carón da miña casa, unha velliña que podía ler nos píos dos paxaros, nas cores das uvas, nas miradas, nos silencios, no respirar da xente, no cristal das augas, na ladaíña da brisa, nos latexos da luz, nos magnolios, nas tatuaxes do tempo, nas melancolías..., pero non sabía descodificar palabras escritas. A señora Aurora chamábame cada vez que recibía carta do seu fillo. Antes de a ler, as dúas descoñeciamos o que dicía; era coma se, xuntas, fósemos exploradoras na procura de algo que estaba a piques de ser, pero que aínda non era. Eu ignoraba que ler para outros tiña unha historia máis longa e viaxeira e que, en moitos lugares, mesmo chegara a ser unha institución. Xa Plinio o Novo mencionaba nas súas cartas o momento no que, na hora do xantar e na compaña da súa familia, pedía que lles lesen en voz alta; daquela o libro viraba nun talismán.

A señora Aurora sentaba nunha vella cadeira de madeira e eu na súa cama, sobre unha colcha, que uns días aparecía cuns faisáns da cor do ouro nun estanque morado, e outros, eran os faisáns quen se volvían morados e o estanque da cor do ouro. Cheiraba a mazás, a leña, a cirio, a estampas dos santos que recortaba dos calendarios e que poboaban as paredes. Sacaba do seo a carta, entregábama nun rito secreto e, cal navío nunha tempestade de tenrura, agardaba ancorada naquel porto a que eu comezase coa lectura. Eu era a súa inocente —e inconsciente— confidente oficial.

Vestía a miña voz con toda a solemnidade de que era capaz para transcribir aquela letra bicuda en palabras, algunhas delas continuaban a gardar algúns segredos para min. Eran cartas que principiaban falando de saúde, continuaban coma un diario de abordo que recollese todo o que ía acontecendo nun tempo de travesías e de ausencias para remataren con saúdos ata para a veciñanza. Polo rabo do ollo observaba o rostro da señora Aurora: agromaba un sorriso, unha bágoa... Nada máis rematar, pedíame que lla repetise unha vez, e outra vez, e outra máis... Logo entregáballa, marchaba e ela permanecía hipnotizada, coa mirada prendida naquel papel raiado cunha paz de seda, lendo sen saber ler; a soas con aquela canción que o seu fillo escribira para ela, sen intermediarios, nunha liberdade máis íntima.

A señora Aurora influíu en que eu nunca tivese necesidade de me preguntar por que prefiro as flores en xardíns e non en xerros chineses, por que me atrae o mar e as cancións da auga, incluso cando levanta a súa crista branca coma gato furioso, se apenas sei nadar; por que me gusta o madurar das cereixas na árbore, entrar nunha catedral en verán… Por que aínda me habitan os contos que me contaba meu pai; por que me sabe a larpeirada de festa o bico do fillo ou da filla que chegan; por que reteño, despois de tantos anos, na xema do meu furabolos a textura das súas enxivas rotas, a piques xa de lles saír o primeiro dente; por que é tan forte o abrazo dunha mirada tras una reconciliación… ou por que a humanidade segue a ler despois de tantos séculos.

Foi daquela que descubrín que precisamos engadir unha lectura silenciosa a todo o que vemos, oímos, tocamos... para apreixalo e que, quizais sexa o feito de saber ler, esa casa común que mellor nos acubilla e nos permite un estado de independencia. Aprendín que hai infinitas maneiras de ler, pero coido que a mellor de todas é ese diálogo privado, sen intermediarios, ese espazo solitario no que non hai que dar contas a ninguén.

Hoxe non me sorprende que o ritual de aprender a ler fose celebrado xa nalgunhas sociedades medievais con gran solemnidade. O mestre escribía nunha pequena lousa e lía, o neno repetía; logo untáballa de mel e o neno lambía de maneira física aquelas palabras. Non é unha fermosa e doce metáfora?

Imaxino o gozo de ler coma un birrio, un paxaro que voa día e noite; sempre disposto a levarnos a lugares fantásticos, inquietantes, de descubrimento ou a removernos nas conciencias... Abonda cun libro na man, libremente. Con cal?


Dunha volta pedíronme que escollese un libro da infancia que considerase imprescindible para unha biblioteca ideal: “Aquel que máis influíu en ti. É obvio que todo o mundo ten un libro que sitúa por riba...". Aquilo de que "todo o mundo" o tivese tan claro, paralizoume; eu non o vin con tanta nitidez. Non lin todos os libros que se publicaron, nin sequera todos os galegos, iso créame a sensación de que deixo no camiño auténticos tesouros por descubrir. Púxenme a matinar en cal era o meu libro “imprescindible” da nenez e non fun quen de atopar na miña experiencia persoal máis ca libros que me gustaron moito... e dalgúns apenas podo lembrar datos. Conservo, iso si, a ilusión de ter lido, de mollar os dedos coa lingua para ir pasando follas, envelenándome de sedución; ignoro se lle souben dar interpretación a aquelas lecturas indisciplinadas, clandestinas e, ás veces, irreflexivas e cándidas, que cambiabamos nos quioscos de onda a praza de abastos. Pero sei que era unha lectura moi gozosa, privada, sen ataduras…

Ben seguro que un veciño meu, pouco maior ca min, sabería dar conta da resposta sen titubeos. Lembro cando, con escasos libros á nosa disposición, nos abraiaba coa súa erudición na habitual camiñada dende a praza de Méndez Núñez —á saída da "pasantía"— ata a Porta do Sol de Lérez, onde viviamos. "Pero, non sabedes de tal libro? Non coñecedes tal autor?" Disparábanos coas balas da súa fatuidade intelectual —nunca falaba do que a lectura lle producira, dos seus soños, da súa ollada...— e nós sentiamos un medo xeado ás terribles consecuencias que descoñecer aquel título podería ocasionarnos no futuro.

Dalgunhas lecturas que no seu día me foron moi pracenteiras, só lembro as circunstancias que as rodeaban: a banda sonora de miña nai premendo no pedal da Werteim, cantando aquelas coplas que eu aínda hoxe podería reproducir mentres ían saíndo puños e colos de camisas unidos por un fío— coma restras de chourizos e que eu debería separar coa tesoira, darlles a volta e deixalos listos para o pespunto— mentres eu, a soas cun libro, esquecía esas obrigas. Quizais nese intre o libro me estivese a dar a volta a min… De súpeto, un sobresalto: “Que andas a facer?” e a sensación de ser pillada nas patacas cando abría a porta.

Nin sequera recordando os que lin despois con outros criterios, fun quen de dar con ese libro. A palabra afogábame: “imprescindible” para que, para quen? Substituín "imprescindible" por "digno" e foi coma se abrisen unha ventá; sentín un aire fresco, ateigado de libros dignos. Os libros foron un invento dos humanos e, nin uns nin outros, individualmente, somos imprescindibles, aínda que poidamos optar á dignidade e a ser colectivamente necesarios.

Veño de ler, poño por caso, Cabalo de ouros de Víctor Freixanes.

Non sei o que me quedará desta historia co tempo, pero sei que a lin na miña estancia privada e foi como engadir outro cuarto máis á miña casa íntima. Sentín ese gozo de ler sen ter que dar contas. Só pensaba en ter un momento para seguir lendo, para me deter a mirar ao ceo a beber certas pasaxes como beben as aves, mentres me batían no peito e no cerebro. Paseniño fun sentindo o gozo de penetrar, cal testemuña directa dos feitos, nos seus armazóns secretos. Non sei se me quedarán para sempre os tres libros no alzadeiro da casa de Amaral, se o noxo que sentín polo de Lombardos e os seus desafogos coa Rosaura, esa bolboreta de Shangai que “cun levísimo aletexo é quen de desatar de súpeto un tsunami no Índico”. Esa “bolboreta trincada nas gadoupas da donicela”: “Hei facer de ti unha muller”, dixéralle. Mala chispa o fenda!!!

