28.6.11

MEMORIA DOS AFECTOS XIII: POR PAZ RAÑA LAMA



Amenzo e anoitezo; a vixilia fatígame máis que as metáforas do soño.
María Zambrano

Din que a memoria, como fenómeno mental (nada menos que 100.000 millóns de neuronas funcionando no cerebro), é o acubillo da permanencia. Sen embargo, hai outros pensadores que afirman, rotundos, que recordar é inventar.
Escribir (recordando) algo sobre unha mesma debe de ser tarefa ben difícil polo esforzo que supón amarrar as láminas da nosa pel para que non esvaren en contacto coa memoria.
Resulta que, no intento, hai que axustar contas co pasado, que parece ser unha inmensa propiedade con poder, con demasiado poder, tanto como para non me deixar indiferente ante un dos desafíos máis importantes da vida: enfrontarse á soedade que nos escriben os destinos.
Penso que na encrucillada da existencia hai un punto dende o que queremos transcender e sabernos donos da nosa primeira decisión e do noso último erro. Que demo!, non deixa de ser unha continua progresión de latexos. Hai que ter moito tino para enfiar instantes con instantes e dar cohesión á biografía.
E, neste meu empeño de facer unhas memorias precisas, debería comezar polos territorios míticos da infancia e, coma se dun conto mentido se tratase, comezaría: érase unha vez unha nena que vivía alegre ao abrigo do pai, que procuraba evitarlle as feridas, e da nai, que llas curaba. Vivían nun castelo monumental onde as horas devalaban con luminosa calma.
O pai acostumaba arrolala con músicas que el mesmo compuña no clarinete, mentres a nai cosía saias con lazos imposibles copiados dos recordos e bordaba cores en forma de niño de abella con gran pasmo para a nena que non acertaba a comprender a relación dos insectos coa costura.
A historia podería continuar coas visitas que facía ás cerdeiras inzadas de froitas gorentosas, co desfrute do arume a frouma, a leñas vellas de carballo que ardían na lareira, tamén, co arrecendo aberto das lavandas no resío, e, como non! co descubrimento inxenuo da paixón instalada na mestura de laranxa e chocolates.
Pero non hai conto sen dragóns ou ogros ou bruxas infames. Mil veces, mil, soñara coa detención do tempo e, así, poder perpetuar a ingravidez da felicidade, e, malia súa incapacidade para intuir unha vida futura con zozobras, non só ese tempo non parou, senón que, a xeito de fado perverso, cambiou o rumbo das historias e converteu o seu desexo en ausencias, ausencias dolorosas. As músicas do pai enmudeceran na noite.
E, mentres comezaba o proceso de adaptación ao baleiro, a súa vida daba un xiro espectacular, iniciaba o período das aprendizaxes formais.
Na escola era das tímidas, das que preferían quedar ao amparo do que consideraba descoñecido, e, desta forma, pasar o seu tempo de aulas buscando recantos confortables que a súa imaxinación lle procuraba.
Permanecía atenta permitindo que os saberes penetraran na súa curiosidade , cada operación, cada fórmula, cada experimento, eran analizados polo seu intelecto e polo seu corazón para, de contado, inserirse no baúl da experiencia. Que prezo tan baixo para buscar seguridade!
Ata que, por fin, chegou o encontro. Tropezou, sen buscalo, co primeiro libro de ficción e foi cando atopou o máis asombroso horizonte de luz sabendo que comezaba unha aventura xa para sempre inacabada, un pasaporte que a conduciría directamente ao espellismo fronte á monotonía cotiá. Canta tenrura esperta o acto de contemplar o seu entusiasmo e o seu estremecemento.
Enchoupouse do gozo de vivir e de sentir, do amor incondicional pola palabra escrita e logo, pero non despois, pola palabra pronunciada, tal que unha oración de soedade non buscada. E no silencio da lectura abríronse as portas á creación… un só libro convertíase en infinitas posibilidades e todas elas comezaban pola paixón para entender e preguntar: por que? Impúxose o descubrimento e, vaia!, a transformación. Alicia xa sabía de que pócima beber.
E con esa elección iniciou un periplo de nobelo, unha vida que se situaba no fondo do segredo, máis aló da xanela ubicada onde acaba o corredor e que, unha vez aberta, resulta incontrolable.
Roubaba horas ao sono, á comida, aos amigos, e metíase no refuxio da claridade que lle regalaba o libro. Daba igual que o castelo onde vivían se fose derrubando co pasar dos días e que os buratos non enchesen os buratos, porque o prodixio da lectura suavizaba a ausencia da música morna do pai e mudaba a ferida en cicatriz. Era libre, podía inspirarse na poesía dos barcos fondeados e posuía a chave dos ímpetos… iso era o que importaba, non deixarse esmorecer pola nostalxia.
E, como convén rematar con este exercicio de biógrafa que non me satisface totalmente ao non poder transformar en vida o que me pete, gustaría ver se ese encontro da nena coa palabra e a súa imaxe lle confirmaba ou lle desmentía un vello achado da (outra vez!) memoria.
Se, polo menos, chegase a entender que o seu pesar e a súa dor manaron da mesma fonte que o seu pracer, podería construir soños con afectos e fracasos, o que lle daría unha certeira excusa para espantar a imprecisa debilidade ante o universo e, sobre todo, para poñerlle letra e música ás páxinas da súa existencia. Coma nun conto.

