25.5.11

A AVENTURA DO FUTURO: POR RAMÓN CARIDE OGANDO


Da CF na literatura infantil e xuvenil


¿DE QUE FALAMOS CANDO FALAMOS DE FANTASÍA CIENTÍFICA?

Falar de ciencia ficción semella unha contradicción per se. Se unha cousa é ciencia non é ficción, e se é ficción non é ciencia. Ou sexa, que nos choven as labazadas dos dous lados. E porriba: defensione non pedita... Citas á parte, os catalogados como autores de subxénero, con todo o que o prefixo sub ten de connotativo, non temos moita ocasión de falar de literatura. Como se a literatura non fose con nós.
Mala fama, e peor crítica, persiguen por estes pagos á fantasía científica -“ciencia-ficción” por mal nome se nos atemos a pésima e literal, como en tantos outros casos, traducción do termo anglosaxón-. A confusión dos sustantivos non é senón outra das confusións que se amorean sobre este xénero. Esta variante da novela de aventuras que utiliza como unha das súas referencias básicas as aportacións ou proxeccións da ciencia, -que isto, e non outra cousa, é a fantasía científica-, oscila entre o menosprezo do canon e o beneplácito dos lectores, ou viceversa. Viceversa, decididamente, porque a xerarquía entre ficción e ciencia, ou entre pracer e erudición, no noso caso, está clara a favor dos primeiros termos destas dicotomías delirantes que, aínda hoxe padecemos a cotío.
¿Por que a ciencia ficción? ¿Por que ciencia ficción en galego? Etcétera. Case dúas décadas despois de que un -e desculpen tanto falar da obra propia- perpetrase aquel pecado orixinal de novela de xénero chamada Soños eléctricos, semella que non abondase aínda a penitencia. Por sorte, os rapaces e rapazas son lectores lúdicos e entenden pouco de xéneros, nada de subxéneros nin de canons. Abominan das antoloxías para saír ou entrar no milenio, das historias xerais e das particulares, dos panexíricos sobre a normalización ou dos problemáticos camiños e corredoiras do noso sistema literario. A literatura xuvenil é, se cadra, o derradeiro refuxio da aventura.
A aventura é vivir outras vidas, facer outras viaxes, loitar outras batallas, bicar outros beizos, se cadra mirar o mundo cotián con outros ollos que son tamén os nosos. Facer apoloxía da fantasía científica sería absurdo, se non fose tamén necesario. A crítica, e perdoen a comparanza, é cravar as bolboretas con alfinetes sobre a cortiza dos museos, coleccionar cadáveres. Por isto, salvo excepcións, os críticos aborrecen os subxéneros tanto como os adolescentes disfrutan con eles.
E pola contra a realidade real (no suposto de que tal cousa exista, con licencia de Philip K. Dick) das lectoras e lectores, que son os mesmos que no cinema ou no video alucinaron con Alien, Blade Runner ou Matrix, mostra que as flores radioactivas ou as andanzas de Sheila e Said son máis familiares para eles que os autores consagrados polo tempo e/ou bendecidos polos entendidos. Neste pecado, o pecado de que nos lean a pesar de todo, o de que sigamos escribindo o que nos peta, e non o que deberíamos escribir, levamos os autores de literatura infantil e xuvenil –e máis os das fronteiras estremas do sistema establecido, como os practicantes da fantasía científica, a serie negra ou o terror-, a nosa penitencia, pois ¿como unha literatura hard, que se preze, pode ser entretida?
Castigados á rúa e desterrados das cousas serias, cantos transitamos semellantes vieiros debémonos conformar con ser autores light, literatura faciliña para rapaces de instituto e seica tamén de encarga polas editoriais, segundo a coñecida definición dun coñecido semanario galego. Non sei se lembrarán tampouco aquela frase de outros tempos, segundo a cal “casarse polo civil era casarse menos que pola igrexa”. Aplicando unha deducción lóxica: escribir fantasía científica é escribir menos que escribir literatura seria, aínda que sexa algo máis que escribir crónicas de xornal. Algo é algo, menos dá unha pedra.
E non obstante, móvese... E non obstante, a fantasía científica é literatura, tan boa ou tan ruin coma calquera outra. Coas mesmas grandezas e miserias, non máis prencindíbel nin menos imprescindíbel que a novela histórica, por poñer un caso, coa súa santa recuperación da memoria que se lle supón como valor engadido -¿merece a pena a memoria sen soños?-
Resumindo: non hai ciencia ficción como tal arquetipo platónico, por máis que a entomoloxía taxonómica diga outra cousa, senón novelas concretas que deberan ser xulgadas en canto tales novelas, non en canto presuntos paradigmas. E deixamos o blues do escritor aldraxado para pasar a cousas máis serias. A fantasía científica, a fin de contas, sequera como subproducto da súa orixe empírica na ciencia, debería ser pragmática: as órbitas dos astros mudan pouco de un ano para outro e as dos críticos polo estilo. Seguiremos informando.



A CIENCIA DAS LETRAS

Aínda hoxe, segue pesando no inconsciente colectivo a expresión das dúas culturas, a científica e a humanística, como antagónicas e mesmo incompatibles, en lugar de consideralas o que son, facetas complementarias do saber humano, ambas igualmente necesarias. A golpe de polémicas absurdas, cando non mal intencionadas, discutimos se é máis grave a perda das humanidades ou o déficit de ciencias. Como se a cultura fose unha suma de compartimentos estancos en vez dun encoro no que desembocan afluentes e escorregan augas río abaixo. A estabilidade no ser humano, sexa cultural ou fisiolóxica, o máximo equilibrio ao que podemos aspirar, é unha cuestión dinámica, de fluxos. Como nun ecosistema ou no noso propio medio interno, na nosa cultura tendemos a unha compensación entre as entradas exteriores e as perdas interiores. Nunca nos han faltar unhas nin as outras.
A fantasía científica cae en pleno campo de batalla nesta disputa, e como diciamos, chóvenlle labazadas das dúas bandas. Se para os literatos somos uns amateurs, para os que se toman a ciencia coma o que non é –o dogma que substitúe o fracaso dos restantes- somos un investigadores renegados ou uns divulgadores a medio camiño.
Na ciencia ficción clásica a ciencia é o pretexto para a aventura, pero non o único, nin se cadra o máis importante en moitos casos. ¿Canta ciencia ten que levar unha novela de fantasía científica, logo? Para gustos hai colores. Os amantes de ciencia ficción dura queren ciencia a tope. Outros, máis moderados, pensamos na amábel lectora ou lector –a experiencia demóstranos que abondan máis as lectoras- que nos agasalla co seu preciado tempo e sen a cal, ou o cal, a nosa actividade de escritores sería un acto sin sentido, puramente masturbatorio (e coidadiño, que todo fai falla na vida, pero a aventura non compartida perde boa parte da súa gracia); e decidimos que unha novela non debe levar notas a pé de páxina. A cousa é aínda peor cando deberían ir a pé de páxina e van intercaladas no texto. En definiva: pode levar tanta ciencia -ou historia ou xeografía ou calquera outra disciplina- como sexamos quen de introducir nela, sen que a documentación lastre a axilidade narrativa, e tendo sempre presente que a carne dunha historia son os personaxes.
Pero sobre todo unha cousiña: o importante do noso traballo como autores de literatura infantil e xuvenil, e tanto monta como profesores, non é dar solucións acabadas, perfectas, senón antes –e sobre todo- espertar preguntas; antes abrir portas e interrogantes sobre a realidade correntemente admitida que presentar a ciencia como o que non é: unha explicación perfectamente coherente do universo, ao xeito duna nova relixión.
E volvendo ao comezo: na novela de aventuras clásica, A illa do tesouro de Stevenson, podería ser un exemplo ¬-e non en van temos referencias a esta obra en novelas nosas, entre outros, os compañeiros Xosé Miranda, Xavier Queipo, Marilar Aleixandre ou Xavier Alcalá, e tamén este que asina, todos nós con variante científica en canto á licenciatura universitaria- hai algo imprescindíbel: a viaxe. A viaxe en canto a incerteza, en canto a non seguranza do retorno, en canto á rotura co cotián, en canto a mudanza no viaxeiro. Esta incertidume da viaxe non é sustancialmente distinta da incertidume da investigación científica, da aventura da descuberta. Non hai coñecemento árido nin obxectivamente aburrido, seguramente, senón coñecementos que requiren distintas formas de transmisión. Cando defendemos a introducción da ciencia na narrativa non facemos senón darlle entrada na literatura do noso tempo ao que é propio do noso tempo, do mesmo xeito que na época da novela que citamos o propio do seu tempo foi o asombro das descubertas xegráficas.
Se cadra o mundo se volveu máis pequeno porque pode percorrerse moito antes dos oitenta días dos que falaba Xulio Verne. Pero isto non é o sustancial, senón o accesorio. O mundo segue tendo o mesmo tamaño nos ollos asombrados dos meniños de cada xeneración. E foi outro Xulio, Cortázar o que nos ensinou a dar a volta ao día en oitenta mundos, non ao mundo en oitenta días.
¿Cantas vocacións científicas se lle deben a Félix Rodríguez de la Fuente ou a Isaac Asimov? Seguramente máis das que nos imaxinamos. Resumindo: ¿canta ciencia cabe na fantasía? Tanta como fantasía na ciencia, tanta ciencia como para que a novela de fantasía científica siga sendo unha novela e o resto da definición, adxectivo. O dito non esgota o tema, porque case todo está por dicir, na literatura como na ciencia. A vida é proxectiva, vai sempre cara adiante, en sentido único. O futuro ten o mal costume de rirse das profecías, e síntoo polos coleccionistas de bolboretas.