Quizais me quede para sempre a historia da monxa de clausura e o seu irmán máis vello, o Fuco Fariña. Canta tenrura me inspirou, canta mágoa… Tempos de ameazas e traizóns. Rin cos nomes das monxiñas e vin ao pobre do Vituquiño por aqueles corredores escuros do convento coa lámpada de aceite —de saín, supoño—coma un paxaro da morte co seu sudario branco. Tamén rin ao imaxinar todas as pupilas da Portuguesa a bicarlle a man cos seus cartos ao Lobeiras e a rezar polo milagre de multiplicar os seus aforros na gran aposta dunha longuísima partida de cartas. Namoroume especialmente a personaxe de Amalia e mesmo me arrincou algún sorriso aquela súa maneira de falar… “Oxalá peche os ollos e non esperte, pero non fai falla que sexa mañá” e ese seu ton que enche a novela contra o final cunha chama lene que non se apaga, coma as bolboretiñas do aceite das igrexas. Un mundo “no que as mulleres teñen soles ben diferentes”.

A chuvia mollando o mundo… Esa paisaxe rural cos seus verdadeiros nomes, que a min se me fai tan familiar, ese discorrer do río Alba “que ía deitarse aos pés dos vilanoveses espreguizando polas xunqueiras coma unha raposa cansa de perseguir galiñas…” Esas sensacións que te fan ir gozando de camiño. Hai tanta sutil poesía sementada! Talvez me quede esa música do Cego das Viñas que se perde entre as caeiras… Os refachos de metralleta, rapidísimos, dunha época caciquil e represiva. A tensión do xogo nos momentos finais da partida: o da Ponderosa contra o de Boullón, os da banda das rías contra os da montaña… Todo alí, comprometido. As respiracións, as olladas… E logo, coma unha barca que dese de súpeto cun inesperado rápido, o atraco que todo o precipita. Foi coma se o cabalo de ouros cobrase vida, desbocado, convertido nun cabalo de lume e auga que o queima todo e que todo o apaga, asemade. Fíxome regresar á propia infancia: Tamén eu volvía á casa estremecida pola apocalipse daquel inferno do que nos falaba o noso cura, dabondo parecido ao tal don Teodoro.

Sentín que na novela cabe o mundo enteiro: a ambición que trouxo o wolfran, a reivindicación, a rebeldía, a traizón, o amor e o desamor, a bondade e a maldade, a morte, a guerra, a opresión, o caciquismo, o medo, a emigración, os abusos, a ignorancia de todos aqueles que —espidos de capacidade emprendedora, de ganas de salvar o seu mundo—, con cartos, pensaron que xa abondaba para sacar adiante unha Vilanova decrépita e viciada co consentimento de todos os vilanoveses.

Non me importaría ler a viva voz, con solemnidade, tal como facía coas cartas da señora Aurora —aínda que agora máis consciente—, algunhas pasaxes deliciosas, pero o que máis me prestou foron os momentos privados, lendo con degoiro, libre de compromiso algún. Creo que é esa sensación que me vai quedar para sempre.

¿Que é, co tempo, o que nos queda dunha lectura? Ao mellor é un escoitar no silencio, un recendo a café no sofá da nostalxia… porque, de certo, se se sementan ben, nunca as palabras de amor esquecen de todo nin nos corazóns máis bravos.

27.3.11

LAUDATIO HOMENAXE A GLORIA SÁNCHEZ: POR MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE


PARA GLORIA SÁNCHEZ

Escoitei por vez primeira o nome de Gloria Sánchez a finais da década dos oitenta, exercendo funcións de director da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia, dirección que daquela compartía con Agustín F. Paz e Xosé Lastra. Dirixía a editorial Víctor Freixanes e un día nos chegou cun orixinal e unha encomenda: “Botádelle unha ollada a este texto. É dunha mestra de Pontevedra, a ver que vos parece.” (Ben, aquí unha pequena digresión: Gloria non é natural de Pontevedra senón de Vilagarcía pero entón vivía aquí, en Pontevedra, nun piso do Campillo, próximo á igrexa de Santa María). A memoria (a mala memoria, debería precisar) non me permite aseguralo pero presumo que eu, e probablemente os meus colegas de dirección, pensamos e poida que mesmo dixeramos en voz alta algo así: “vaites, outra mestra metida a labores de escritora”. En realidade, tiñamos os peores motivos para sentírmonos desconfiados, tendo presente que deberiamos ter comezado por aplicar o conto a nós mesmos: os tres eramos xente dedicada ao ensino, e os tres andabamos enleados coa literatura infantil (ben que Lastra, que eu saiba, nunca deu o paso de escribir tamén el obra literaria). Rexeito que o tal pensamento puidese estar motivado por unha reserva engadida derivada da condición de muller. Non, por favor! Deixemos a cousa en que era certo daquela -e sígueo a ser hoxe, paréceme que en menor medida- que a literatura para infancia estaba en exceso vinculada a concepcións didactistas, e que ese vínculo excesivo se reforzaba no caso dos mestres – escritores (e non particularmente das mestras – escritoras). Pero o certo é que me abondou con ler os primeiros versos –o orixinal era un poemario- para desbotar calquera temor de instrumentalización didáctica. O que era tanto máis notable canto aquel texto era un abecedario versificado. Saíu do prelo co título, que a propia autora propuxera, de Rimas con letras e nel xa estaban presentes boa parte das constantes que ían constituír a persoalísima escrita da nosa autora. O humor, desde logo, as formas de versificación simples e eficaces directamente entroncadas coa tradición popular do cancioneiro infantil, e un punto de mal xenio que se cadra é a súa nota máis diferenciada.

Deixádeme que explique isto do “mal xenio”. Participando eu nunha iniciativa dunha Fundación en Madrid, da que naceu unha proposta desas que a min non me fan nin chisco de graza, pero na que ao final acabo deixándome embarcar -a proposta de escoller os “100 mellores libros da literatura española”, en calquera das súas linguas-, tocoume a min defender a obra de Gloria. E despois de detallar estes e estoutros méritos literarios, con análises que non chamarei “científicas” pero si coa pretensión de certo rigor digamos “académico”, ao final concluín –e foi algo que naceu espontáneo- que a razón principal pola cal a súa obra non podía faltar era porque non había, no eido da literatura infantil española, outro escritor nin escritora con parecida “mala leche”. En castelán, claro, que estabamos en Madrid. Non asegurarei que aquel foi o argumento definitivo para que unha obra de Gloria entrase na lista dos 100 mellores, pero seguro que algo contribuíu. Porque, en efecto, aínda hoxe nas obras para a infancia abúsase en exceso do doce e o agarimoso, dun sentimentalismo que non poucas veces beirea e mesmo sobrancea o relambido e o melindroso. Defectos todos eles que nunca ninguén poderá atopar nun conto nin nun verso de Gloria. Os seus escritos tratan sempre aos seus pequenos lectores ollándoos de ti a ti, sen anicarse a autora artificialmente ao xeito desa xente que fala aos nenos imitando torpemente as súas falas. Ao contrario, ela é das que confía en que serán eles, os nenos e nenas lectores, os que saberán erguerse á altura da súa voz porque non hai cousa que máis odie un pícaro que ser tratado como máis pequeno do que é, nin cousa que máis agradeza que se lle recoñeza que xa é maior do que os miñaxoias lles queren impoñer.