Paz Raña Lama. Nas súas propias verbas... “Nacín hai 53 anos en Vigo. Son filla de modista e músico procedentes das sosegadas ribeiras do Avia. Meu pai finou en Alemaña cando eu tiña 6 anos e isto deixoume unha firme pegada: dende entón arrastro con orgullo ser filla de gastarbeiter e unha incapacidade absoluta para aprender alemán. Teño dous irmáns marabillosos e unha filla cuxo nome en acrónimo dáme Soños, Indicios, Risos e Aire. Un acontecemento importante na miña vida foi a estadía en Compostela mentres estudiaba Pedagoxía, coñecín o amor, as derrotas, o compromiso e cinco mil historias máis. Vivín 30 anos cun home extraordinario que me deu moito, moito... ata que... outra ausencia. Traballo nun instituto e estou en contacto permanente con adolescentes dos que aprendo cada día cousas novas.

Viaxei por tres continentes, amo as paisaxes, a diversidade, a luz, o coñecemento e ás persoas. Creo na cidadanía e na posibilidade de mellora. Teño unha personalidade dispersa, subo e baixo coa mesma facilidade. Non podería vivir sen a ficción e sen a música e por iso estarei eternamente agradecida ás persoas que dedican a súa vida a facilitar a vida dos demáis con músicas, libros, imaxes e, como non!, con saborosos chocolates.”


27.6.11

GALICIA E CATALUÑA, UN DIÁLOGO TRUCADO: POR REXINA VEGA

Hai xa ben de anos que falamos de literaturas peninsulares sen dar conseguido que esta realidade sexa recoñecida na súa complexidade. Nin dende o centro —ocupado pola expresión castelá cada vez máis poderosa na súa dimensión internacional—, nin desde as periferias —nas que nos movemos prisioneiros dos cárceres simbólicos dos límites territoriais—, somos quen de trazar canles seguras e sólidas que fomenten o coñecemento da diversidade. Porén, o contacto, o trasvase fructífero, tivo e continúa tendo lugar.

Neste texto quixera centrarme nas relacións de dúas das literaturas que compoñen este mosaico ibérico, a catalana e a galega, e quixera facelo falando tanto de autores concretos como de trazos de recepción e sensibilidade social, amparada na miña propia experiencia como profesora na área de filoloxía galega da Universitat Autònoma de Barcelona durante os anos noventa.

Afinidades e tópicos

A figura de Cunqueiro resulta aquí paradigmática. Movéndose entre tres sistemas literarios: o galego, o español-castelán e o catalán, que tamén inclúe a intervención desde cataluña no sistema español, Álvaro Cunqueiro exemplifica como ningún outro a permeabilidade e a influencia entre as literaturas peninsulares.

A primeira visita a Barcelona de Cunqueiro prodúcese en maio de 1934. Convidado por Carles Riba en nome de Amics de la poesia, o mozo poeta esperta interese nos medios culturais cataláns na medida en que representa unha imaxe de normalidade cultural afastada de todo tipo de folclorismo rexionalizante. A mestura de tradición e modernidade, representada por Cantiga nova que se chama Ribeira, é especialmente valorada por canto pode servir para trazar analoxías con tendencias xerais presentes na propia poesía catalana.

A guerra e a vinculación cos medios falanxistas encamiñan os pasos do escritor cara o ámbito madrileño, pero logo da retirada do carné de xornalista e a súa volta a Mondoñedo, comeza unha nova relación con Cataluña. A partir dos anos cincuenta os seus libros en castelán serán publicados por editoras barcelonesas e a colaboración na revista Destino permitiralle estreitar un fortes lazos de amizade con Ignasi Agusti, Nèstor Lujan, Joan Perucho e o editor Vergés. O clima de afecto e apoio que encontra en Barcelona motivará continuos desprazamentos cara a cidade condal onde participará en numerosas charlas e conferencias, confirmándose como unha personalidade habitual nos medios culturais cataláns.