¡NON ME TOQUEDES OS SUBXÉNEROS!

Sen moito entusiasmo escollimos cada un seu libro. A medida que ía progresando na súa lectura, a obra foinos enganchando cada vez máis e o que estaba facendo por obrigación, converteuse nun auténtico pracer. Dende aquela, empezamos a valorar a producción literaria en galego. Non se trataba só dos libros aburridos…

Carta de Susana Rodríguez e Andrés Otero,
alumnos do IES Nº 1 do Carballiño

A perspectiva, ou para ser máis precisos a mudanza da perspectiva, fainos contemplar sempre o panorama dun xeito diferente. Non se trata de meter as cousas con calzador para que entren cantas máis mellor. Trátase de ler como aventura, e de escribir como aventura.
A novela de aventuras non se escrebe para render contas a posteridade, senón aos contemporáneos. O mundo da aventura é unha casa con moitas estancias e todas son para ser visitadas. Tamén as da ciencia.

¿Toda conclusión é provisoria? Por forza, sempre e máis despois. E non obstante, o único certo é que precisamos conclusións sequera provisorias, sequera a xeito de balance. Sequera como autoengano: Ítaca non importa, o importante é o camiño.
“Todo o que di nós está mentindo”, advirte Cioran; e cada un fala da feira segundo lle vai nela, di o outro. Pero ás veces, entre mesa redonda e mesa redonda, un aborrece de tanta metafísica e tanta máscara transcendente como adoita exhibirse. Este é un país pequeno e todos nos coñecemos. A posteridade tan soñada non existe para os autores, en canto mulleres e homes, fóra da dos seus nomes. Desculpen, logo, a sinceiridade, e velaí un decálogo coma outro calquera:

1. Facer narrativa de aventuras implica que a lectora e o lector –ou ámbolos dous a xunta- deben entrar a facer parte dela. ¡Abaixo as torres de marfil e os canóns mal entendidos, que son todos!
2. Facer o anterior leva, como castigo incluído no lote, pasar a formar parte da serie B para os/as críticos/as. Porque cada un critica en función dos seus perxuízos e da súa comodidade. ¡Peor para os críticos!
3. Máis vale facer fantasía científica que ciencia fantástica, cando menos dende o punto de vista do lector. Pero cada un fai que o que sabe como mellor pode.
4. A ciencia ficción non é unha forma de profetizar. A política tampouco. As dúas son formas de pasar o tempo ou de enganar á xente, aínda que os practicantes destas dúas áreas teñan, en xeral, semellante mala reputación.
5. Escribir fantasía científica, ou calquera outro xénero ou subxénero, pola ansia de completar un sistema literario é un disparate, pero non maior que facelo por outra razón calquera.
6. O anterior dende o punto de vista da lectora ou lector: ¿e a min que me importa a a motivación do autor, ou as súas afeccións, mentres o seu libro me divirta?
7. A maior fonte de equívocos en relación á literatura futurista, e á ciencia en xeral, provén de suponer que as grandes preguntas da existencia humana serán respostadas polo que agora se chama tecnoloxía. É unha suposición absurda. Todo o máis, prantexaranse de outro xeito
8. A aventura é consustancial ao ser humano, a ansia de saber tamén. Non se debería
enterrar á ciencia ficción prematuramente, non sexa que resucite.
9. Escribir novelas de aventuras á algo tan anacrónico que se volverá fatalmente unha
moda novidosa. Porque a historia, ademais de lineal, é cíclica.
10.A esencia da aventura é o seu compoñente aleatorio, por tanto: ¡Abaixo os decálogos!



Ramón Caride Ogando naceu en Cea-Ourense, e vive en Cambados; é biólogo e profesor de ensino medio. Desde 1986 ten publicado dúcias de títulos de narrativa, con novelas como Soños eléctricos (Xerais, 1992) Premio Blanco Amor; Sarou (Xerais, 1997) Premio Café Dublín; O gume dos espellos (Premio Risco 2003), ou 0 frío azul (2007) Premio Lueiro Rei; e antoloxías de relatos como Lumefrío (Xerais,1994); A incerteza dos paraísos (2000); Negros Espellos (Xerais, 2001); Escáner (Xerais, 2002 ); Boca da noite (2003); ou Dedre (Xerais, 2004). Como poeta, os seus últimos libros son Flor no deserto (Premio Cidade de Ourense 1994), Xeografías do sal (accésit González Garcés 1998); Criptografías (2009); e a recompilación As máscaras de Cronos (Poemas 1994-2005), en Xerais.
Animador de múltiples iniciativas culturais, foi o primeiro presidente da asociación cultural “A Santa Compaña” de Cambados. Ten desenvolvido unha intensa actividade xornalística dende os anos oitenta, sendo columnista en distintos xornais, creador de series e colaborador en suplementos culturais, recolléndose unha escolma destas actividades no seu recente, O gume dos espellos (2010).
Na súa producción infantil e xuvenil, marcada case sempre pola problemática ecolóxica, aparecen títulos como: Micifú e os seus amigos; O cabo da serpe; Un coelliño na beiramar; ou a peza teatral Historia dunha sobreira. En Xerais ten publicado para lectores novos os títulos Andanzas de Xan Farrapeiro (Premio Frei Martín Sarmiento 2011); Bertiño Rompetodo; A pombiña Dona Paz; destacando a serie As aventuras de Said e Sheila, ilustrada por Miguelanxo Prado que tamén apareceu completa con este título, no seu primeiro ciclo, en tapa dura (Xerais, 2001), obtendo unha grande acollida entre o público xuvenil, xa coa primeira entrega da serie, Perigo vexetal (Xerais,1995) que obtivo o Premio Merlín e un éxito inmediato, con sucesivas traduccións e reimpresións, acadando, a día de hoxe, un total de vinte edicións entre distintos idiomas. A esta obra seguiron Ameaza na Antártida (1997) e O futuro roubado (2000). A cuarta entrega da serie, A negrura do mar, foi Premio Frei Martín Sarmiento en 2006.
Exogamia 0.3 (2011), o seu libro xuvenil máis recenté, é o comezo dunha dunha serie de relatos con textos particularmente traballados, suxerentes e non fechados, que permiten abrir un debate necesario sobre os temas candentes do noso tempo, problemas decisivos aos que non podemos ser alleos.

23.5.11

OS LIBROS QUE NON SE PERDEN NOS ANDEIS DAS LIBRARÍAS: POR MARÍA SOLAR


O desexo de calquera autor é que os seus libros non se perdan polos andeis das librerías que non morran alí, que pola contra cobren vida, que os collan, os toquen, os ulan, ollen e revisen, que pasen moitas mans por eles, que movan as súas páxinas e as removan de diante a atrás, e que os elixan e marchen con eles a vivir unha nova vida, a seren interpretados nunha nova lectura, distinta seguramente á do autor. Esa pode ser unha das maneiras de mercar, a máis bucólica, se ben a maioría das veces o lector entra na librería, merca por internet en papel ou descarga, un determinado libro ou autor do que xa sabe de antemán.

Cando me propuxeron facer este artigo coincidiu no tempo con varios comentarios feitos por autores e editores (algúns deles recólloos aquí) que me fixeron reflexionar sobre a visibilización dos libros, sobre o propio libro como produto de mercado e sobre a implicación dos autores nesa venda por iso me pareceu ben trasladar esa reflexión a estas páxinas para compartila e deixala aberta. Sinto ben que a máis interesante, chamativa e polémica das iniciativas que me contaron non teño permiso para facela pública. Desde o respecto ao “off de record” crédeme se vos digo que confirma a eficacia das novas canles de promoción dos libros, a implicación dos autores na divulgación e o establecemento de novas relacións autor-lector a través de internet.

Reflexionar sobre o éxito das obras literarias non é o mesmo que reflexionar sobre a calidade, son dous conceptos que non necesariamente van sempre unidos e mal que nos pese é unha realidade evidenciable. Os grandes best sellers poden ou non ser literariamente bos, a literatura de “Alcampo” existe e existiu sempre dunha ou doutra maneira e a historia está chea de grandes autores que mesmo utilizaron pseudónimos para facer esas outras obras de éxito que daban de comer. Os libros facilóns de temas atractivos e de moda que se venden a moreas, están aí, teñen o seu sitio e seguramente deben existir tamén. Pero non imos afondar sobre eles se non sobre aquela outra literatura de calidade que nace nunha lingua minoritaria e que busca visibilidade e éxito. As tiradas do libro galego non son extraordinarias en cifras pero dentro delas tamén hai libros de éxito e libros que se perden nos andeis nas librarías, e igual que cos grandes best sellers, non sempre a calidade é garantía total de trunfo. O libro hai que vendelo, sen que nos convirta en mercenarios, sen que nos condicione no tipo de obra pero conseguindo para os textos de calidade a repercusión que merecen. Aínda acontece nos medios de comunicación que se atopan autores reacios ás entrevistas, poucos é ben certo, pero o que si estamos a ver os xornalitas é o caso contrario autores que chaman, insisten e ata machacan para que os medios se fagan eco da súa obra. Información, publicidade e marqueting mestúranse e ás veces confúndese e confúndennos aos compradores de libros.