Na obra de Gloria o humor non é nada compracente senón moitas veces acedo, sempre directo, mesmo en ocasións tinxido dun regusto tristeiro, que ao fin non hai por que agochar aos nenos que a vida ten as súas arestas a carón das alegrías. Esta esixencia e fuxida de toda fácil compracencia atópase no cerne de toda a súa escrita. Porque Gloria é unha escritora de vocación, entregada a ese dobre e duro xogo da escoita atenta diso que, a falta doutra palabra mellor, chamamos inspiración, que chega cando lle peta, e a pescuda incesante no traballo diario na mina da palabra. Ela é das que regala músicas novas coas palabras aos oídos dos nenos porque antes estivo atenta ás músicas vellas que estaban aí, nas cancións con que as nais arrolaban aos fillos, nas que cantaban as nenas saltando a corda (os nenos non, nin saltabamos a corda nin cantabamos cancións...), nos refráns e sentencias dos vellos e das vellas que durante tanto tempo ninguén escoitaba.

Cómpre salientar que o que a voz de Gloria traía (e trae aínda) de novo non o era (nin o é) en relación tan só coa literatura de noso, ou como agora se di, con conceptualización impoñente, co “sistema literario galego”. A súa é unha voz persoal mesmo en relación co panorama xeral da literatura que se escribe en España, en toda a península, co que se escribe –atreveríame a dicir, con todos os límites que me impoñen o meu restrinxido coñecemento das obras noutros idiomas- hoxe en calquera lugar. Non é, iso si, unha voz doadamente exportable. Porque unha das marcas máis destacadas da súa escrita é a experimentación verbal, o traballo de xogar coa palabra para retorcela, espremela, burlala, todo sen deixar de acariñala. Hai nela unha conciencia plenamente asumida de que a palabra é o seu ouro, o material precioso co que ela ha facer o seu traballo. E respéctao pero, a un tempo, abrándao e moldéao ata facer aparecer nel vetas que nin sequera sabiamos que estaban alí. Ese material é, claro, o galego. E por esa razón non sempre é doado que o seu valor permaneza cando debe ser trocado, no delicado labor da tradución, noutro equivalente pero nunca idéntico. Precísase que do outro lado, do lado do tradutor, exista un ourive que sexa quen de aplicar ao ouro da outra lingua o mesmo exacto labor. Sei que en castelán é ela mesma quen non poucas veces se ten encargado de coidar do bo resultado da translación.

Non é este o lugar para facer unha análise polo extenso da obra de Gloria Sánchez así que, desde o momento en que souben deste encargo, ía pensando eu no que podía dicir coa brevidade que impón este espazo, en como facer unha mínima xustiza á obra que debo torpemente evocar. E ocorréuseme que podería concentrar o singularísimo mérito do traballo literario de Gloria Sánchez en cinco eminentes virtudes, algunhas das cales xa foron en certo xeito adiantadas no que ata aquí levo dito:

A primeira, a atención concedida á tradición oral, da que bebe coa intelixencia de quen sabe que ela –a tradición- pide ser renovada e non imitada. Obsérvase ben isto no seu cultivo reiterado do adiviñanceiro, que deu como froito esa obra monumental que é 303 adiviñas, precioso libro ao que sen dúbida contribúen tamén as estupendas ilustracións de Pablo Otero Peixe.

(E respecto da particular relación da autora cos ilustradores e ilustradoras permítaseme que abra unha breve paréntese. Seguramente non serán moitos os coñecedores de que Gloria tamén debuxa e faino máis que aceptablemente. De feito, cando a publicación de Rimas con letras, os editores chegamos a discutir sobre a posibilidade de utilizar as imaxes coas que a propia autora acompañaba o texto. Eu sigo pensando que esa edición algunha vez debería ver a luz, sen quitar por iso ningún mérito ás divertidas ilustracións de Maife Quesada, que souberon interpretar moi ben o xogo humorístico que o texto reclamaba a partir da analoxía entre figuras e letras, algo non sempre doado de resolver. En todo caso, a propia Gloria ve o seu labor gráfico cun as veces penso que exceso de modestia e prefire sempre ser acompañada do traballo de ilustradores profesionais. Pero é ao mesmo tempo, e como debe ser, enormemente esixente con ese traballo, e non sempre ten quedado de todo satisfeita, como por outra banda lles pasa algunha vez a todos os escritores. Claro que aquí non vou cometer a imprudencia e indiscreción de falar deses casos de insatisfacción que algunha vez me foron revelados confidencialmente ou, con máis precisión, que algunha vez a min me pareceu interpretar, que a propia discreción da autora non dá pé a outra cousa. Pero si podo falar abertamente de algo que é de público coñecemento: desa case parella de feito que forman ela e o máis internacional dos nosos ilustradores, Xan López Domínguez. O resultado dese encontro ten dado lugar a sagas tan suxestivas como as d’O Capitán Ro e O Grande Tronante, e a través delas podemos ir vendo desenvolverse en paralelo as novas pescudas da escritora a carón da depuración do grafismo do ilustrador ata chegar a esa fascinante peza mestra que é Frangulla, onde a fermosa parábola da loita pola vida do osiño Frangulla, nas desoladas terras xeadas da Antártida, atopa o seu exacto equivalente no sobrio ascetismo das imaxes de Xan. Pero o que se cadra é menos coñecido é que o xenio dos dous amigos ten chocado, como era de agardar, máis dunha vez. Eu, espectador divertido de algunha escaramuza dialéctica entre Xan e Gloria, teño pensado para min que aí asistía, atenuado pola férrea amizade que os une, á reprodución dun vello combate: o que enfrontou no Londres decimonónico ao Carroll das Alicias e ao debuxante Tenniel. Nunca pode ser de todo pacífica a interacción entre o dono –neste caso dona- das palabras e o dono das imaxes, cando aos dous os move unha equivalente esixencia. Pero canta beleza nace ao final dese confronto...!).

A segunda é o humor. Algo tamén adiantei das particulares características do humor da nosa autora: que se trataba dun humor nada compracente e de todo afastado do proteccionismo paternalista tan frecuente nas risas fabricadas para o consumo do lector infantil. É un humor moitas veces corrosivo, que non se para en atacar a institucións respectables como a escola ou a familia, no que garda parentesco coa comicidade de autores como Roald Dahl ou o debuxante escritor Maurice Sendak. Pero, atención, tampouco coido eu que se poida atribuír a Gloria un pecado no que as veces cae este humor un punto anarcoide. O pecado que eu chamarei aquí o “maniqueísmo peterpanista”, segundo o cal os máis dos adultos son túzaros malvados e os nenos e nenas bondadosos inocentes. Si, desde logo, hai en Gloria adultos malvadísimos, dos cales é figura exemplar a odiosa Matapitos, representación de todos os vicios concentrados dun tipo de escolante, que debería ser tan só memoria borrosa da vella escola autoritaria, pero que por desgraza aínda non foron de todo desterrados da nova escola. Pero do outro lado foxe a autora de calquera conmiseración ou benevolencia excesivas na representación do universo infantil. Por procurar un exemplo, entre moitos que podería tirar, propoño quedármonos coa da aprendiza de meiga do Manual para unha pequena meiga. Por se os asistentes o ignoran, alí unha rapaza pode aprender o meigallo para obrigar aos pais a aceptar cans na casa (dou fe que o meigallo funciona e mesmo se virou contra da autora!: era esta contraria aos cans, pero cometeu a neglixencia de non só escribir este libro senón de ademais deixar que o lesen as fillas e agora ten que aturar cunha cadela tan grande coma ela), como gañar cartos “estilo rata”, como poñerse a voar ou como enmeigar a Rubén, un rapaz que está tolo polo fútbol, entre outras posibilidades, todas enormemente útiles. Este é un libro que ilumina ben un certo paradoxo da mellor literatura infantil contemporánea. Por aí hai aínda xentes que pensan que as obras para a infancia son libros “menores”, cheos de consellos moralistas para facer dos nenos santiños, cando, como ten dito a autora americana Alison Lurie, nun ensaio de título ben expresivo (Non llelo contes aos maiores. Literatura infantil, espazo subversivo), son obras que, ao situar o punto de vista case a ras de terra, desde a ollada libre de prexuízos dos nenos e nenas, revelan a roña agochada baixo os adornos aparentes co que os adultos vestimos os nosos convencionalismos sociais. Libros, logo, subversivos, como subversivo é este Manual do que lerei un dos seus perigosísimos consellos:

“Está claro que necesitas como mínimo 200 pesetas para comprar ratas –dille a bruxa Ana Manana á aprendiza- pero para este feitizo non vale diñeiro dos aforros nin gañado honradamente. A un home miserable e ruín, hai que pagarlle con moeda gañada de maneira miserable e ruinzalla.” Son só eu o que percibo aquí o ecoar da acrimonia do escepticismo moral duns tempos de desencanto?

A terceira virtude é seguramente a que mellor acae a esta dimensión da escritora de observadora tan atenta como desencantada do seu propio tempo, algo que unha vez máis moita xente podería pensar tarefa fóra do alcance do autor de literatura infantil. Gloria afróntao, como case todo, sen alzar a voz, cunha singular sinxeleza, que é outra virtude ben difícil de conquistar. Estou a falar da súa construción de potentísimas figuras alegóricas cun gran poder simbólico. Salientarei especialmente dúas: o señor Clin d’A casa de vidro do señor Clin e o anónimo Home do impermeable amarelo. Os dous contos gozaron nas súas edicións da contribución adicional dunhas magníficas ilustracións do artista valenciano Miguel Calatayud. O señor Clin e o home do impermeable amarelo son sínteses precisas da desorientación do home contemporáneo. A casa transparente do señor Clin é unha metáfora da condición paradoxal e finalmente dramática da radical visibilidade do noso mundo mentres que o home do impermeable ofrece un enigmático simbolismo tralo cal eu creo albiscar unha complexa reflexión sobre o oficio do escritor.

Da cuarta xa teño falado: o “mal xenio” ou “mala leche” pero quero aquí, non só recuperala para incluíla entre as virtudes eminentes, senón ademais exemplificala con algunha referencia concreta. En Cabeciña a paxaros e outras historias, sabemos dun “home presumido e fachendoso que tiña moitos fumes” que, querendo impresionar a unha muller fermosa, botou tales fumaradas que acudiron os bombeiros e baixáronlle definitivamente os fumes. Ou dun “home miserento e avaro” que botaba chispas cada vez que a muller facía unha compra que non consideraba “estritamente necesaria”, ata que a muller deu cunha solución satisfactoria para todos: ela seguía mercando o que lle gustaba e de paso aproveitaba as chispas do home para alumear gratis a casa. Figuras cómicas que, baixo o seu humor paródico, encerran un retrato nada indulxente dos vicios sociais. Nun dos seus últimos contos publicados, Florentino, o príncipe Quino, dálle unha nova volta ao mundo do revés: un príncipe cocho, nun reino de cochos ben porcallentos, que gusta das flores perfumadas e de lavarse con auga clara. E o que parece que é un simple xogo de inversión cómica, descóbrese ao final como unha reflexión inquietante sobre o dereito do individuo a saír dos esquemas sociais prefixados.

E, para concluír, a quinta virtude véxoa eu na condición de Gloria de frecuentadora dos tres xéneros esenciais da literatura dirixida á infancia: poesía, conto e teatro. Pero non só por frecuentalos, claro, senón por ternos entregado, en cada un deles, obras de excepcional mestría. Das dúas primeiras xa teño citado exemplos, así que é obrigado que peche estas palabras cunha breve reflexión sobre o teatro de Gloria. Nel reitéranse todas as marcas do seu inconfundible estilo que viñemos anotando: o gusto polas fórmulas tomadas da tradición oral, renovándoas, a invención e o xogo verbais, o humor acedo, a crítica de institucións e convencións sociais feita sen aparentes pretensións, concedendo a voz aos que están máis abaixo, a comezar polos nenos. Ou polos animais, dos que observo agora que apenas teño dito nada cando ocupan lugar principalísimo no dramatis persoae das obras da autora, incluíndo tamén as súas pezas teatrais. Por iso tomarei como exemplo unha preciosa colleita de peciñas inspiradas en contos tradicionais, perfectas para ser montadas directamente pola rapazada nas escolas, e que reuniu baixo o título afortunadísimo de Teatro feroz. A min agora o que realmente me gustaría é sacar aquí diante a tres ou catro voluntarios para representarmos algunha das escenas d’A ratiña feroz ou de Gonzalo Quirico. Confórmense os asistentes con escoitar a miña modestísima interpretación do encontro da Ratiña co seu primeiro admirador:

- Ei porco?
- E a min?
- Élle, si señor.
- Pois saiba, señora Rata, que a min ninguén me chama porco, que fun bautizado e chámome Edelmiro Corricho do Cortello.

Ai, as convencións sociais, preciosa Ratiña! Nin nos contos pódese chamar porcos aos porcos...

Verase que nada falei de premios e honras. Non porque a escritora non os teña gañado, que os ten, moitos e ben merecidos. Simplemente porque eu son dos que penso que a lista de premios (moitos, poucos ou ningún) son adherentes superfluos no retrato dun autor. Abonda coas súas obras. Aquí non foron citadas todas. Pero abonda por hoxe. Que os asistentes, lectores, continúen a descuberta pola súa conta.



Salón do Libro, Pontevedra 2011

23.3.11

MARCOS CALVEIRO E PINTO E CHINTO: LISTA WHITE RAVENS






Pinto e Chinto, cos Contos para nenos que dormen deseguida , que editou Kalandraka e mais Marcos Calveiro, con O pintor do sombreiro de malvas (Xerais)foron seleccionados para entrar a formar parte da prestixiosa lista White Ravens deste ano.


Internationale Jugend Bibliothek de München, desde hai varios anos, selecciona de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e
xuvenís en máis de 30 idiomas e de uns 50 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as información bibliográficas e reseñas dos
libros seleccionados.

Desde Gálix, queremos dar os nosos máis sinceros parabéns aos autores por este éxito.

22.3.11

GÁLIX VIAXA Á FEIRA INTERNACIONAL DE BOLOÑA


A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, instalará un stand institucional de máis de 60 metros cadrados na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que se celebrará do 28 ao 31 deste mes na cidade italiana. Segundo manifestou o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, «o stand de Galicia permitirá que as nosas industrias editoriais e os nosos autores estean presentes nun dos principais eventos de literatura infantil e xuvenil a nivel mundial, potenciando así a promoción exterior das creacións galegas».

Un ano máis presentarase o catálogo do libro infantil e xuvenil de Galicia, baixo o título de Galician Books for Children&Young Adults 2011, que contará con textos en versión trilingüe (galego, castelán e inglés). Nesta feira tamén se presentará unha mostra da labor realizada polos nosos creadores no eido da ilustración. Organizarase un acto con profesionais de diferentes países para dar a coñecer as últimas creacións dos artistas galegos e se proxectará un DVD con diversas imaxes e creacións. Tanto o catálogo Galician Books como a presentación audiovisual están preparados pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), que colabora en todo este proxecto.