Desde Cataluña, Cunqueiro atopará tamén neste momento lecturas que difiren das realizadas desde a esfera castelá. Así, fronte á habitual consideración desde o imaxinario central do peculiar idiolecto literario de Cunqueiro como produto case mecánico do bilingüismo, salienta a ollada catalá, atenta a percibir unha verdadeira poética, un xogo consciente que procura no contacto entre linguas un diálogo tenso e significativo. Resulta tamén relevante a crítica a aqueles trazos, cando os hai, máis próximos ao costumismo e a cor local, rexeitando a expresión rexionalizante como vía pasiva para a creación estilística.

Do mesmo xeito, o ámbito madrileño tenderá a ignorar sen máis as obras galegas con versión castelá mentres que a prensa cultural catalá prestará especial coidado a salientar a orixe galega das súas obras, incidindo na importancia da vinculación coa tradición e a lingua.

Tamén desde Cataluña atopará Cunqueiro un correlato literario. A súa, unha literatura de imaxinación en tempos da hexemonía do realismo social, será continuamente relacionada coa de Joan Perucho, nunha especie de xogo de espellos que reforzará a posición de ambos os dous escritores.

Con todo, e malia a críticas temperás, como as que realiza un novísimo Pere Gimferrer que descobre, practicamente en solitario, o potencial fondamente subversivo da proposta cunqueiriana e a súa radical reflexión sobre o canon cultural e o estatuto da ficción, o certo é que durante as decádas dos sesenta e dos setenta tanto en Barcelona coma en Madrid tenderá a converterse ao noso escritor na imaxe non dunha tendencia senón dun país. Así, o lirismo, a ironía, a dimensión fantástica, a vivencia melancólica da paisaxe, os costumes gastronómicos serán os trazos que definan a imaxe de Cunqueiro como representante de Galicia no seu conxunto, nunha visión máis próxima á etnosicoloxía que a valores estrictamente literarios.

Esa mesma percepción como representante global dunha identidade nacional e non dunha tendencia dun sistema literario atoparémola tamén, xa nos nosos días, na recepción na sociedade catalá do escritor Manuel Rivas. Coma no resto do Estado, Rivas conta cun elevado grao de recoñecemento e cun importantísimo número de lectores. Malia a inmediata tradución ao catalán das súas obras, existe tamén unha porcentaxe significativa de lectores que adquire os exemplares orixinais en galego, o que evidencia a sensibilidade cara á lingua e a literatura de onde provén e o rexeitamento de veos intermediarios. Porén, a propia poética de Rivas, configurada como unha síntese da nosa tradición cultural e o noso discurso identitario, é recibida nunha clave excesivamente achegada á explicación antropolóxica.

A imaxe cultural que Cataluña posúe sobre Galicia, e que impregna tamén as elites culturais, aparece aínda ancorada nunha visión rural e paisaxística, unha sociedade desvertebrada e pobre que vive as contradicións do poscapitalismo instalada moi tepedamente na reivindicación nacional. Ningún deses tópicos é desbotado pola lectura que a sociedade catalá fai das obras de Rivas. De novo, ao igual que en Cunqueiro, o lirismo, a fantasía, a paisaxe como elementos recoñecibles dunha identidade cultural tópica. O feito de que a figura de Rivas chegue a Cataluña a través da literatura castelá e os grandes medios de comunicación e plataformas editoriais madrileñas, non é, probablemente allo a este tipo de lectura reducionista.

Algún matiz distinto presenta a recepción doutro dos autores galegos contemporáneos con maior proxección no Estado, Suso de Toro. A súa diferente proposta narrativa, con vocación provocadora e urbana, foi acollida con sorpresa e interese. A visión dialéctica, conflictiva da sociedade galega, formulada de xeito máis explícito, menos tamizada polo simbólico e o lirismo, como no caso de Rivas, fixo que a súa figura axudase a contestar algúns dos clixés identitarios cos que se nos ve desde Cataluña. Probablemente, a presenza de De Toro como columnista habitual da prensa barcelonesa, desde a que dialoga coa sociedade catalá sen pasar polo filtro madrileño, teña que ver co grao de interese e debate que esperta a súa figura, axudando a proxectar unha imaxe máis complexa e diversa da nosa cultura e fomentando tamén a percepción das analoxías entre ambos os dous países.

Irmáns menores

Se consultamos a base de datos do Ministerio sobre os libros publicados no Estado, atopamos que no capítulo das traducións ao catalán de orixinais galegos repítense con teimosía determinados nomes: os xa citados Manuel Rivas e Suso de Toro e tamén, como representante da literatura Infantil e xuvenil Agustín Fernández Paz, xunto con Xabier P. Docampo e Fina Casalderrey. Algúns outros aparecen tamén na lista, aínda que de xeito illado, cunha soa obra traducida. Ese sería o caso, por exemplo, de Carlos Casares, Xosé María Álvarez Cáccamo, Fran Alonso ou Teresa Moure.