No último ano a caída da produción editorial é unha realidade. Partindo de que as editoriais son empresas que precisan beneficios, reducir o número de títulos reflíctese en boa medida nunha selección maior dos autores a quen publicar e dos tipos de libros ao tempo que en algunhas delas incitan a unha agudización do enxeño para promocionalos a baixo custe. Por suposto sempre hai excepcións como a de Urco editores que acaban de sacar a colección “Alcaián” exclusivamente para autores nobeles. Non hai moito unha autora de infantil ben coñecida, contábame da súa pena polo rumbo que está a tomar a literatura para os máis pequenos na que “trunfan” os libros sobre temas “sociais e educativos” temática en definitiva de transmisión de valores, e aseguraba que os autores céntranse en escribir obras pensando en que sexan seleccionadas polos mestres para as lecturas dos colexios. Sen dúbida un dos problemas sobre a mesa é que os propios autores se rindan ás modas e sacrifiquen facer a literatura que lles peta. Iso é algo que non debe acontecer. Do mesmo xeito, non é a primeira vez que escoito as queixas dun autor polo “abandono” da editorial da súa obra unha vez editada e como xornalista, tampouco é a primeira vez que atopo unha editorial que nin conta das súas novidades, nin facilita a súa divulgación, sirva de exemplo unha conversa que mantiven hai pouco cun editor ao que lle pedin unha entrevista cun autor ao que contestou “este non che da entrevistas” e cando lle propuxen que fora el quen falara da obra como editor respondeu “e eu que vou contar?” e a seguinte pregunta xa foi miña “¿e logo que queres que conte eu?”. Felizmente, non é o normal, a meirande parte das editoriais, como ten que ser, implícanse a fondo na promoción porque é parte do seu negocio.

A promoción editorial das obras é hoxe en día imprescindible para facer visibles as obras, pero está ben claro que o acto de “presentación” dos libros xa non é suficiente, a meirande parte deles convertense en reunións de amigos e familiares que igualmente estarían predispostos a mercar ese libro e a chamada da prensa non sempre funciona e ven condicionada, unha vez máis, pola fama do autor, o reclamo do que se conta e as outras posibles citas informativas que poidan coincidir á mesma hora.

Un día de finais de verán do ano pasado unha compañeira preguntoume se aínda no contara nada no programa do libro novo de Diego Ameixeiras “escribiu un novelón” engadiu. O curioso é que o libro non existía, non estaba editado, nin nas librarías, o único que había era unha nota de prensa de Xerais anunciando a próxima publicación do libro co argumento dun asasinato entre as filas do BNG e a raíz dese anuncio había xa algunha entrevista en prensa. O cazador cazado, a miña compañeira xornalista coñecedora do funcionamento dos medios estaba a dar por feito das excelencias da novela que ninguén lera ainda. A estratexia editorial do anuncio previo, da creación dunha expectativa, funciona e consegue o apoio da prensa sobre todo cando hai un tema “vendible” e oportuno detrás como o caso de Ameixeiras que realmente foi ben de vendas unha vez publicado, ou ben, cando hai un afamado autor detrás, serva o exemplo do novo libro de Manolo Rivas co que Xerais tamén creou un ambiente previo coas notas de prensa. Facer que o libro “soe” mesmo antes de que estea editado é unha boa estratexia con resultados claros en caso de autores coñecidos e temas polémicos.

Internet é tamén outra vía de achega de información e visibilización dos libros, nos últimos meses de aforro de custes a meirande parte das editoriais pasaron de facer envíos de paquetes con libros á prensa a facerlles chegar mails con links a páxinas de información das novidades, de xeito de que o medio poida solicitar que se lle envíen só os libros nos que estean interesados. Os blogs das propias editoriais ou da crítica ofrécennos continua información, pero é información dirixida a unha audiencia que a busca activamente, difícilmente deste xeito se chega a público non interesado de anteman.

E necesario nos tempos difíciles nos que vivimos aproveitar a tope as vías de promoción existentes, buscar novas canles, demandalas e botarlle un punto de imaxinación á promoción dos libros.

Pero un paso máis nese proceso visibilizador é a implicación do propio autor. Estase a evidenciar como un medio efectivo para dar a coñecer as obras, ben sexa a través da colaboración coa prensa, das charlas cos lectores ou por exemplo do aproveitamento das oportunidades que nos ofrece internet. Marcos Calveiro ou Francisco Castro poden ser dous exemplos ben coñecidos de blogueiros galegos que están a facer unha boa labor de comunicación das súas obras, do seu proceso creativo e do seu traballo como autor. Tamén galego pero desde fóra de Galicia Agustín Fernandez Mallo xoga no seu último libro “El hacedor (de Borges) Remake” cos contidos do seu blog que amplían e completan o texto. O blog forma asi parte tamén da súa obra e colecciona milleiros de visitas activas.

Pero unha das últimas estratexias comunicativas máis chamativas está a ser a de Lea Tobery co seu libro “Resurrección” publicado en Galicia por Xerais. O traballo de Lea na difusión do seu libro en redes sociais como o facebook foi impenitente e machacón e cun resultado evidente no seu público obxectivo (ainda que seguramente rematara por ser silenciado por pesado polo seu público non obxectivo). A relación lector-autor que ofrecen as redes sociais é un novo camiño cunha potencialidade interesante e expansiva que ainda está a ser pouco utilizada.

Con todo, e malia eses esforzos de editores e autores unidos na promoción (que insisto penso que cada vez é máis necesario) os resultados por estas terras son necesariamente limitados. Hai pouco dicíame un editor galego “vender mil libros xa é para celebralo cunha mariscada”, quitando a carga de humor do comentario, que son consciente de que a había, o libro galego realmente ten un mercado reducido cando falamos de narrativa para adultos, mesmo ensaio, algo menos para o libro infantil e o de texto, pero as nosas cifras son modestas como acontece nas linguas minoritarias. En Galicia os autores non viven dos libros, as propias cifras do mercado non o permiten, pero é unha aspiración á que non hai que renunciar e a maneira de conseguilo é sumando mercados coa tradución.

Exportar é unha necesidade e nese sentido contrapóñenseme dúas conversas que mantiven nos últimos días cun par de editores e un autor. O escritor contaba da súa personal odisea e peregrinaxe, tediosa e chea de dificultades, polas editoriais do resto de España e dalgún outro país para conseguir traducir algúns dos seus libros a outras linguas. Xunto coa satisfacción nos casos nos que o conseguiu, por chegar a outros públicos e remozar a vida das obras (demasiado efémeras hoxe) tamén estaba a queixa da soedade do camiño. Pola súa banda os editores consultados aseguran que o éxito da tradución é o éxito non só do autor, se non da editorial e que por tanto eles son os primeiros en esforzarse na venda dos dereitos, traballando tanto nas feiras como a través doutras canles. Non me encaixan ben os testemuños e non teño respostas, ou si. Facendo de avogado do diaño de autores e editores, supoño que nin tódolos autores teñen calidade para a tradución, nin tódalas editorias se implican en conseguilas.

No que si coinciden todos, autores e editores, é en demandar unha vez máis a necesaria promoción institucional da nosa literatura fóra de Galicia, e todos tamén teñen claro o exemplo a seguir da Generalitat de Cataluña e o seu excelente traballo na visibilización exterior da súa literatura.

Non paran de dicirnos da calidade da nosa literatura, un dos últimos ao que llo escoitamos foi ao poeta Antonio Gamoneda na homenaxe que recibiu en Santiago dos escritores, pero se damos por certa esa calidade as cifras de tradución non se lle corresponden. Demandemos unha vez máis e con máis razón en tempo de crise que se invista no futuro da industria e dos autores, que se apuntalen as obras de calidade facéndoas visibles, que se aposte por exportar literatura e que a promocionen institucionalmente no exterior, porque os éxitos tamén se crean.


María Solar naceu e vive en Santiago de Compostela. É presentadora e coordinadora do programa cultural Zigzag Diario da Televisión de Galicia. Licenciouse en Xornalismo e Bioloxía ademáis de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine As tardes da Galega e na TVG presentou diversos programas como Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, Que boa tarde ou Os directos da Galega, entre outros, asi como galas e programas especiais. Colaborou tamén en prensa e revistas. En 2009 recibiu o 2º Premio Galicia Innovación de Xornalismo Científico. É ademáis actriz de dobraxe.