Na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, as editoriais presentes realizarán un labor de oferta, captación e intercambio de obras e dereitos. Isto ten un beneficio directo para as firmas, pero ademais contribuirá a crear unha imaxe de calidade do libro galego e de todo o que se poida identificar con Galicia de cara aos mercados internacionais.

O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL: 2 de abril de 2011




Todos os anos, desde 1965, o International Board on Books for Young People (IBBY), no que están integrados máis de 70 países entre eles España, promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, para conmemorar a data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen e fomentar a lectura entre os nenos e nenas.
Cada ano un país membro de dita Organización Internacional encárgase de seleccionar a un escritor e a un ilustrador para realizar a mensaxe e o cartel que se dirixe a todos os nenos do mundo. Este ano correspóndelle á sección de Estonia, que enviou o cartel de Jüri Mildeberg e a mensaxe de Aino Pervik.
A Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI), a través das súas catro seccións: Consejo General del Libro, ClijCat, Gálix e Galtzagorri, e coa colaboración e o patrocinio da Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, do Ministerio de Cultura, promove, a escala nacional, a celebración do citado Día e convida especialmente a bibliotecas e librarías a que se unan á conmemoración.

Os autores

Aino Pervik é unha das escritoras de literatura infantil e xuvenil máis influíntes da actual Estonia. Nacida no 1932, está graduada pola University of Tartu cunha especialización en linguas Finno-Ugric. Escritora profesional desde 1967, escribiu 47 libros para nenos, así como prosa e poesía para adultos. As súas obras foron traducidas ao inglés, alemán, xaponés, lituano, ruso e outras linguas, e en varias ocasións para o teatro e adaptacións para a gran pantalla.
Gañou importantes premios, entre eles; o Premio Nacional en tres ocasións; J. Oro Premio de literatura infantil; e o seu libro Paula ópib emakeelt (Paula aprende a súa lingua materna, 2002) incluíuse na la Lista de Honra IBBY 2004. No 2001, foi galardoada coa Orden da Estrela Branca 5º clase da República de Estonia.

Jüri Mildeberg (tamén coñecido polo seu Mildebergius) naceu en Tallin no 1965. Comezou a súa carreira como pintor e artista gráfico e todos os anos expón en solitario en diferentes lugares do mundo. A súa primeira experiencia no campo da ilustración foi Canterville´i lossi vaim (A pantasma de Canterville, 1991) de Oscar Wilde, pero el non comezou ilustrando libros con regularidade ata 1999.
O traballo de Mildeberg foi recoñecido con premios incluíndo dous títulos da Trienal Internacional de Tallin Ilustración "Poder das imaxes" no 2003, e Certificados de Mérito nas competicións de Estonia para os 25 mellores libros deseñados e os 5 mellores deseños de libros infantís para 1999, 2005, 2006 e 2008. Foi incluído na Lista de Honra do IBBY de 2008 polas súas ilustracións para Ruttu tuttu!.

21.3.11

OS COMPROMISOS DA TRADUCIÓN: POR ANA LUNA



Unha das maneiras máis doadas de entender a diferenza cultural é achegarse á produción literaria dunha determinada comunidade. Dentro dese sistema ou campo literario existen, entre outros múltiples factores, elementos característicos dun determinado xénero e público. As normas e valores que o identifican son herdadas, aprendidas e compartidas de xeito convencional.
A reflexión sobre o factor cultural estivo practicamente ausente dos estudos sobre tradución ata ben entrado o século XX, de maneira que o proceso tradutor estaba considerado como un simple traspaso de palabras ou frases dunha lingua a outra.
Non descubrimos nada cando dicimos que a tradución adoita introducir novos valores e crenzas que enriquecen o sistema de acollida ao poñer en contacto mundos descoñecidos. Con todo, ese proceso de traslado non pode ser alleo ás normas que rexen dentro dunha sociedade. O traslado é un proceso de negociación que pon en contacto as normas que guían o produto de orixe, como resultado da cultura de partida, coas normas que permiten a súa aceptación na cultura de chegada na que se insire, aínda que sexa para cuestionalas ou transgredilas. Para que iso ocorra, a persoa que traduce debe considerar as normas vixentes nesa cultura meta e tomar as decisións oportunas. O paso cultural esixe un amplo coñecemento dos patróns de comportamentos e desviacións do código, dun lado e doutro, sen esquecer por suposto, o compromiso ético do profesional nas súas actuacións. A persoa que traduce é responsable do seu traballo dende o momento que o acepta, por iso debe estar moi atenta a valorar o que se lle pide e as condicións nas que debe realizar o seu labor.

Estas consideracións lévanme a un dos numerosos libros traducidos recentemente ao galego que trata dos problemas de comunicación entre individuos que non comparten un mesmo idioma, nin unha mesma cultura, mesmo dentro do sistema de partida, e que dende o punto de vista da análise tradutolóxica, resulta ser un modelo moi útil para presentar un dos aspectos do complexo fenómeno do trasvase cultural.
Así, en A neta do señor Linh (La Petite Fille de Monsieur Linh, 2005), do profesor e cineasta francés Philippe Claudel, novela traducida por Isabel García Fernández, cóntase unha historia para todos os públicos onde a presenza do pasado, representada polo avó Linh, e o futuro da pequena Sang Diu, son o punto de partida dun relato sobre a variedade de situacións nas que se atopan os refuxiados, obrigados a sobrevivir nun entorno alleo, nun país cuxa lingua non entenden. A dificultade de tradución aquí é dupla, malia a presenza do narrador que nos guía, posto que a cultura de partida inclúe e incorpora outras culturas e modelos de comportamentos nun mesmo orixinal que haberá que identificar e trasladar para chegar ao “outro”. A presenza dunha intérprete mediadora que traballa para a oficina de refuxiados, como única “ferramenta” de comunicación entre o home e ese mundo hostil no cal debe permanecer sen alternativa posible, contrasta coa aparición do amigo solitario que o acolle, e con quen o protagonista só se poderá entender en silencio ou por medio de pequenos xestos: “se cadra gústalle oír esa voz precisamente porque non pode entender as palabras que di, e así está certo de que non o han ferir”. A solución adoptada polo autor do texto ante o grave problema de comunicación do señor Linh, alivia sen sensiblerías innecesarias a angustia da situación.
Outro libro que ofrece unha situación semellante é Onte (Hier, 1995) de Agota Kristof (tamén traducido por Isabel García Izquierdo). Kristof, da que xa tiñamos en galego O gran caderno (2000), é unha escritora húngara que tivo que abandonar o seu país e a súa lingua para refuxiarse en Suíza e logo comezar a escribir nunha lingua aprendida. A novela mostra o coñecemento da autora da experiencia vital que supón o exilio involuntario por culpa das guerras, desastres ou gobernos autoritarios. O protagonista de Onte, Tobias Horvath, cambia de identidade ao cambiar de país para fuxir da xustiza. Nese novo espazo de desarraigo, Tobias, agora Sándor Lester, aprendeu a lingua e iso permítelle actúar de xeito esporádico como intérprete nos xuízos dos seus compatriotas refuxiados, acusados e condenados en ocasións de maneira inxusta, polo simple feito de seren estranxeiros. Independentemente do fío condutor da historia, o illamento e o refuxio que procuran moitas das personaxes da novela teñen a súa orixe nas dificultades de comunicación lingüística e cultural.