Claro que, de consultarmos a mesma fonte documental no sentido inverso, do catalán para o galego, atopariamonos con idéntica parcialidade, destacando a tradución, neste caso só de obras illadas de autores, como Jesus Moncada, Manuel de Pedrolo, Miquel Riera, Isabel Clara-Simó, Sergi Pàmies ou Quim Monzo, e unha representación máis sistemática de autores de literatura infantil e xuvenil, como é o caso do prolífico Jordi Sierra i Fabra.

En xeral, a nómina de traducións entre ambos os dous sistemas literarias indican un claro desaxuste entre os diversos xéneros. A literatura dirixida á poboación xuvenil e en idade escolar é a que, sen dúbida ningunha, protagoniza a maior parte dos intercambios. Nese sentido, cómpre destacar a importancia do mercado e dos acordos de colaboración entre editoras como elementos decisivos nesta presenza masiva. En relación cos outros xéneros advírtese un predominio das traducións de ensaio do catalán para o galego e da narrativa do galego para o catalán, quedando a poesía nunha posición claramente marxinal. Pero, aínda así, se reparamos polo miúdo nos títulos de narrativa podemos comprobar a importancia do castelán como sistema intermediario na difusión das nosas obras. Só os autores que experimentan certo grao de recoñecemento no mercado castelán chegan a ser traducidos ás outras linguas estatais.

Malia o dito, temos de ser conscientes de que a lingua catalana é, hoxe por hoxe, a segunda lingua de destino, tralo castelán, á que se traducen as nosas obras, quedando moi por baixo, e por esta orde, o vasco, o inglés, o francés e o portugués. Estas cifras indican, xa que logo, a existencia efectiva dun diálogo, dunha canle de comunicación entre sistemas literarios afíns.

Probablemente hoxe nos atopemos nun punto de inflexión no que deberiamos abordar dun xeito máis consciente as relacións entre Galicia e Cataluña. Dando por feito a existencia dunha verdadeira sensibilidade cultural e dun mercado real, cumpriría afondar na tarefa de proxección entre ambas as dúas literaturas tendo en conta a confluencia tanto das iniciativas das empresas editoriais como das institucións políticas. A pulsión cara ao diálogo e o recoñecemento, unha inclinación natural e xa cunha tradición ás costas, debería contar con mecanismos que dotasen de visibilidade a autores marxinados polo ámbito madrileño, contestando a lóxica perversa e reducionista que asfixia ás literaturas peninsulares. Para conseguir este obxectivo resulta, ao meu modo de ver, imprescindible forzar un diálogo bilateral entre gobernos e axentes culturais. De pouco serviría o investimento e iniciativa nunha única dirección. Aínda así, probablemente sexamos nós, os galegos, os que teñamos máis interese, e máis que gañar, na conquista dun lectorado, e dun mercado, afin, como o catalán. Desde as propias orixes do noso discurso nacional, Cataluña foi vista como modelo a imitar, e como apoio para paliar a nosa febleza. Cataluña, en troques, deitou, e continúa deitando sobre nós, unha ollada paternalista, a ollada do irmán maior que observa de esguello os progresos do seu familiar mentres dirixe a súa atención cara a outra parte. A Cataluña interésalle, hoxe por hoxe e sobre todas as cousas, a proxección internacional. No noso caso, irmáns menores desde o punto social e político, Cataluña se nos aparece como un das nosas vías de proxección exterior máis naturais e posibles. A colaboración entre institucións e editoras co deseño dunha política de traducción que vele pola difusión dos clásicos e por unha representación coherente dos diferentes xéneros e autores é, por máis que teña sido reivindicada ata a canseira polo foro Galeuzca, aínda unha tarefa pendente.

A Galicia catalá

Un dos trazos que marcan hoxe a especificidade da recepción da literatura galega en Cataluña é a existencia dunha extraordinaria rede de intermediarios culturais.

Cómpre aquí salientar a figura pioneira de Basilio Losada, quen dende os anos sesenta fixo da Universitat Central un dos focos máis activos na divulgación do noso acervo. Unha cifra elevadísima de estudantes tivo o seu primeiro contacto coa literatura galega nas ateigadas aulas de Losada, un profesor cunha enorme capacidade de sedución, un importantísimo tradutor do galego e do portugués e un intelectual fondamente enraizado na vida cultural catalá.