Como autora céntrase no público infantil, ten publicado: O Fillo do Pintamonas (Tambre, 2009), Boa Sorte (Baía, 2008), O tempo do revés (Baía, 2008) e os libros divulgativos O libro do noso mar (Lea, 1999), Ecoloxía na aula (Lea, 1998)

20.5.11

LIBROS GALEGOS ESCOLLIDOS POLA REDE DE SELECCIÓN DE LIX





A Red de Selección de Libros Infantiles y Juveniles edita, por segunda vez en formato electrónico, a publicación de Libros escollidos de literatura infantil 2009-2010 (3-15 anos), repertorio de 121 títulos seleccionados entre os publicados en España desde o 1 de setembro de 2009 ata o 31 de agosto de 010, en castelán (62 títulos), català (25 títulos), euskera (11 títulos) e galego (23 títulos).
Podedes acceder á Rede de Selección premendo aquí.
A continuación, a lista dos títulos seleccionados en lingua galega:

Fina Casalderrey
Manuel Uhía Lima
¿E ti que farías por min?, Xerais 2010

Mon Daporta
Óscar Villán Seoane
Un becho estraño, Faktoría K de Libros 2009

Jacob Ludwing K. Grimm
Wilhelm Karl Grimm
Luis Gabriel Pacheco
Os catro amigos, Kalandraka 2010

Nicolás Arispe
O insólito ascenso de Madame Pôl, Faktoría K de Libros 2010

Txabi Arnal
Cecilia Varela
O corazón do xastre, OQO 2009

Pablo Díaz Carro
Marquski
Tic Tac, Kalandraka 2009

Jorge Luján
Piet Grobler
Oh, as cores!, Kalandraka 2010

Maurice Sendak
Onde viven os monstros, Kalandraka 2009

Magín Blanco
Iván Prieto
A nena e o grilo, OQO 2010

Chinto
Pinto
A peripecia de Roi, Tambre 2009

Agustín Fernández Paz
Xan López Domínguez
Valados, Xerais 2009

Pere Tobaruela
Viaxes dun can de palleiro, Sotelo Blanco 2009

Manuel Janeiro Casal
Marta Álvarez Miguens
A abella abesullona, Galaxia 2009

Xosé Antonio Neira Cruz
Marta Álvarez Miguens
Sopa de xarope de amora, Axencia Galega das Industrias Culturais
Xerais 2010

Manuel Rivas Barrós
Aitana Carrasco Inglés
Milu, Kalandraka 2010

Pablo Albo
Pablo Auladell Pérez
Dióxenes, Kalandraka 2010

Chinto
Pinto
Contos para nenos que dormen deseguida, Kalandraka 2010

Xosé Antonio Neira Cruz
David Soler
Jan estivo alí, Galaxia 2009

Paula Carballeira Cabana
O lobishome de Candeán, Galaxia 2009

Jacobo Fernández Serrano
Mil cousas poden pasar, Xerais 2009

Marcos Sánchez Calveiro
Ramón Trigo Alonso
O pintor do sombreiro de malvas, Xerais 2010

Rosa Aneiros Díaz
Ás de bolboreta, Xerais 2009

Manuel Núñez Singala
Menú de enganos, Galaxia 2010

19.5.11

GÁLIX E A CRTVG


O Día das Letras Galegas foi a data escollida para iniciar a colaboración entre a Compañía de Radio Televisión de Galicia e Gálix, dende a plataforma da súa nova web .
No apartado de "Infantil" hai unha sección chamada "Libros recomendados". Aí, Gálix recomendará semanalmente un libro que irá amparado polo "Selo de Calidade Gálix". Non será un servizo de novidades, senón un espazo no que falarlles aos pequechos da casa sobre por que eses libros son interesantes para eles.
A recomendación vai etiquetada por ámbitos de interese, pensando en darlles un servizo ás familias, categorizado por idades, etc.
Temos a seguridade de que esta iniciativa será unha forma de continuar visibilizando aos nosos autores e autoras e, en consecuencia, a nosa LIX.

18.5.11

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ: CANDIDATO AOS PREMIOS HANS CHRISTIAN ANDERSEN 2012




Con data de hoxe, o IBBY fixo público o anuncio dos nominados e nominadas para os Premios Hans Christian Andersen 2012

O autor nominado en España é o noso querido AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.
Este premio ten carácter bianual e compiten tanto autor@s como ilustrador@s.
O anuncio dos premiados farase público en Marzo de 2012.

Desde Gálix, estamos moi felices de que Agustín Fernández Paz estea entre os nominados deste premio tan prestixioso. É todo un orgullo para a literatura galega.
PARABÉNS, AGUSTÍN!!

Colgamos a continuación a lista completa dos candidatos e candidatas dos demais países:

Argentina: Author: Maria Teresa Andruetto; Illustrator: Pablo Bernasconi
Australia: Author: Christobel Mattingley; Illustrator: Bob Graham
Austria: Author: Monika Pelz; Illustrator: Renate Habinger
Belgium: Author: Bart Moeyaert; Illustrator: Louis Joos
Brazil: Author: Bartolomeu Campos de Queiros; Illustrator: Roger Mello
Canada: Author: Tim Wynne-Jones; Illustrator: Stephane Jorisch
Cyprus: Author: Elli Peonidou
Czech Republic: Illustrator: Peter Sís
Denmark: Author: Lene Kaaberbol; Illustrator: Charlotte Pardi
Finland: Author: Sinikka Noola/Tiina Nopola; Illustrator: Virpi Talvitie
France: Author: Jean-Claude Mourlevat; Illustrator: Henri Galeron
Germany: Author: Paul Maar; Illustrator: Rotraut Susanne Berner
Greece: Author: Christos Boulotis; Illustrator: Effie Lada
Iran: Illustrator: Mohammad Ali Baniasadi
Ireland: Author: Eoin Colfer
Italy: Author: Bianca Pitzorno; Illustrator: Francesco Tullio-Altan
Japan: Author: Masamoto Nasu; Illustrator: Satoshi Kako
Republic of Korea: Author: Hwang Sun-Mi; Illustrator: Hong Seong-Chan
Latvia: Illustrator: Anita Paegle
Netherlands: Author: Tonke Dragt; Illustrator: Annemarie van Haeringen
Norway: Author: Bjorn Sortland; Illustrator: Oyvind Torseter
Romania: Author: Silvia Kerim; Illustrator: Valeria Moldovan
Russia: Illustrator: Gennadij Spirin
Serbia: Author: Ljubivoje Rsumovic; Illustrator: Dobrosav Zivkovic
Slovak Republic: Author: Daniel Hevier Illustrator: Peter Uchnár
Slovenia: Author: Tone Pavcek; Illustrator: Alenka Sottler
Spain: Author: Agustin Fernandez Paz; Illustrator: Javier Zabala Herrero
Sweden: Lennart Hellsing; Illustrator: Anna-Clara Tidholm
Switzerland: Author: Franz Hohler; Illustrator: Kathrin Scharer
Turkey: Author: Sevim Ak; Illustrator: Feridun Oral
United Kingdom: Author: Philip Pullman; Illustrator: John Burningham
USA: Author: Paul Fleischman; Illustrator: Chris Raschka
Venezuela: Illustrator: Arnal Balleste