A tradución permítenos coñecer outros textos, outros mundos e outros modos de entendelos, sen renunciar á identidade propia. O que hai de valioso noutras formas de expresar e entender o mundo é que serven para enfrontar e mesmo superar os complexos de dominados. O esforzo da normalización cultural a través da tradución nun país como o noso ten o valor engadido da loita contra a asimilación.
Publicado en galego hai poucos días, o breve ensaio de Stéphane Hessel, que leva por título: Indignádevos! é unha lúcida denuncia e reivindicación da perda deses principios e valores. Hessel, filósofo, diplomático e antigo membro da Resistencia, alédase de sobrevivir para poder lembrarlle á mocidade o seu compromiso político de resistente e chamar a atención sobre a ausencia de rebeldía social ante o constante ataque aos dereitos civís e políticos adquiridos, cuestionados agora, para permitir que os intereses duns poucos sigan a medrar: “A Resistencia propuxo unha organización racional da economía que garanta a subordinación dos intereses particulares ao interese xeral, libre da ditadura profesional instaurada á imaxe dos estados fascistas. […] O que se cuestiona na actualidade son os alicerces das conquistas sociais da Resistencia”. Que pasou daquela?, abandonamos o compromiso a cambio dun ficticio estado do benestar?
As escasas corenta páxinas do éxito que está a ser Indignez-vous!, apareceron primeiro traducidas na nosa lingua na páxina web [http://www.encontroirmandinho.org], grazas á xenerosidade e o compromiso do excelente tradutor, o profesor Henrique Harguindey. Agora contamos coa edición en papel de Indignádevos, en tradución do tamén experimentado Fernando Moreiras e prologada por Manuel Rivas: “Había fame de pan. De palabras enfornadas con anovada liberdade. Agora podemos partillar ese pan necesario”, grazas á tradución. O texto de Hessel reclama a nosa atención sobre a importancia do acceso á cultura como un dos xeitos máis eficaces e pacíficos para conseguir afastarnos da indiferenza.
Diciamos ao principio que a literatura traducida pode ter varias funcións, mais a que resulta ser máis evidente é a de achegar novas formas e contidos ao sistema que os acolle. A incorporación dos novos modelos ten que formar parte da necesaria revitalización. No noso caso, os exemplos citados son unha pequena mostra de que estamos a importar textos alleos para facelos nosos con bo criterio e relativa normalidade. E o feito de que aparezan en galego dúas traducións dun mesmo orixinal, case de maneira simultánea, permítenos concluír sen triunfalismos que a nosa vangarda cultural continúa o esforzo iniciado polos nosos devanceiros “anovadores de nós e anosadores de vós”, para estar no mundo en pé de igualdade.

14.3.11

A TELEVISIÓN, A LITERATURA E O MERCADO: POR MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE



UN: A TELEVISIÓN

Entre os anos sesenta e comezos dos oitenta, cando en España só había unha televisión e dúas canles, o prime time estaba dominado polas series made in USA. Algúns reivindicabamos medidas de apoio para unha produción propia e rexeitabamos a situación de colonización cultural dos espectadores españois. Outros aseguraban que o monopolio das series USA nada tiña que ver con factores económicos senón con, por unha banda, a maior calidade artística e, por outra, a capacidade de adecuarse ao gusto do público (dúas propiedades que, por certo, non necesariamente van xuntas).

Cando, a partir dos oitenta, o éxito das series de produción propia probou que aquelas hipóteses eran erróneas, poucos de entre os defensores das mesmas fixo revisión autocrítica. En realidade, moitos deles (ou os sectores político – culturais afíns) pasaron a trasladar as mesmas hipóteses ao campo do cine. Son os que agora mesmo repiten que o cine español (“os da cella”) non acada bos resultados en taquilla simplemente porque é malo, e que a esmagante presenza dos éxitos holliwoodenses nos cines españois non é efecto do control case monopolístico das salas de exhibición polas majors americanas senón... pola maior calidade artística e a capacidade de adecuarse ao gusto do público.

Pero deixemos o cine e volvamos sobre a televisión. O actual predominio das series autóctonas nas pantallas españolas só compite con certas series de produción USA. En cambio, é case inútil procurar na grella series producidas noutros países europeos. En ocasións pode aparecer algunha serie británica (non hai que esquecer os vínculos estreitos entre boa parte da produción audiovisual británica e a estadounidense) pero atopar series orixinarias de algún outro país é xa unha verdadeira rareza.

Agora ben, este fenómeno non é exclusivo de España. Pasa tamén en case calquera outro país europeo. O prime time repártese entre producións propias e as grandes series de éxito universal norteamericanas, nunha proporción que depende da capacidade da industria audiovisual propia (por exemplo, en Portugal as series de produción propia son aínda escasas, en Francia máis numerosas). Pero –e isto pode parecer aínda máis curioso- o fenómeno reprodúcese, no caso de España, no interior mesmo do país. As televisións autonómicas teñen producido (sexa con produción pública ou con capital privado) series ambientadas no contexto próximo que obtiveron un éxito de audiencia indiscutible (Mareas vivas, por exemplo, en Galicia). Pero cando se pretendeu exportalas a outras autonomías (Mareas vivas foi comprada e difundida por Telemadrid) fracasaron en termos de audiencia.

Así que temos este curioso cadro: os españois, franceses ou alemáns queren ver series ambientadas nos seus propios países con personaxes recoñecibles ou series americanas; pero os españois non queren ver series francesas nin alemanas, nin os franceses series españolas nin alemanas, etc. Nin sequera os galegos queren ver series andaluzas ou catalanas, nin estes series galegas. Mesmo acontece que, cando finalmente se exporta algunha serie de produción nacional fóra do país, o que se exporta é a idea (como acontece cos programas de concurso ou variedades). Así, Cuéntame e Los Serrano contaron con versións portuguesas e italianas só que con personaxes transmutados ao contexto histórico dos respectivos países e interpretados por actores locais. Mesmo veño de ler que varias cadeas autonómicas teñen mercado a idea de Padre Casares (pregúntome se cobrarán dereitos os herdeiros do autor de Don Camilo porque a idea é cuspidiña á da novela de Guareschi) co obxecto de adaptala ao ámbito propio (vila local, personaxes locais, actores locais).

DOUS: LITERATURA

Comezarei advertindo de que falarei só de literatura dirixida ao lector infantil ou mozo. Pois ben, neste ámbito reprodúcese un fenómeno análogo. Os mercados literarios nacionais están dominados por autores locais que compiten, neste caso non cos éxitos de autores norteamericanos porque no eido do libro afortunadamente non existe unha industria tan esmagadoramente dominante como no caso da creación audiovisual, senón cos grandes best sellers internacionais. E aquí best seller está utilizado en principio sen ningunha implicación pexorativa. Como defende Dolores Vilavedra, no seu recente libro A narrativa galega na fin de século (Galaxia), un éxito comercial non ten por que ser a priori contraditorio coa calidade literaria. Nin tampouco garante ese valor, naturalmente. Eu son dos que defendo que a saga de Harry Potter, o gran éxito dos últimos anos no campo da literatura infantil e xuvenil, non carece de valores literarios.

Se nos trasladamos ao ámbito autonómico, parece reiterarse tamén a mesma situación que viamos na televisión. Autores que son recoñecidos no seu espazo próximo poden moi ben seren ignorados no territorio do Estado. Hai, desde logo, autores que conseguen difundir a súa obra con éxito en toda España (entre nós, o exemplo paradigmático sería Agustín Fernández Paz) pero a maioría teñen unha audiencia moito menor ou mesmo ningunha fóra do seu ámbito lingüístico. Cantos autores cataláns son coñecidos en Galicia? Cantos vascos?