O seu labor, fundamental, foi o alicerce que puido dar lugar nos anos noventa á expansión dos estudos galegos nas universidades barcelonesas.

Malia unha certa prevención por parte das instancias académicas catalás, que aceptaron dun xeito excesivamente pasivo, sen apenas contrapartidas, o ofrecemento realizado pola Xunta de Galicia, disposta a investir na creación de múltiples lectorados sen asegurar a continuidade e a consolidación do espazo académico, o certo é que a entrada do galego na Universidade Central e na Universidade Autònoma de Barcelona foi un enorme éxito. Cando falo de éxito non me refiro, claro está, ao número de matriculados na licenciatura, por forza escaso, senón no importante número de alumnos dos que gozaron e gozan as materias de lingua e cultura galegas consideradas como de libre elección en ambos os dous campus.

A avalancha de estudantes sorprendeu, nun primeiro momento, a todos. Fronte as iniciais previsións que agardaban unha demanda composta esencialmente por fillos de inmigrantes, o número de alumnos de orixe catalá comezou a medrar ata ser predominante. Dar aulas nese contexto supuxo daquela, e tamén o supón hoxe, facer fronte a un déficit histórico, paliar unha necesidade real de comunicación e coñecemento das novas xeracións, crecidas en democracia e que desexan achegarse dun xeito efectivo ao pluriculturalismo que leva décadas inundando o discurso político sen acabar de concretarse.

A práctica docente da lingua e a literatura galega en Cataluña supón asemade intentar matizar ou desbotar tópicos habituais. Así a visión da nosa cultura aparece a miúdo baixo a sospeita da satelización, trazando unha analoxía entre a situación do catalán no País Valenciá e o galego en relación con portugués. O coñecemento de elementos básicos de historia da lingua, movementos culturais e políticos e autores canónicos supón, xa que logo, unha verdadeira descuberta por parte do estudantado máis sensible.

A vida cultural galega en Cataluña, extraordinariamente activa, é hoxe posible non só pola existencia das universidades como motores, senón tamén polo labor dunha rede asociativa ben vertebrada. Nese sentido cómpre xebrar o asociacionismo ligado ás entidades galegas que xurdiron ao abeiro da expansión migratoria nas décadas dos sesenta e dos setenta, dos novos foros liderados polas xeracións máis novas.

Así, se ben foron e continúan sendo notables a actividades culturais programadas polas vellos centros galegos, entidades que cumpriron o papel de verdadeiras embaixadas culturais do noso país, e que aínda hoxe acollen clubs de lectura, revistas de artes e pensamento e numerosas conferencias de escritores e intelectuales, o desexo dun modelo de intervención que deixase de lado a vertente asistencial e folclorizante, levou a unha parte dos inmigrantes galegos, na súa maioría xa de segunda xeración a fundar novos colectivos.

O Foro Cívico Galego, liderado polo profesor Camilo Valdehorras, fundouse en 1999 coa idea de crear un espazo alternativo onde desenvolver actividades de difusión do colectivo galego en Cataluña mantendo unha forte implicación coa Galicia territorial; en 2005, ao abeiro da Plataforma Nunca Máis de Catalunya, creouse o Espazo Galego dos Països Catalans, un movemento xuvenil especialmente atento ás manifestacións contraculturais e ás novas tendencias; un ano depois veu a luz Rede. Cat, unha organización que agrupa a máis de 17 colectivos e que comunica a máis de mil persoas activas e comprometidas coa difusión da lingua e cultura galega en Cataluña.

A descrición da Galicia catalá actual quedaría incompleta se non mencionasemos o labor de personalidades moi implicadas na tarefa de intermediación cultural tanto desde o ámbito da creación como da investigación filolóxica ou a crítica xornalística. Xesús González Gómez, Helena González, Pura Salceda, Anxo Baranga, Silverio Cerradelo, Xosé Lois García, Joaquim Ventura, Jordi Cerdà ou Victor Martínez-Gil, entre outros, aparecen hoxe instalados nun novo espazo, nunha vía de confluencia que, contando coas súas propias regras, é quen de influír de xeito decisivo no noso discurso e tamén na calidade da nosa recepción extraterritorial.