16.5.11

MONOGRÁFICO: “As bibliotecas escolares”, da Revista Galega de Educación


A Revista Galega de Educación, é unha publicación do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega que comezou a editarse en 1986. A súa edición foi interrompida nun breve lapso de tempo para ser retomada de novo. Nesta segunda xeira, a revista é monográfica e vaise facendo cargo dos temas de interese na educación actual.
O último número, o 48, publicado a finais do 2010, é un monográfico titulado “As bibliotecas escolares”. Coordinado por Cristina Novoa e Pilar Sampedro (asesoras de bibliotecas escolares da Consellería de Educación) reúne unha serie de artigos relacionados con este centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe ao servizo do centro educativo.
Tres traballos encadran o papel das bibliotecas escolares na educación actual. Un deles do profesor Manuel Area, pedagogo galego, especializado en tecnoloxías educativas, que desenvolve o seu labor na Universidade de La Laguna, e que leva por título “Bibliotecas escolares e alfabetización na escola do século XXI”; nel, o autor analiza o papel da biblioteca escolar ante o reto dos multialfabetismos propios da escola deste século, afirmando que esta biblioteca está chamada a ser o eixo catalizador de todos os recursos do centro, organizando e coordinando o acceso aos mesmo e desenvolvendo accións alfabetizadoras vinculadas coas diferentes competencias, a investigación e a construción de coñecemento. Os outros dous “Bibliotecas escolares para un alumnado do século XXI” e “Camiño Longo: as transformacións das bibliotecas escolares cara a un novo modelo” asinados polas coordinadoras, céntranse –o primeiro deles- na función imprescindible da biblioteca escolar de cara á adquisición das competencias básicas para o desenvolvemento persoal, cívico, académico e profesional do alumnado actual, e, o segundo, na transformación que se ten producido nas bibliotecas escolares galegas ao longo dos últimos anos, co obxectivo de dar resposta ás necesidades das comunidades educativas.
Do esforzo que levan a cabo estas comunidades educativas, a través do profesorado implicado como equipo e responsable das bibliotecas escolares, dan fe os artigos seguintes, asinados polas persoas coordinadoras de diferentes bibliotecas escolares que relatan a súa experiencia en torno a un servizo, unha actividade, unha función... da biblioteca.
O primeiro, trata da formación de usuarios na biblioteca escolar do IES Poeta Añón. Trátase dun programa para formar aos usuarios da biblioteca, para aprender a manexarse nese espazo e con eses fondos, para desenvolver as habilidades necesarias para informarse e investigar, para poder traballar con toda a documentación sen perderse no caos da información.
A biblioteca escolar no traballo cos proxectos documentais integrados é o tema do artigo que envía o CPI de Baralla. A realización de pequenas investigacións interdisciplinares e integradas nas programacións didácticas, o tratamentos deses centros de interese por parte de alumnado de diferentes idades e desde distintas áreas son o un dos piares de funcionamento das bibliotecas escolares, incluso en centros complexos como os Centros Públicos Integrados.
A biblioteca escolar resulta indispensable para traballar os proxectos interdisciplinares, a materia de primeiro de ESO que trouxo consigo o desenvolvemento do currículo en Galicia. Desta relación trata o seguinte artigo que chega desde o IES Auga da Laxe, un dos primeiros centros nos que se estableceu este vínculo imprescindible entre esta materia e a biblioteca escolar.
Considéranse os Clubs de Lectura como unha das fórmulas de maior interese para o fomento da lectura con adolescentes, ao incluír varias das condicións necesarias para motivar ao lectorado: a posibilidade de comunicación cos seus iguais e a oportunidade de compartir gustos, inquedanzas, significados, emocións e opinións sobre as súas lecturas. Desta práctica de socialización e creación de comunidades de intereses, ao redor dos libros e da lectura, trata o artigo asinado polo responsable da biblioteca do IES Ramón Menéndez Pidal, un dos douscentos centros de secundaria acollidos á convocatoria de clubs de lectura.
Unha actividade que está a dar moi bos resultados é a chamada “Hora de ler” que recolle o nome do programa de fomento da lectura da Consellería de Educación e O.U. e ao tempo asume o tempo mínimo para a lectura que aparece nos currículos de educación Primaria. Esta actividade sistemática de lectura libre vaise estendendo ao longo e ancho da xeografía e das etapas educativas, e dela dá noticia a biblioteca escolar do CEIP Espiñeira Aldán.
O Proxecto Lector de Centro é o documento que ha de recoller todas as intervencións do centro relacionadas coa lectura, a escritura e as habilidades informativas. A súa elaboración e desenvolvemento ha de ser coordinado, preferentemente, pola persoa responsable da biblioteca escolar, pois a lectura é un dos piares nos que se apoia a dinamización da biblioteca, e ela é quen achega os materiais cos que realizar todo tipo de lecturas. Da biblioteca do CPI A Baña chega o tratamento desta temática.
Unha das funcións que ha de cumprir a biblioteca escolar é a compensación de desigualdades de orixe do alumnado. Para aqueles que non teñen biblioteca persoal nin familiar, para aqueles que non teñen acceso aos bens culturais, ha de estar a biblioteca escolar, ofrecéndolle o que demanden e creándolle a necesidade do seu uso, facendo un traballo de integración deste alumnado na sociedade como cidadáns de pleno dereito á cultura. Disto trata o artigo do CEIP de Esteiro.
Outra das funcións da biblioteca escolar é a de difundir cultura. Ser o foco que difunde o saber cultural, que recolle as actividades do entorno e as asimila na estudo regrado e ao tempo mostra o que se realiza no centro, é unha das misións da biblioteca, porque a biblioteca é esa instancia que une educación e cultura, así como xungue educación regrada e ao longo da vida, académica e non tanto. Para mostrar ese quefacer escribe o seu artigo o responsable da biblioteca do CEIP Condesa de Fenosa amosando o se que realiza voluntariamente fóra do horario das clases, as actividades nas que participan outros membros da comunidade educativa máis alá de alumnado e profesorado e as publicacións da biblioteca que chegan a todos os fogares.
O artigo do IES Fernando Esquío céntrase na biblioteca como editora que mostra os materiais cos que conta e as actividades que realiza. Faino a través do blogue, dos trípticos de recomendacións de verán e Nadal, os boletíns trimestrais de biblioteca, as guías de exposición... porque calquera motivo é válido para facer visible a biblioteca e os seus recursos, dentro e fóra do centro.
En Vigo trece profesoras que representan as bibliotecas de oito centros diferentes, a través dunhas reunións (que poden acollerse á convocatoria de grupos de traballo promovida polo Centro de Formación e Recursos do Profesorado ou de maneira libre) traballan conxuntamente a favor das bibliotecas escolares. O realmente importante é que decidiron traballar colaborativamente e foron xuntando esforzos desde o curso 2006/2007. Comezan reuníndose en cafeterías para (posteriormente) facelo de forma itinerante nas diferentes bibliotecas de maneira que poidan aprender das solucións que en cada caso se van dando. Programan actividades xuntas e vanse formando naquelas temáticas nas que o necesitan como formación de usuarios, educación documental ou utilización das TIC; comentan bibliografía e apóianse unhas a outras achegando o ánimo e a enerxía necesaria para facer fronte ao traballo de cada día. Así nolo contan noutro dos artigos.
Do affaire apaixoante que se produce entre a biblioteca e as TIC escriben desde a biblioteca do IES Sánchez Cantón, un centro que se caracteriza por ter xunguido estes dous ámbitos de maneira exemplar. Traballar ao unísono, para conseguir uns resultados impresionantes, a través do blogue, do moodle, dos wikis elaborados co alumnado, dos obradoiros de ferramentas da web 2.0 para profesorado e alumnado. Fronte aos que separan para vencer, a biblioteca mostra o seu papel de integrador natural das novas tecnoloxías, para acceder á busca de información e poder traballar con ela, para realizar alfabetización informacional con todos os soportes e materiais en papel, audiovisuais e multimedia. Tal como se explica, esta é unha parella con moito futuro.
Na xestión da biblioteca escolar fan falla todas as mans, non só do profesor/a responsable e do seu equipo, senón do resto do profesorado e alumnado que a utiliza e vivifica. O papel dos axudantes biblioteca, do alumnado colaborador, é fundamental para a realización de labores pero tamén para achegala ao resto da comunidade educativa. Estes axudantes, reciben formación, levan distintivos especiais para que todos poidan pedirlles axuda e teñen certos privilexios. Neste caso é o biblioteca do CEIP Humberto Juanes quen explica o seu funcionamento, os materiais que elaboran para este equipo e a avaliación que se fai do servizo.
As mochilas viaxeiras son unha das actividades estrela, un cabalo de Troia que se envía ás casas para que toda a familia participe no feito lector e goce dos recursos da biblioteca escolar. Os materiais que se introducen na mochila para ese préstamo ás familias acostuman ser libros para pequenos e adultos, pero tamén cine e música para compartir. Unha libreta na que apuntar consideracións e novas propostas, para que pais e nais acheguen opinións e novas necesidades, acompaña ao inventario. Hai centros onde a mochila se sortea, outros nos que se establece unha lista de espera... e diso nos falan desde o CEIP Brea Segade.
O CEIP San Roque de Darbo escribe o seu artigo centrándose na participación da comunidade educativa na biblioteca e na busca da implicación da familia nos hábitos lectores e na valoración do estudio. Entre as actividades desenvolvidas para conseguir este obxectivo, está a atención e préstamo directo ás familias mentres os seus fillos acoden a actividades extraescolares, ou os obradoiros construtivos para que poidan coñecer as actividades realizadas polos seus fillos/as de maneira que poidan ter unha continuidade na casa; o papel de pais, nais e avós colaborando coa biblioteca tanto no seu deseño e ambientación como na doazón de material bibliográfico como nas suxestións para adquisición, na liberación de libros ou nas contadas de contos.
Tres artigos finais, responden ao epígrafe “A biblioteca vista dende fóra”. O primeiro está escrito polo director do IES A Pinguela e achega ese visión da biblioteca como centro de recursos do centro polo seu responsable e representante. Cando a dirección ten claro o papel da biblioteca introdúcea nun lugar relevante no seu proxecto de dirección, busca o responsable que poida xestionala e dinamizala mellor, axúdalle a formar o equipo que completará o seu labor, apoia á biblioteca a través dos recursos de centro (tanto orzamentarios como humanos) e dentro das súas posibilidades. A mirada global sobre o centro detense na biblioteca escolar. O segundo dos artigos corresponde a unha inspectora, Carmen M. Valderrama, que achega a súa experiencia como docente e responsable educativa, como profesional que se forma en bibliotecas escolares e, coas ideas moi claras, tenta apoialas; o seu título “A utopía da biblioteca escolar, camiño de realidade” é suficientemente aclaratorio. O terceiro, será o asinado por un ilustrador e autor de literatura infantil que percorre as bibliotecas dos centros educativos de Galicia, Anxo Fariña; el fala das bibliotecas como “As casas dos libros” traéndonos a idea acolledora do fogar, reflectindo a creatividade que as enche para escoller lugares e decoracións, o agarimo e o esforzo do profesorado pintando as paredes ou percorrendo quilómetros para conseguir un mobiliario máis axeitado, ou o papel dalgún conserxe tomándose a biblioteca como algo propio.
A sección “Para sabermos algo máis...” recolle unha bibliografía actualizada (específica de bibliotecas escolares, bibliotecas e lectura, bibliotecas e alfabetización informacional/ educación documental) e tamén, recursos de internet relacionados con bibliotecas escolares, educación documental, promoción da lectura, revistas dixitais e bibliotecas virtuais. Entre estes recursos cítanse a páxina da asesoría de bibliotecas escolares de Galicia con recursos variados e con enlaces aos blogues das diferentes bibliotecas escolares e os blogues que se manteñen desde a asesoría: “Hora de ler” para todo o asociado a lectura, “Ler en man común” para os clubs de lectura e cos enlaces aos blogues dos clubs de lectura dos centros, “Libros a eito” que exerce como banco de libros onde cada biblioteca oferta os títulos dos que conta con varios exemplares para poder ser utilizados en clubs de lectura, e, “Rede Lectura” onde se recollen novas e recensión de libros de literatura infantil e xuvenil galega. Verdadeiras fiestras ao mundo das bibliotecas escolares e a lectura, espellos onde se reflicten as bibliotecas reais.
Para finalizar, unha entrevista arredor da lectura a Juan Mata, o profesor de Didáctica de Lengua y Literatura na Universidad de Granada, autor dos libros Como mirar a la luna. Confesiones de una maestra sobre la formación del lector, El rastro de la voz y otras celebraciones de la lectura, da exposición itinerante Amar leer, mantedor do blogue El discreto lector e premiado cos galardóns Premio Feria del Libro de Granada e premio de Andalucía de Fomento de la Lectura 2002.
Un monográfico de interese para todos aqueles aos que a lectura, a literatura e as bibliotecas non lles resulten alleas.