Eu quixera levar o foco especialmente ao caso das relacións entre os autores e obras portugueses e os e as galegos. Desde hai algúns anos téñense levado adiante diferentes foros e xornadas dirixidas a poñer en contacto os dous espazos literarios. Como resultado, na actualidade hai varios autores portugueses (Alice Vieira, Manuel António Pina, Álvaro Magalhâes, António Torrado, António Mota) con obra en coleccións galegas. Hainos tamén galegos traducidos e editados en Portugal. Pero –fáltanme cifras precisas- cónstame que tanto nun caso como noutro as vendas (de autores portugueses en Galicia, de autores galegos en Portugal) son reducidas. Unha excepción relativa –insisto en que me faltan datos concretos, só dispoño de aproximacións indirectas- podería ser o caso de algunhas obras de Alice Vieira ben recibidas en Galicia, e algunha de, unha vez máis, Fernández Paz en Portugal.

Vivimos de costas uns e outros. Certo, hai editoriais que teñen iniciado unha operación de introdución en Portugal aparentemente cunha aceptable recepción. Refírome ás editoras galegas especializadas en álbums ilustrados, Kalandraka e OQO, que por outra banda xa levan incorporado á súa excelente e internacional nómina de ilustradores, artistas portugueses. Se cadra, podería ser sinal de algo que comeza a moverse... se o mercado o permite.

TRES: MERCADO

Nunha moi suxestiva obra de autoría colectiva –Las lecturas de los jóvenes. Un nuevo lector para un nuevo siglo, Anthropos- a investigadora catalana Gemma Lluch propón, na súa contribución (“Las nuevas lecturas deslocalizadas de la escuela”), unha interesantísima interpretación da nova situación do mercado do libro na época da globalización, internet e os foros sociais virtuais. Defende a autora que se está a consolidar un novo esquema de difusión do libro infantil no cal a escola e os mediadores son despoxados do papel que mantiñan no esquema previo. Agora autores e editores xa non escriben nin producen pensando no xuízo dos mediadores (principalmente escolares) que, a partir das súas prescricións, eran determinantes para o éxito dunha obra. Diríxense directamente aos lectores que, a través das redes sociais, se encargan de xulgar e difundir as súas obras favoritas.

Cal sería a consecuencia deste cambio de esquema? A imposición dun novo relato que segue as pautas dos modelos narrativos audiovisuais, fundamentalmente das series televisivas de éxito entre a mocidade. Resultan certamente ben plausibles as notas que sintetiza (predominio do diálogo, redución das descricións, menor espazo pero maior importancia para o narrador, aceleración do ritmo narrativo...) como características destes novos relatos. Agora ben, a pregunta que se nos impón, e que a autora non chega a formular, é: que significan estes cambios desde a perspectiva da literatura entendida como manifestación cultural e artística? Supón algunha mellora? Un empobrecemento? Nin unha cousa nin a outra?

É obvio que as modalidades narrativas cambian en función dos cambios sociais e culturais. Pero paréceme que aquí estamos a falar fundamentalmente de cambios de natureza económica. Coido que ao final o perigo do novo esquema sexa a imposición, no eido da literatura infantil e xuvenil, do imperio do mercado que hai tempo se ten imposto na industria cultural audiovisual. Porque a aparencia da elección individual directa do lector consumidor a través do contacto coas novas obras nas redes sociais doadamente traducirase no abandono do papel da literatura infantil e xuvenil como formadora do “lector literario”, tomando a feliz expresión difundida por Teresa Colomer. Pode acabar sendo o reino exclusivo dos relatos – fórmula. E ese tipo de best seller si que merece xa ser considerado mala literatura, mesmo non literatura.

E se antes xa era difícil que un neno galego gozase da lectura dos mellores autores cataláns, vascos ou portugueses (e os cataláns dos galegos, etc.), con este esquema seguramente se pode facer case imposible.

8.3.11

ESCRÍBELLE UNHA CARTA A XOSÉ NEIRA VILAS


O vindeiro 1 de abril, na Biblioteca González Garcés da Coruña, ás 11 da mañá, Gálix entregará ao escritor Xosé Neira Vilas o título que o acredita como Socio de Honra da nosa asociación. Os actos da entrega, nos que participará o autor de Gres, están enmarcados na inauguración dunha mostra de cubertas arredor das distintas edicións en distintas linguas de "Memorias dun neno labrego" e que organiza a Direción Xeral do Libro.

Ademais de invitarvos a este fermoso acto, queremos convidarvos a que lle escribades unha carta a Neira Vilas: sobre Balbino, sobre o que supuxo a súa obra para vós, sobreo propio Neira Vilas...

Deste xeito, aproveitaremos tamén este acto para facerlle entrega ao autor de todas as cartas que recibamos. Será un fermoso agasallo para el.

Podedes enviar as vosas cartas á sede de Gálix: R/ As Galeras 17-1, local 1, 15705 (Santiago de Compostela), ou ben facérnolas chegar directamente por un mail a: galix@galix.org

7.3.11

DOUS MÁIS DOUS NON SON CATRO: POR PERE TOBARUELA


Advertencia: que ninguén pense que con este título quero polemizar nin falar dunha compleixa cuestión matemática. Non. Foi unha escolla ao azar (aínda que non creo moito no azar. E non me chamedes contradictorio, máis ben son humano) para atraer a atención dos lectores e, de paso, recolller catro reflexións deste escritor (eu). Catro reflexións aparentemente non literarias.

Velas aquí:

¿Somos imbéciles? A resposta é, sen ningún tipo de dúbida, si. Entendo que alguén poda pensar que o verdadeiramente imbécil son eu. E talvez teña razón. Porén, gustariame expor o motivo que me levou a formular esta pregunta e a consabida resposta afirmativa: unha conversa co filósofo Edgar Morin. Nun momento dado daquel encontro, Morin díxome: “Xa desde pequenos, na escola, ensínannos a illar os obxectos, principalmente da súa propia contorna; insístennos nas diferenzas entre as disciplinas, en lugar de axudarnos ver as coincidencias, os puntos en común. Neste contexto, a intelixencia dos rapaces perde as súas aptitudes naturais para integrar os coñecementos. O paradóxico é que o mundo actual expón uns problemas que adoitan ser globais, planetarios, transnacionais, multidimensionais, chámalle como queiras. A resposta ten que ser, necesariamente, multidisciplinar e transversal. Para que este tipo de resposta se dea hai que derrocar o muro de Berlín do coñecemento, permíteme a metáfora. E témolo que facer con urxencia se non queremos instalarnos definitivamente na imbecilidade cognitiva”.

Romeo e Xulieta
. Nun momento do seu dietario El quadern gris, o escritor catalán Josep Pla dá o seu parecer sobre o contido dos programas escolares. Pla fai reconto das ensinanzas que reciben os nenos na escola: aprenden historia e gramática, aritmética e física, ximnasia e idiomas estranxeiros. Dito isto, o autor catalán pregúntase por que os escolares non reciben leccións de idealismo, de cordialidade e de amor. Transcribo as súas palabras: “Os programas escolares son suficientemente pouco prácticos para que estas materias se puidesen engadir sen que sufrise a moralidade xeral. Mentres Romeo e Xulieta de Skakespeare non forme parte dos programas escolares, os homes e as mulleres sairán das escolas sabios pero vulgares”. É certo que hoxe a obra de Skakespeare se estuda na escola. Pero coido que non temos que quedar na literalidade das palabras de Josep Pla: como é sabido, a metáfora é un recurso que domina perfectamente este autor catalán. Aclarado este punto, permitídeme que engada uns comentarios do cantante Manolo García nunha entrevista que na miña opinión están en plena consonancia coa formulación de Pla: “Ninguén me ensinou a superar o desamor, a enfrontarme á morte dun familiar. Non se nos ensina a ser nin a desaparecer; só se nos ensina a gastar”... Viva o idealismo, a cordialidade e o amor, logo.