Rexina Vega é doutora en filoloxía románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Sobre este autor ten publicados numerosos artigos e estudos, entre os que salienta Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, premio Carballo Calero de investigación (Laiovento 1997), Álvaro Cunqueiro e as amizades catalás (Do Castro 2003) ou Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (Ouvirmos 2009). Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universitat Autònoma de Barcelona. Desde este ámbito desenvolveu unha intensa actividade de divulgación da cultura galega na sociedade catalá. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para, entre outras publicacións, Quimera, Anuario de Estudos Galegos, Grial ou A Nosa Terra. Dentro do eido da lexicografía, ademais da publicación de artigos teóricos no Instituto Cervantes e en actas universitarias, traballou como redactora de numerosos diccionarios bilingües da editorial Larousse e no Diccionario Vox galego-castelán-galego. É premio Sthendal e finalista do premio nacional de tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro. Responsabilizouse da edición dos artigos ensaísticos de Suso de Toro publicados por Xerais baixo o título Ten que doer. Literatura e identidade. Actualmente é profesora asociada do departamento de lingua española na Universidade de Vigo e profesora de lingua e literatura galega nun centro de ensino secundario. Cardume, a primeira incursión na creación literaria da autora, obtivo o Premio Xerais de novela 2007.

24.6.11

LIBROS CON SELO CALIDADE DE GÁLIX: DEZ PIRATAS



Esta pasada semana, na web da crtvg, o libro recomendado é: DEZ PIRATAS
•Autores: Gloria Sánchez, Montse Gisbert (ilustradora).
•Editor: Alfaguara Obradoiro
•Colección: Alfaguara infantil
•Ano: 2007
Este conto rimado conta a busca dun tesouro, o Marranchiño de Ouro, polos piratas da tripulación do barco Marabillas. Os piratas Orella de Cachucha, Leonardo Biosbar, Tripas, O Patatán, Furriqueiras, Man de Fouciño, Cascarilla, Corazón de Boi, Pistraca e o capitán Bocanegra van na procura do tesouro, pero a tripulación vai minguando a medida que suceden as aventuras, incluíndo o encontro con Vanesa Caracortada e a nave Capitana.

Este libro gustarache moito porque nel acontecen moitas aventuras cheas de humor.
Propostas: É un libro moi divertido para xogar a representar en familia e tamén na escola.
Premios: Libro gañador da IV edición do Premio Frei Martín Sarmiento

22.6.11

MIGUELANXO PRADO, NO FESTIVAL DE BANDA DESEÑADA DE MÚNIC


Miguelanxo Prado, impartirá o vindeiro día 24 de xuño un relatorio no Festival de Banda Deseñada de Múnic, cadrando coa reedición neste país da súa serie Quotidianía delirante. Tamén se proxectará a película de animación De Profundis, e realizará varias sesións de sinatura das súas obras.
Ademais haberá unha exposición da súa obra dos últimos dez anos. A súa obra De profundis xa fora revisada nunha mostra hai dous meses
Prado foi escollido como autor convidado no Festival de Banda Deseñada de Múnic, que desta volta ten a a España como país invitado. Tamén é candidato ao Astrid Lindgren xunto coa nosa querida autora Fina Casalderrey.

17.6.11

GALERÍA FOTOGRÁFICA DA EXPOSICIÓN NO LITVI




GALERÍA FOTOGRÁFICA DA EXPOSICIÓN NO LITVI






Como xa comentamos nun post anterior, no marco da celebración do LITVI, Gálix organizou na sede da Fundación Torrente Ballester, na Rúa do Vilar 7, unha exposición sobre libros infanto-xuvenís en lingua galega que teñen como eixo temático a viaxe. Deixamos aquí parte da reportaxe gráfica.

15.6.11

LIBROS CON SELO CALIDADE DE GÁLIX: DIARIO DE PICHUK

Esta semana, na web da crtvg, o libro con selo calidade Gálix é: DIARIO DE PICHÜK: as minchas de Aridöndia

•Autor: Manel Cráneo
•Editor: Everest Galicia
•Ano: 2010


Esta é una historia fantástica sobre o Planeta Mincha, máis concretamente sobre a rexión de Aridöndia. Neste planeta conviven moitas razas: ardos, lampönak, xordosauros…entre eles as minchas.
As Minchas son moi listas e respectuosas coa súa contorna e co medio natural. E teñen a súa propia linguaxe de símbolos! Son grandes exploradoras e rescatadoras. Valo pasar moi ben cando as leas.

13.6.11

FALECE JUAN FARIAS, O GRAN TRANSGRESOR DA LIX




Juan Farias (Serantes, A Coruña, 1935) foi o gran transgresor da literatura infantil e xuvenil española. A súa morte na madrugada do venres significa a perda dun dos autores máis orixinais das nosas letras, tanto polo seu estilo literario como pola súa forma de comprender a literatura para cativos e para a mocidade.
Coa novela Algunos niños, tres perros y más cosas, obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil no ano 1980.
Desde Gálix, lamentamos profundamente esta perda. Agora está nas nosas mans transmitir o seu legado literario.