10.5.11

UN MISTERIO PARA TINTIMÁN: POR SANTIAGO JAUREGUIZAR


(Unha explicación de) UN MISTERIO PARA TINTIMÁN


Jaureguizar

Hai un lugar e un tempo onde empezan as novelas. As novelas da serie 'Un misterio para Tintimán', que escribo e asino con cumprida satisfacción redaccional e de ecos lectores, agromaron en 1993. Na altura fora aprender de cinema, literatura e diversión insonme como reflexo dun intento dos meus pais, clase media formada, en que aproveitase unhas aulas no que hoxe é Campus Sur de Compostela. Unha mañá doutras moitas de eludir a aprendizaxe do Dereito Romano andaba eu procurando os misterios artísticos e imaxinados da catedral cando descubrín ao carón dese edificio o solemne e intrigante pazo de Xelmírez. Os catro datos inconexos sobre os que me dei informado naquela expedición improvisada prenderon en min o interese pola figura do cacique visionario e acudín a unha biblioteca para ampliar o perfil.
O segundo elemento que vou xuntar a esta memoria é unha anécdota que lle lin a alguén nalgún papel impreso por aqueles anos de fervor vital e soneca académica nunha noite branca de hostal: comentaba que a Igrexa católica administraba e xestionaba o chocolate na súa chegada a Santiago. Seica convidaban aos receptores dos seus rezos terrenais para, co bandullo quente e o corazón brillante, conseguir favores inclinados aos seus intereses.
Naqueles espazos e naqueles anos agromaron o impacto da biografía abraiante de Xelmírez e a anécdota, ignoro agora se certa, do uso primeiro do chocolate no noso país. Alí as deixei estar, no meu pasado de inconsciencia e troula, ao longo de 16 anos. En 2009 despertei aos dous activistas daquel comando durminte -unha historia de fondura e unha pinga de espectáculo- porque precisaba que actuasen. Contaba unha materia narrativa sólida e unha capa lixeira de fulgor, todo o que se precisa para comezar unha novela.
Todo o que pretendía era evitar aos lectores adolescentes aos que dese chegado co meu aviso a miña vergoña de vivir en Galicia e ignorar a existencia de Xelmírez ata os 18 anos, algo que me non acontecía, por exemplo, co Papa Luna. Hai dous anos, logo, comecei o intento de que os rapaces soubesen algo máis da historia cativa do seu país, é dicir, non sobre o pasado xeral, senón sobre algúns feitos de relevancia acontecidos nas cidades e nas vilas que habitan. A fin non era dende logo escribir ningún manual divulgativo, que non me cruzou o pensamento a idea tendo en conta a eficaz xeira de Villares ou de Barreiro nese eido. A miña intención situaba en paralelo a ciencia dos feitos e a arte da ficción: pretendía escribir unha serie de novelas nas que se contasen soterradamente aconteceres locais de maior trascendencia: Xelmírez en Santiago, a batalla de Elviña na Coruña, os combates de Rande en Vigo, a muralla de Lugo,...
Unha vez concretada a intención, precisaba dun vehículo. Os personaxes e o ritmo son as miñas grandes preocupacións cando realizo obras literarias, polo que decidín que o mellor xeito de contar a Historia local (e nacional, en consecuencia) era un xénero, porque permite ordear os feitos novelados seguindo un patrón, e, en concreto, o xénero de aventuras, porque achega ritmo e espectáculo.
A perspectiva era traballar durante catro anos nunha serie de 7+1, é dicir, ambientar sete novelas dunha serie en senllas cidades grandes de Galicia e, a xeito de capricho, introducir outra na vila á que regreso unha e outra volta nos meus soños literarios: Ribadeo. O editor de Xerais, Manuel Bragado, logo aceptou e asumiu a proposta cunha emoción e unha visión de futuro que mesmo me sorprendeu. Foi el quen me requeriu dous títulos para comezar nunha aposta que eu non acababa de atopar rendible, pero o paso deste ano demostroume os motivos de ser el editor e eu non. Mesmo o ritmo de edicións que leva a colección nos anima xa a mirar Vilagarcía de Arousa ou Narón, París ou Londres, con ollada de Tintimán. A editorial entregouse de cheo ao proxecto: tanto na propia edición -xenerosa malia a crise metemedo-, como nas facilidades ao ilustrador, Matalobos, a quen soamente lle pedín que traballase pensando que debuxaba un cómic. Matalobos ocupouse de construír o seu Tintimán e mesmo de dictar como había de ser o meu achegando unha chea de boas ideas estéticas.
Concretados eses riscos xerais, pensei no personaxe. Ao ter a serie unha vocación popular e xeral, debería ser un investigador, alguén que perseguise a resolución dalgún misterio. Como sobran os detectives xuvenís (e os detectives en xeral, dende que o Ikea nórdico comezou a espallarse), optei por un xornalista, unha decisión na que tamén pesou necesariamente o feito de eu levar vinte anos na profesión. O modelo nun primeiro momento era Indiana Jones, pero precisaba de rexuvenecelo notablemente, polo que acordei do periodista Tintín da mocidade e fixen un cruce. De esa mestura xurdiu Tintimán, un nome de heroe que fai homenaxe explícita á renovación cultural da que gozamos nos 80 ao corresponder co nome dunha revista viguesa do tempo.
Buscando a identificación co lector, debuxei un rapaz de 14 anos que quere adicarse ao xornalismo e viste a xeito do superhome de Spielberg. O requerimento de que vivise só para poder desenvolver o seu traballo empuxoume a subirlle dous anos a idade e a crearlle un ámbito familiar peculiar. En primeiro lugar, matei ao seu pai, Norberto Lobo, un reporteiro internacional especializado en guerras. Iso permitiume erguerlle a figura ata unha categoría mítica mirando dende o punto de vista do fillo, coa fin de dotalo de todas as cualidades e borrarlle os defectos para que o seu cativo o admirase sen matices e devecese por imitalo.
Como un rapaz deses anos non pode estar sen pai, devolvínllo a Tintimán parcelado a través de tres personaxes: Don Anxo, o director do seu xornal, que exerce un autoritarismo comprensivo; Señor Grozni, un gato torto que o mozo percibe como vehículo para comunicarse co espírito paterno, e Anselmo, no que concorren a figura do seu profesor de Historia e o seu padastro. Anselmo ocuparase por unha banda de agochar as súas ausencias no instituto e por outra de informalo sobre os aconteceres que investiga.
O propio Tintimán reclamábame esa paternidade compartida pola súa inmadurez, unha característica que me permite argallar unha trama, a sentimental, que avanza canda a sentimental. Atendendo ás características do xénero, argallei un heroe poliamoroso na onda frívola de James Bond, cunha relación máis ou menos estable cunnha novia/non-noiva chamada Mónica. En certo xeito, o meu rapazolo pretende comportarse coma un macho alfa (aínda sendo inconsciente) facendo as beiras á fotografa do xornal, a quinceañeira Maika, e a toda canta rapariga da súa idade que se lle cruce na indagación dun misterio. Excuso de dicir que eses intentos adoitan quedar frustrados e teñen a dobre función de dotar ás novelas dunha trama sentimental e máis de acrecentar a dimensión do personaxe a través do cuestionamento expreso da súa actitude machista.
Con todo, non lle resto méritos e trazo a Tintimán como un mozote valente e arroutado, dunha xenerosidade social infrecuente. Teño coidado de ser respectuoso con esa concepción desmitificadora e humana do heroe que se impuxo nestes principios deste milenio, polo que o meu protagonista é un langrán e un godallo.
Esas características posibilitan que lle poña ao carón a Mónica, cuxa función é a de escudeira do heroe. Mónica é o contraste de Tintimán e asemade, o seu complemento. A moza ten unha responsabilidade febril que a empuxa, non soamente a preocuparse dos seus estudos, nos que brilla con singularidade, senón tamén a ocuparse da actividade académica e doméstica de Tintimán. Será ela que teña conta de que non lle falte un apuntamento do instituto, de limparlle a casa e de tirar as pizzas que lle caducan na neveira. Mónica protesta decontino polo trato do seu mozo, pero a bondade cubre todo desexo de vinganza.
O seu papel é tamén substitutorio, da figura materna neste caso. Tintimán ten nai, claro. O seu nome é Cristina; o seu traballo, ciruxana reputada, e a súa devoción, axudar aos pobres da latitudes máis afastadas. A proxenitora fai deixacións de funcións en Mónica porque eu necesitaba que o protagonista dispuxese da maior liberdade posible e unha amiga nunca arrepaña as potestades dunha nai.
Deseñados os personaxes, tiña que dotar de contidos histórico-narrativos á serie. O meu propósito é que Tintimán viva unha aventura en cada unha das sete grandes cidades (+1) cando menos. Xa están na rúa 'Corazón de chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela' e 'A coroa de Napoleón. Un misterio para Tintimán na Coruña', ambas editadas por Xerais. Agora ando na escrita de 'Amor de serea. Un misterio para Tintimán en Vigo' (2011) e teño previsto seguir a serie coa andaina do meu heroe en Lugo (2011), Ourense (2012), Ferrol (2013), Pontevedra (2013) e Ribadeo (2014).
No caso de Santiago, o misterio que investiga é a existencia dunha suposta Irmandade Xelmírez, unha seita que dominaría Galicia dende a Idade Media. Na Coruña, Tintimán ten o reto de recuperar a coroa que Napoleón usou ao proclamarse emperador e que é roubada en plena Praza de María Pita durante a celebración do bicentenario da Batalla de Elviña. As novelas deste personaxe avanzan arrastradas pola Historia e a aventura, pero sempre teñen un trasfondo nos que toco os grandes temas da literatura: o poder, o amor e a amizade, e a inmortalidade.
Unha vez editados, Xerais estame apoiando amplamente na promoción. A maiores de facela en institutos, como teño a teima de que sexan libros que se lean fóras das recomendacións académicas, apoiou a maiores iniciativas coma a do Departamento de Educación do Concello de Santiago, que dedicou o seu Salón do Libro de Nadalxogo a 'Corazón de Chocolate. Un misterio para Tintimán en Compostela'. A organización e os medios de Mister Misto premitiron realizarmos unha serie de obradoiros e proxeccións destinadas a que medrase a dimensión pública do personaxe. Dese xeito, puiden comprobar que había mozos mercando e lendo de xeito voluntario as aventuras (en galego) deste heroe que xa é seu.
A base destes libros é a mesma ca dos outros títulos meus de LIX: a procura da instrución a a través da diversión. Coideime moito de evitar a autocensura imperante en boa parte da nosa literatura escrita para rapaces, coideime de tirar ao meu heroe todo risco que puidese elevalo á perfección. O primeiro porque escribo novelas e non manuais de ética mal disimulados; o segundo, porque os rapaces aseguran estar cansos de tanta bonhomía, e o terceiro, porque os libros sérvenme para propor debates na aulas cando se dá a oportunidade de visitalas. Se Tintimán non fose machista, soberbio e desleixado, se Mónica non fose insegura, sumisa e agoniante, non gozaría con todas as discusións coas que adoito gozar cos rapaces de lugares de todo o país. E, créame, non hai nada máis motivador para un escritor de LIX que mirar aos mozos engraxando os seus cerebros para argumentar sobre o mundo que herdamos de Xelmírez, o Mestre Mateo, o clero chocolateiro, Napoleón, John Moore, Soult, Ney e Bill Gates.

