
A continuación, colgamos o texto co que a escritora Concha Blanco presentou na pasada Feira Internacional de Boloña aos nosos ilustradores e ilustradoras:
Práceme ter a honra de representar a Gálix (Asociacición Galega de Literatura Infantil e Xuvenil). Satisfáceme por varias razóns:
Que a miña voz soe neste espazo único, espectacular, rodeada de libros, de historias de fadas, de pantasmas, de ogros, de dragóns, de piratas, de tesouros, de naves espaciais, de príncipes e princesas … De autores e autoras, de ilustradores e ilustradoras, de editores, de libreiros … fai que eu, Concha Blanco, me sinta real e de ficción a un tempo neste Universo da Palabra e da Imaxe no que durante 4 días se converte a cidade de Boloña. Unha feira para vivir e gozar. Unha Feira do Libro que nos permite contemplar, tocar e sentir o que deitan a alma, as mans e as olladas dos artistas creadores de soños, necesarios para vivir.
A tarefa que traio para ofrecer neste inmenso escaparate ateigado de títulos de todo o mundo, é a de ofrecer información non de escritores ou escritoras coma min, como invita a pensar, senón de ilustradoras e ilustradores do panorama da LIX galega.
Elas, eles, camiñan ao noso carón, nin van diante nin detrás. Avanzan ao noso lado, porque ningún dos dous colectivos teñen interese en facérense cambadelas.
Na LIX galega, escritores e ilustradores saben do importante que é formaren un tándem no que ambos pedaleen como grupo coordinado, co obxectivo de conseguirmos beneficio para os lectores ou lectoras que son realmente o branco da nosa diana.
Gálix recolleu traballos de 36 artistas profesionais galegos da ilustración para facer con eles un DVD que aquí imos estrear e así poder acercarlles creadores e creadoras de imaxes, outra forma de comunicación, a este impresionante evento da industria cultural.
Neste soporte dixital só aparecen 27 ilustradores e 9 ilustradoras. E digo só porque hai máis cós que este soporte recolle, e se non están todos os que son, foi porque había que poñer punto e final nalgún momento. O espazo e o tempo parécense en que os dous se acaban. E como o refrán di que “unha imaxe vale máis que mil palabras” van ter acceso, deseguido, a 72.000 palabras, que percibirán a través do sentido da vista nesas 36 imaxes seleccionadas dos ilustradores e ilustradoras, de quen lles ofrecemos tamén a fotografía dos mesmos; unha sinxela maneira de lles poñer cara.
A IIustración na LIX galega xa ten historia, por iso sinto obriga moral de tocar algúns momentos da mesma de forma superficial, a xeito de pinceladas suaves con cores tenues e como reflexión.
Os ilustradores de entre o ano 1880 e o 1936 coas súas imaxes, e dado o momento difícil que a sociedade estaba a vivir, xa nos deixaron as súas obras con auténticas mensaxes, algunhas consideradas verdadeiros tratados sociolóxicos que amosan a realidade cotiá do momento, fame, medo, morriña, privación de liberdade, diferenza de clases sociais …
A mediados do século XIX, as distintas modalidades de ilustración foron unha importante expresión de arte.
Quen non sabe das caricaturas, debuxos e retratos de Daniel Rodríguez Castelao, en branco e negro? Pois aínda que as cores axudan a que as ilustracións se fagan máis visibles ás miradas observadoras, aquelas falan por si soas. Neste caso texto e debuxo pertencen ao mesmo autor.
No período a seguir inmediato ao ano 1936, as obras ilustradas son, (as máis), en branco e negro, aínda que aparecen, (as menos), en cor. E a temática que nelas se trata é variada: paisaxes, festas, costumes, pero tamén sentimentos, ideais … que avalan a creatividade destes autores.
Quero citar aquí a Luís Seoane, como debuxante, como muralista con composicións expresando manifestos, como gravador con novas texturas e deformacións anatómicas. Un vangardista con talento que soubo combinar de forma intelixente tradición e modernidade, cun abano de cores e formas capaces de aportar sensibilidade e intuición.
Díaz Pardo, ten na actualidade 90 anos. Pasou de centrarse na figura humana, retratos e bodegóns (a paisaxe só a tiña en conta como fondo) a un cambio de estilo de liñas grosas e trazos abruptos e distorsionados. No 1948 decidiu non seguir pintando coma profesional; razóns que explica no seu texto ilustrado “O meu cabalete”.
As historias, ilustradas, só se deron a partir de finais do s. XVIII, porque así, fosen de medo ou divertidas, previsibles ou sorprendentes, resultaban máis fermosas. De aí, que se antes non se falaba dos ilustradores e ilustradoras, agora si. Un deles, Ángel Esteban, nun interesante artigo, clasificaba os libros segundo a relación entre o espazo literario e o espazo plástico (que eu denomino texto literario, texto plástico) en Libros da Clase A, da Clase B e da Clase C, onde dicía tamén que a meirande parte dos libros galegos pertencían aos da Clase A, aqueles que contan cun espazo limitado para as imaxes, técnicas pobres e de poucas posibilidades para a cor.