Deixamos constancia de parte das súas obras de LIX:
Crónicas de Media Tarde: Años difíciles, El barco de los peregrinos y El guardián del silencio, 1983-1985.
El niño que vino con el viento, 1986.
Por tierras de pan llevar, 1988.
Cuarenta niños y un perro, 1992.
La infancia de Martín Piñeiro, 1994.
A la sombra del maestro", 1995. Los caminos de la luna, 1997.
El paso de los días, 2000.

9.6.11

EU SON DUNHA XERACIÓN DE NEOFALANTES: POR MERCEDES QUEIXAS




Carísimas lectoras e lectores:
Permitide que me presente e non interpretedes as miñas palabras como vontade de autoafirmación pública, procura de desculpa explícita que xustifique incoherencias impropias do perfil que o outro sempre predeseña para un(ha) propia ou exceso de vaidade ególatra.
Lede, pois, esta miña humilde reflexión, transcrita despois de vogar un tempo no éter do pensamento, como unha necesidade biolóxica que nestas páxinas acha acubillo.
Eu son da xeración nada nos finais dos 60, daquela que chegou in media res a todo, ao principio do fin dalgúns medos dos nosos superiores e ao inicio da apertura a un mundo novo, ansiado e temido, ao tempo, por descoñecido. A luz da liberdade das palabras que prendía no misto do futuro inmediato apremiaba, mais, con todo, engulía rescoldos no branco e negro que necesariamente tiña que se mudar en gris. O SI afirmativo instalábase para desterrar o perenne e inmorrente NON a todo e todos os diferentes.
E tocounos medrar apalpando cambios que non comprendiamos, mais que percibiamos nas olladas de esguello combativo e nos falares ás veces calados ou enmudecidos en clarificadores ombros que se erguían interrogantes entre dúbidas non verbais.
Foi grazas a moitas palabras comprometidas, que clamaron sen tregua, como puidemos criarnos paseniñamente na palabra libre e no pensamento diferente. Os sacrificios e renuncias doutros, inexistentes para moitas e moitos de nós ou ocultos, convertéronse nas nosas opcións abertas e mais en vitorias herdadas de mans xenerosas, que nos abrían de verdade ao mundo do respecto e da tolerancia nun territorio aínda en reconstrución emocional e, por que non o dicirmos, nacional.
Eu son, tamén, dunha xeración que naceu e medrou en paralelo á lingua galega, viaxando en habitáculos diferentes do mesmo comboio. E cadaquén ía subindo nunha estación diferente, con cadanseu billete, con compañeiras e compañeiros de viaxe diferentes que ían alimentando as nosas gorxas inéditas para nos reconstruírmos como individuos con biografías lingüísticas individuais, mais non isoladas, pois a estación termo daquela viaxe era a casa común do pobo como colectivo cunha identidade truncada, deformada, ignorada ou disfrazada.
Eu subía ao comboio da lingua galega no meu espazo de liberdade vacacional, recreo e ocio incontrolábel, bicos furtivos e conversas adolescentes. Eu habitaba a lingua na aldea, da man dos meus catro avós e cinco bisavós. E deles a aprendín, oralmente, nun boca a boca con salto mortal interxeracional, de ouvidas, como un século antes fixera a propia Rosalía de Castro. Quen mo ía dicir!
E tocábame apearme na estación máis urbana do día a día, na escola das monxas durante a EXB, coas miñas amizades colexiais e do barrio dos Mallos-Estación. E na casa, cun pai e unha nai que procuraban na imperiosa integración na cidade o mellor para os seus vástagos, todo aquilo que a aldea de orixe ía negar. Nós si entrariamos na modernidade e no futuro, no último vagón nunca máis!, e nesa planificación de éxito vital o galego non tiña páxina escrita. Axudariamos a medrar a sempiterna cidade dos barrios devorándonos nela, facéndonos pasar por aquilo que a boa vontade permeabilizaba inxenuamente. Seriamos coma os outros, descendentes acollidos doutras aldeas coma nós, mais naceriamos conxuntamente a un NÓS diferente e superior.
Eu son dunha xeración que descubriu na adolescencia moitas vivencias, nada novo nin exclusivo, diredes con razón!; mais algunhas tamén de carácter lingüístico que, con certeza, non cheguei a reparar nin moito menos comprender até un tempo despois.
-Mamá, por que papá y tú habláis de una manera y con Jose, con Miguel y conmigo de otra?
Non houbo ninguna articulación de resposta. Só unha ollada estrañada e uns ombreiros sorprendidos ao alto.
Miña nai non o soubo entón nin eu tampouco seguramente, mais si houbo resposta. E ben contundente!