3.5.11

POR QUE NON SON UN AUTOR: POR MARÍA REIMÓNDEZ



Mirando o nome que asina ou unha foto que acompañe seguramente encolleremos os ombreiros e poñeremos cara de estrañeza. Por que non son un autor? A contestación pode semellar, nunca mellor dito, evidente. Para que é preciso un texto que explique o que todo o mundo pode ver? Pois ben, semella evidente que polo meu nome e trazos anatómicos a maioría da poboación chegará á conclusión de que son unha autora, sen dúbida. Mais os nomes e os trazos anatómicos tamén poden ser enganosos, só así se entende que haxa mulleres que se fagan chamar Xose ou homes que se chamen Pura. Só así se entende tamén todas as veces que, malia ao meu prominente busto, me confundiron cun rapaz. Si, como o conto, cun rapaz. Unha delas porque non levaba pendentes. Outra porque ía do brazo cunha moza (á cal a señora que me interpelou como “rapaz” para que lle axudase a mover un colector do lixo, pediu desculpas por roubarlle o mozo). Hai uns anos tiña unha foto nun carné que levantaba comentarios de “que rapaz!” en canto o sacaba. Como di o dito popular (de corpo) non somos nada. A fin de contas a nosa limitada raza humana dedícase a ver o que lle interesa de antemán. Disto quería falar en Pirata, precisamente, de como cando un corpo se sae das expectativas sociais pode facer o que non “lle corresponde” sen que ninguén sospeite. Aí está tamén a clave dos moitos matrimonios entre mulleres que se deron en séculos pasados, un deles ben famoso e próximo a nós, o de Elisa e Marcela, unha historia que levo tamén moi preto do corazón, as dúas mulleres que casaron na Coruña nos primeiros anos do século XX, ante a igrexa e os poderes civís, Elisa como “home” e Marcela como “muller”.
Daquelas, se o meu corpo é un construto que levar ao ximnasio, se comezase a afeitar o bigote sería un autor? Complicado, veremos por que. O ano próximo fanse dez da publicación do meu primeiro libro, o poemario Moda galega. Admito que foi un proceso de publicación realmente doado e amable, había algún tempo que coñecía a Paco Macías, o editor de Edicións Positivas, por un traballo de tradución, Mitos e lendas hindús que realizara para a editorial e un día atrevinme a levarlle a primeira parte do poemario. Gustoulle tanto que me vin na tesitura de rematalo e o resto xa está nos rexistros de ISBN. Pode semellar isto unha constatación daquel ruxe-ruxe intereseiro que percorreu e percorre aínda os círculos literarios masculinos e que di que ultimamente con ser muller xa unha publica como nada. Estas son as cousas que ninguén rexistra en ningún sitio pero que andan por aí voando e facendo sociedade, así que polo menos que queden aquí constatadas. Primeiro foi coa poesía, ultimamente é coa narrativa. Parece que unha muller gaña un premio ou ten relevancia (como tivo a poesía das mulleres dos anos 90 polo valor que a crítica lle apuxo) e axiña comezan a cantar “os resentidos”, contra os cales non hai mellor maneira de argumentar que amosar os catálogos editoriais e comprobar o número de mulleres que somos publicadas fronte ao número de homes. Con iso remata calquera discusión ou debate sobre este asunto. Aínda así, estas reaccións recórdanme aos colectivos de casta alta da India que din, cando se puxeron en marcha as medidas de discriminación positiva para persoas intocables, que agora “todo” é para “esas”, obviando os séculos de privilexios que acumulan e o sumamente difícil que é para unha persoa de tal colectivo chegar a postos nos que a xente de casta alta está á distancia dun dedo só por nacer. Co das mulleres e a escrita pasa o mesmiño, hai a quen lle doe perder a hexemonía da palabra.
Aínda así, esta parte da historia daría unha imaxe certamente parcial porque antes de publicar Moda galega e de forma certamente casual tivera xa unha desgraciada experiencia na que me quedou moi clariño que eu nin era nin ía ser nunca un autor. Novamente vou retomar aquí cousas que normalmente non se contan por escrito pero que a min me parece necesario facelo para non crear imaxes que non son. Non se contan moitas veces porque son historias humillantes, aínda que eu tendo a sentir máis ben vergoña allea. Nunha editorial da cal non vou mencionar o nome cun editor do cal tampouco mencionarei o nome tiven un encontro que me demostrou que efectivamente non son un autor. O editor estaba moi incomodado porque os personaxes masculinos da novela que chegara ás súas mans estiveran “mal tratados”. Eu expliquei que eran secundarios pero a el este argumento (literario) pareceulle absurdo, parece ser que os personaxes masculinos nunca poden ser secundarios (fronte aos femininos) no esquema global das cousas. Logo permitiuse o luxo de berrarme porque lle dixen que me fixera un comentario paternalista, algo que me deixou estupefacta e que nese mesmo momento souben que non tería feito se eu tivese corenta anos e un bigote. Isto é algo que constato unha e outra vez, por unha banda que os personaxes masculinos non son procesados como secundarios e pola outra que hai moitos homes que aínda se cren co dereito a berrarnos ás mulleres, en público ou en privado. Por poñer un caso, os debates ao redor dos personaxes masculinos do Club da calceta son unha das cousas máis irritantes que me pasaron na miña carreira como escritora e que me demostran que efectivamente non son un autor, porque rara vez a un autor botan horas analizándolle as personaxes secundarias femininas e tentando atopar amagos maniqueos en lecturas nesgadas, como dicir que todos os personaxes masculinos da tal novela son “malos” (unha lectora intelixente argumentou unha vez que o personaxe máis “malo” da novela é en realidade unha muller, a mai de Luz) ou mediocres. Ninguén analiza os personaxes secundarios femininos que tamén se poderán interpretar como malas, mediocres, boas, riquiñas e todo o demais. Segue vixente polo tanto a idea de que os homes non poden ser secundarios ou que hai que presentalos cuns certos trazos para... para que? Aos autores nunca ninguén lles mide os personaxes femininos por metro cadrado de masculinos, algo que sería interesante tendo en conta que os relatos dos homes ocupan o 90% mínimo do espazo literario e polo tanto constrúen sociedade. Por iso sempre lle estarei eternamente agradecida a Stieg Larsson por escribir a súa triloxía chea de maltratadores, puteiros, proxenetas, pederastas, traficantes de mulleres e en xeral cabróns de moito mimo (ata o protagonista principal é bastante mediocre en comparación cunha estelar Lisbeth Salander) porque o que se converteu en best-seller na pluma dun home tería sido botado ao lixo como maniqueo, revanchista, feminazi, mullerista, ideolóxico ou simplemente literatura dunha muller frustrada que odia os homes, iso de chegar a publicarse, claro. O asunto de centrarse de forma obsesiva en falar dos “personaxes masculinos” (secundarios, que xiran ao redor dos femininos na trama) ao final fai que nunca se fale do principal: da literatura. Fai que os debates se centren no irrelevante e prexuizoso, no canto de falar de estruturas, de rexistros, de creación de personaxes (principais), de estratexias literarias, de profundidade psicolóxica algo ao que, como calquera autor, unha (ou eu persoalmente) dedica abondas horas de traballo e reflexión.
E logo está o tema de seguirnos berrando. Son bastantes as veces nas que algúns homes aproveitan a vulnerabilidade da postura pública para intentar atacar (si, esa é a palabra) ás mulleres que escribimos e máis en concreto ás que escribimos dende os feminismos. Lembro con desagrado algúns clubs de lectura onde algún (dos poucos) integrante masculino tentou “poñerme no meu sitio”, creo que con pouco éxito. Logo están os outros berros públicos, eses que aparecen en entradas de blog de certos señores ou nos comentarios das columnas de xornal que nos deixan ás autoras unha grande cantidade de señores agochados no anonimato, berros violentos no espazo público que van confirmando outros círculos de violencia moito máis visible.