Unha adolescente pegada a un móbil. Quen non lembra o verso escrito hai tempo por Francisco de Quevedo. Aquel que di: “Érase un hombre a una nariz pegado”. Teño que recoñecer que teño un par de amigos que teñen un nariz bastante prominente, para dicilo dunha maneira suave; aínda así, quero que quede ben claro que estas liñas non son para amolalos. Así que, por favor, as persoas que teñan un nariz aciranado (de cando en vez dá gusto transcender a normativa) non se dean por aludidas. Para a única cousa que quero usar o verso de Quevedo é para facer un xogo de palabras co título desta terceira reflexión. Pois ben... Unha adolescente pegada a un móbil non é máis que unha anécdota das aventuras e desventuras dunha rapaza de catorce anos en Londres, a filla dun coñecido que aquí me pediu pasar por descoñecido (“se dis o meu nome esgánote”, palabras textuais súas). O feito é que a filla do meu amigo foi a Londres para pasar un mes estudando inglés. Amais de tres maletas cheas de roupa, por se ía friaxe, calor ou nin unha cousa nin a outra, levou un MP4 con miles de cancións, para non aburrirse, e libras esterlinas de máis. E tamén un móbil novo, ben cargado de euros (“nunca se sabe no estranxeiro”, díxome o meu amigo), cun dispositivo especial activado para chamar desde Inglaterra a un prezo razoable (¡que falacia!). A rapaza pasouno caralludamente: estudou inglés, puido saír máis do que lle permiten os seus pais cando está na casa, coñeceu mozos e mozas, gastou todo o crédito do móbil e tamén todas as libros esterlinas (non fose que o euro se devaluase)... Pero en toda viaxe sempre hai un episodio triste, tétrico, doroso... Pobriña, unha noite a rapaza chamou aos seus pais para dicirlles que o cargador do móbil non funcionaba ben. O meu amigo e a súa muller responderon como uns pais de primeira: dixéronlle que non se preocupase, que ao día seguinte lle enviarían un cargador novo. E así foi como a rapaza puido continuar pegada ao seu móbil... Xa hai meses que volveu de Inglaterra e aínda sigue.

Mark Haddon e a Teoría da Relatividade. Nun dos capítulos do libro O curioso incidente dun can a media noite de Mark Haddon, Christopher Boone, o protagonista, di: «Os nenos do meu colexio son estúpidos. Pero suponse que non teño que dicir que son estúpidos, a pesar de que o sexan. Suponse que teño que dicir que teñen dificultades de aprendizaxe ou que teñen necesidades especiais. Pero dicir isto é estúpido, porque todo o mundo ten dificultades de aprendizaxe, porque aprender a falar francés ou entender a relatividade é difícil. E todo o mundo ten necesidades especiais, coma meu pai, que ten que levar unha caixa de pastillas do edulcorante artificial que pon no café para non engordar, ou a señora Peters, que leva no oído un aparello de cor beige para oír mellor, ou Siobhan, que leva uns lentes tan grandes que se os pos maréaste, e ningunha destas persoas é de Necesidades Especiais, aínda que teñan necesidades especiais». Exposto isto, agora farei mención dunha cuestión, digamos básica, da Teoría da Relatividade. Velaquí: a mecánica newtoniana, segundo os especialistas na materia, é unha gran verdade que, en cambio, non funciona para o electromagnetismo porque non o representa adecuadamente. Ante isto poderíase afirmar que a mecánica newtoniana é unha mentira. En realidade, se un corpo se move a unha velocidade moi grande resulta que a mecánica newtoniana é falsa; agora ben, isto non quere dicir que esta mecánica sexa falsa, porque a teoría de Newton continúa sendo válida para velocidades pequenas. Polo tanto, hai que facer unha pequena corrección. A pequena corrección é a Teoría da Relatividade, que é unha gran verdade que substituíu a outra gran verdade. Ou como dixo o físico Niels Bohr: «O contrario dunha afirmación verdadeira é unha afirmación falsa, pero o contrario dunha verdade profunda pode ser outra verdade profunda». Ben mirado, logo, as formulacións de Mark Haddon (expresadas a través de Christopher Boone) e de Niels Bohr son concomitantes.

En definitiva: a quen lle dea por pensar que dous máis dous no son catro é un imbécil...

Máis nada. Boas noite e boa sorte.

4.3.11

DUODÉCIMA EDICIÓN DOS PREMIOS DA AELG


· Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á duodécima edición

As obras finalistas, publicadas en 2010, son escollidas polos 405 socios e socias da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras.

As obras gañadoras daranse a coñecer no marco da Cea das Letras, que terá lugar o 30 de abril coa presenza do ‘Escritor Galego Universal’, Antonio Gamoneda.


Os socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2010 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.


As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 30 de abril no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.


Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:


Blog Literario

Ferradura en tránsito http://xmeyre.blogaliza.org/ , de Xosé Manuel Eyré

O levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org/), de Alfredo Ferreiro

Trafegando ronseis (http://trafegandoronseis.blogspot.com/), de Gracia Santorum e Xosé Anxo Fernández Alonso



Ensaio

-A man que caligrafando pensa: do plástico-escritural e da manuscrita novoneyriana, de Carlos Paulo Martínez Pereiro

-Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero, de Manuel Castelao

-O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro



Literatura Infanto-xuvenil (AELG-Gálix)

-Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto

-O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro

-O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro

-Suso Espada. "Nota Roja", de Francisco X. Fernández Naval



Mellor traxectoria en xornalismo cultural 2010 (AELG-Colexio de Xornalistas)


-Anxo Tarrío
-Daniel Salgado
-Fran P. Lorenzo
-Iago Martínez
-Ramón Nicolás


Narrativa

-O coitelo en novembro, de Marilar Aleixandre
-Obediencia, de Antón Lopo
-Periferia, de Iolanda Zúñiga
-Settecento, de Marcos Calveiro
-Todo é silencio, de Manuel Rivas
-Xuvia-Neda, de Vicente Araguas


Poesía

-Bater de sombras, de Francisco X. Fernández Naval
-Estremas, de Ana Romaní
-Retro(visor), de Antía Otero



Teatro

-Canibalismo, de Marcos Abalde Covelo
-Cínicas, de Teresa Moure
-Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo



Tradución

-Bilbao-New York-Bilbao (Kirmen Uribe), na versión de Isaac Xubín
-Lóbrego Romance. Pálida Pantasma. As Lendas Espectrais de Malvadia (Jack Mircala), por Isabel Soto
-Randea do alento (Herta Müller), de Marga do Val



Na segunda fase, xa en andamento, os asociados decidirán as obras gañadoras.



Alén destas categorías, os Premios Aelg constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da Aelg: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para a Fundación Penzol; e mais o Premio AELG 2011 “Escritor Galego Universal”, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

2.3.11

Premio Lazarillo

A OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil), xa fixo públicas as bases do Premio Lazarillo, nas categorías de creación literaria e álbum ilustrado. O premio terá unha dotación de 8000 euros, e o prazo para presentarse remata o 30 de maio de 2011.
Podes descargar as bases aquí