Os tempos cambiaron a mellor, e esta aseveración, que non dubido fose tal naquel momento, hoxe en día está obsoleta, como se pode constatar no que nuns momentos lles ofreceremos.
Todos os que traballamos arredor do libro, e tamén quen os len, temos claro que as ilustracións son outra forma de comunicación.
Un libro de imaxes sen texto fai que un neno ou nena observador das mesmas cree unha historia. Tantas historias diferentes como pares de ollos reparen nelas.
O primeiro contacto dun prelector cun libro ten como gancho a imaxe, que é quen o invita a achegarse a el. A palabra non lle di nada, porque aínda non sabe ler; pero si sabe mirar, repara na linguaxe plástica das súas ilustracións, esa maxia con capacidade de síntese. Aquí está a importancia desta función motivadora, atraente, capaz de cativar a atención desta xente miúda, ávida de historias nas que recrearse. Son elas, as imaxes, as que están adentrando os máis pequenos no marabilloso mundo da lectura, converténdose por veces en “lectores de oído”, porque moitas ilustracións falan por si soas, contándolles o que cadaquén que as contemplan queren oír.
Nada dá lugar a cuestionar a importancia dunha ilustración axeitada como apoio, como complemento dun texto, sobre todo en traballos dirixidos ao mundo infantil. Como escritora, creadora de textos, son consciente de que algúns dos meus relatos, dos meus poemas, non serían o mesmo sen esas ilustracións que fan eses volumes máis atractivos. A ilustración é coma unha aperta ao texto, coma un bico que axuda ao lector, á lectora, a facelo máis seu.
Porque as imaxes só teñen un aspecto exterior que será diferente segundo quen as observen. Elas non asaltan o maxín do lector para distorsionar o seu xeito interior de concibir os personaxes da historia.
É sabido que non todo vale, que non sempre o ilustrador acerta, que non sempre seduce. Que o texto literario máis o texto gráfico non sempre conseguen a perfecta simbiose. Nestes casos os pequenos receptores convértense en grandes críticos, autónomos, sen prexuízos de adultos para colleren un mesmo libro ducias de veces, rexeitalo á primeira ou nin sequera tocalo.
Hai moi boa calidade e un importante número de creadores no campo da Ilustración da LIX galega. Ilustradoras e ilustradores de primeira liña no mercado universal das imaxes. Fermosos álbumes ilustrados premiados a nivel internacional e comics relevantes fóra da nosa terra pertencen a este patrimonio galego. Ilustradores, ilustradoras con obra editada en Corea, en México, en Italia … Autores de capas de discos para grupos de música franceses e americanos, entre outras novidades e éxitos, confirman que este colectivo goza de boa saúde profesional.
Outra proba da súa relevancia é a forza para crear a AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) que naceu no ano 2000 con 20 socios e agora son 146. Só cinco comunidades contan cun colectivo así.
A existencia da AGPI favorece a boa comunicación entre eles, potenciando o gremio, retroalimentándose co intercambio de coñecementos de novas técnicas e de como movérense no sector, dándolle solidez ao colectivo.
Desde logo que a ilustración do libro infantil galego non tivo en todas as súas etapas da vida un camiño de rosas. Ten moito que ver coa doutros países, con experiencias novidosas, unhas ben aceptadas pola crítica e outras rexeitadas, o que non quere dicir que isto fose negativo. Ao contrario, certas correntes innovadoras funcionaron de revulsivo, conseguindo que a ilustración da LIX galega se mova, se fale dela, se axite, procurando diferentes respostas, coa emoción que proxecta.
E así, do mesmo xeito que dun escritor ou escritora se pode falar dun estilo “propio” outro tanto ocorre cos ilustradores ou ilustradoras coa súa maneira peculiar de plasmar as historias en imaxes. Unha maneira de partiren do particular para facérense universais.
Agora xulguen vostedes, logo da visualización deste DVD que proxectaremos a continuación, as imaxes que, minimalistas ou barrocas, en branco e negro ou á cor, falan directo aos ollos dos lectores e lectoras cando collen nas mans, sobre a pantalla dun ordenador ou doutro aparello dixital, un libro ilustrado en calquera soporte.
A intención de Gálix é que este material de imaxes que a seguir lles ofrecemos, mergullado na música de fondo que o grupo Riobó cedeu para a súa montaxe, sexa do agrado de todos vostedes.
De Galicia a Boloña.
De Boloña a Galicia.
Grazas.