Todo isto para dicir que acceder á palabra non é doado cando unha non é un autor. Non é doado nin sequera chegar á categoría de escribir en si mesma. Téñolle oído en máis dunha ocasión ao noso compañeiro Francisco Castro comentar que el comezou (como todo o mundo, engadía nunha ocasión) a escribir para ligar. Sendo un home, seguramente teña razón. Pero cando eu miro cara atrás aos meus anos mozos a reacción ante unha moza que escribía poemas non era precisamente a de caeren os mozos rendidos aos nosos pés. Máis ben os estereotipos eran outros, había algo de perigoso que daba pánico nunha moza que se expresaba en poemas, algo aberrante e anormal que podo asegurar con total seguridade que non facía da escrita unha estratexia amorosa con éxito no amor heterosexual. E pasada a adolescencia parece que esta tendencia continúa na outra cara dos libros, na cara que non sae nas entrevistas nin nas recensións pero da que alguén ten que falar, como por exemplo as peaxes das vidas de parella nas que che reclaman por que escribiches un libro de amor a outra persoa. Porque unha muller que fai públicas certas cousas non fica moi lonxe do concepto tradicional da muller pública? Porque unha muller que dedica o seu tempo a pensar e que reclama ese espazo non é senón unha egoísta despistada das súas tarefas “naturais”, reprodutivas, domésticas, dos coidados, esas para as cales non hai vacacións nin tempos de silencio posibles? Nalgunhas mentes todo isto semella seguir estando aí.
Ao final, tanto debate sobre a “literatura de/por/para mulleres” o único que fai é desviar do principal, que é que tales etiquetas non fan máis que reafirmar os estereotipos sen construír unha crítica social ao que nos rodea ás autoras. Obviamente non hai unha literatura de/por/para homes porque esa se considera que é “a” literatura e o que nosoutras facemos, unha estraña aberración. Abonda con ver as recensións críticas dos nosos libros, algo no que investín hai pouco certo tempo en investigar de forma metódica para un estudo. Resulta decepcionante botar o traballo que dá escribir un libro para que logo este quede representado e resumido como “o universo feminino” ou “literatura para mulleres”, como se os homes estivesen exentos de coñecer as visións e experiencias do 50% da humanidade, algo que enriquecería certamente o noso mundo de forma substancial. Semella unha excentricidade aínda crear un mundo literario poboado de mulleres, de personaxes e de referencias nunha xineoloxía compartida, o contrario, claro, é a norma. Resulta tamén decepcionante que os nosos nomes sexan intercambiables, que se nos fagan entrevistas en bloque e que non se diferencien unhas voces doutras, co distintas que somos! E resulta realmente denigrante que dunha novela complexa a crítica destaque as escenas de sexo lésbico como o único relevante, como se as relacións entre mulleres na literatura estivesen aí para o voyerismo barato dos homes que botan en falla horas de porno sexista noutros formatos. As palabras son duras, si, pero máis dura resulta a experiencia de termos que calar as nosas paixóns para que non sexan consumidas desta forma, algo ao que se cadra todas as autoras bisexuais ou lesbianas nos temos que enfrontar ao coller a pluma.
Malia a todas estas cousas e un cento delas máis nas que demoraría moito, o facebook chámame “autor” na miña páxina pública, igual que cada día me enfronto a ser usuario, alumno, consumidor, etc. Todos estes masculinos invisibilízanme, fan desaparecer as miñas circunstancias individuais pero sobre todo colectivas no sumum dos “os”. Tal é o seu peso no noso imaxinario, tal o afán fanador da identidade individual e colectiva das mulleres que cando hai trece anos fundei Implicadas no Desenvolvemento o proceso de rexistro demorou varios meses porque había un funcionario, co que tiven a desagradable oportunidade de falar por teléfono, que se negaba a rexistrar o nome de forma inclusiva e devolveu por iso os estatutos polo menos tres veces para seren modificados. Aínda hoxe hai persoas que se achegan e preguntan se é unha organización só para mulleres, ao cal eu adoito contestar: “Igual que Médicos sen fronteiras é só para homes”. O seu peso é tal que hai mulleres que para facer entender un traballo de calidade e alta valía prefiren denominarse “técnico”, “avogado” ou “arquitecto” antes de reclamar que debaixo dese “o” se agocha unha muller, iso si, ben educada no patriarcado, e non o digo polo corpo, senón pola evidente falta de estima ao seu xénero. Estas mulleres seguen a mesma lóxica que levou aos señores críticos e literatos a chamarlles a Rosalía de Castro ou Pardo Bazán “autores” para determinar a súa calidade literaria nunha gabanza que me lembra aquela que miña mai sempre contaba con mala uva e risa ante a idiotez allea cando lle dicían que conducía “coma un home” para recoñecerlle a súa habelencia ao volante. Supoño que estas mesmas ideas seguen aínda moi vixentes nas mentes da maioría dos nosos académicos, que pechan as portas ás autoras e estudosas, non vaia ser que levemos con nós o noso xénero (que eles deben de pensar que deixan na casa ou non teñen, claro, como a xente branca pensa que non ten “cor” ou “raza”).
Por iso, cada vez que me chaman autor, que apoñen esa palabra ao meu nome nun suposto xenérico, algo en min se remexe. Porque non, señoras e señores, eu non son nin serei nunca un autor. E non será polo corpo (que tamén, claro, na sociedade na que vivimos), será por vontade. Porque ser autora engade á miña experiencia un “a” que ten sen dúbida moitas cousas novas, dignas e interesantes das que falar, fóra das caixiñas que nos apoñen, para toda a humanidade. Porque a nosa voz ten capacidade de transformación e cando unha rapaza me escribe para dicirme que abriu os ollos ao mundo e reflexionou, que se viu doutra maneira tras ler un dos meus libros, daquela todo o demais paga a pena e unha se reafirma na marabilla de ser unha autorA.


2.5.11

PREMIOS AELG


O pasado sábado falláronse os Premios AELG 2011, na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010.
Desde Gálix, queremos felicitar a todos os premiados e premiadas.
O resultado é o que segue:

•Literatura Infanto-xuvenil: O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro. Nesta categoría votaron, ademais dos socios e socias da AELG, os socios e socias de Gálix, que escolleron como mellor obra infanto-xuvenil esta novela de Marcos Calveiro que está tendo tanto éxito.
•Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás.
•Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, de María Pilar García Negro.
•Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (de Herta Müller).
•Teatro: Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo.
•Mellor Blog Literario: O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.
•Narrativa: Todo é silencio, de Manuel Rivas.
•Poesía: Estremas, de Ana Romaní.
Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

•O premio Institución Cultural que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano foi para a Fundación Penzol, por ser un proxecto de país, creado para permanecer e dar ás novas xeracións o noso legado cultural, e que chanta as súas raíces na necesidade de crear unha biblioteca e un centro de documentación e de estudos da nosa lingua e da nosa literatura. A Fundación Penzol leva achegado ao longo de case que medio cento de anos froitos xenerosos e necesarios á cultura do noso país, pois o seu carácter aberto acolle a todos os investigadores e investigadores que aos poucos van deitando a necesaria luz sobre a historia cultural de noso.
•E mais o Premio AELG 2011 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.