Un exemplar de Memorias dun neno labrego e outro de Cartas a Lelo abríronme os ollos a unha lingua que deixaba de ser ágrafa para se converter nun salto de letras e sílabas e palabras e... historia literaria na que eu prendía desde a ignorancia máis absoluta. E aprendín a ler na lingua dos avós, a súa única lingua, a que eles nunca aprenderon a escribir nin a ler. Nunca achei resposta á razón de por que eses libros, únicos en galego, adormecían naquel andel dunha estantería familiar nada prolífica en encadernacións. É o que ten non proceder dunha familia de avoengo nin de letras! Mais eses dous libros estaban e presérvoos do tempo que o almanaque sempre acaba por converter, alternativamente, en presente e pasado.
Eu son dunha xeración que aprendeu no Instituto de Monelos da Coruña que o galego traspasaba as fronteiras do fielato urbano para conquistar as matemáticas, a filosofía, a bioloxía, a química, a historia da arte. E entón aprendín a escribir rápido para ser quen de interpretar apuntamentos esixentes. E entón aprendín, xa en 2º de BUP, que tiñamos historia de noso, que nos foran negados episodios por vontade allea e que nos roubaran palabras e espazos para as palabras e falantes que manexasen as palabras nos espazos e... Cumpría recompor un puzzle con Curros, Castelao, Villar Ponte, Cabanillas, Manuel Antonio, Blanco Amor, Mª do Carme Kruckenberg, Cunqueiro, Luz Pozo, Xoana Torres, Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz, Xavier P. Docampo. Como era posíbel que alguén escribise tanto en galego e sobre o galego e non nos enterarmos?
De súpeto, tamén, o noso arquivador se inzaba de apuntamentos e copias varias, dun novo libro de texto que explicaba os porqués daquela lingua antes ágrafa para min. Mais eu estudaba aqueles enunciados teoricamente barrocos do manual baixo os acordes sonoros das voces dos avós, dos bisavós e, ás veces, do pai e da nai, nos seus diálogos de parella, de xeito que os pronomes ocupaban os seus ocos con naturalidade, porque si! E as vogais abrían e pechaban cando necesaria, mais espontaneamente, o tiñan que facer, sen xogos vocálicos histriónicos nin posturas linguais estrambóticas. De seu... de meu!
Eu son dunha xeración que precisou entender e concretar a coherencia do sentido común desde a honestidade cos antergos e a miraxe responsábel ao futuro que nos había corresponder enfiar. Nacía unha xeración de neofalantes que non aprendemos a lingua galega como primeira lingua, mais que a tiñamos como referente próximo na aldea, surtidora de puntuais citas dominicais coas patacas e os ovos e os grelos que a cidade non entregaba nunca como galano, mais si ofrecía puntual e estacionalmente o labor das mans traballadoras dos avós.
Eu son dunha xeración de neofalantes que asumiu a vontade de dar un paso adiante e instalarse no galego, conscientemente, como única lingua de uso no país de noso, sen que esa decisión implique a menor mingua para o noso coñecemento e dominio doutras linguas, nomeadamente o castelán e o portugués que, por proximidade e interese funcional, temos a vantaxe de coñecer practicamente desde o berce. Sen que a nosa escolla, desde a liberdade que o coñecemento ampara, anulase o respecto pola outra lingua convivencial, malia imposicións históricas propias das relacións forzadas entre conquistadores e conquistados.
Eu son dunha xeración de neofalantes que recuperou o equilibrio, a normalidade lingüística para si; por iso apostamos pola transmisión xeracional aos nosos fillos e fillas, malia a escoita sistemática da sempre teimuda pregunta de quen incrédulo inquire: Y siempre le hablas así?, acompañada da mesma teimuda resposta: Pois si, sempre! Porque non podemos axustar contas co pasado, mais si podemos rexenerar un outro futuro lingüístico diferente na comunicación cos nosos fillos e fillas e, desde a lingua propia e oficial, a lingua de noso, nomearlles o mundo global. Nós a canda el, sempre!
Eu son dunha xeración que aprendeu a ler nas voces e pensamentos impresos dos nosos escritores e escritoras, que recuperaron para nós a literatura oral popular e colocaron no escaparate da denominada literatura culta un abano creativo rico e comprometido onde a lingua de noso é irrenunciábel e, polo tanto, visíbel na diversidade lingüística e literaria do mundo. Porque non nos sentimos nin queremos que se nos vexa coma aquel Balbino-ninguén que acordou hai agora 50 anos neste país empobrecido, que non pobre!
Eu acompaño hoxe unha sociedade que maioritariamente acredita nos valores que nos identifican como pobo sen complexos e que rexeita, desde a razón argumentada, as agresións que o goberno galego actual está a amparar e promover contra a lingua galega, anulando a súa presenza na Administración, reducíndoo vertixinosamente no ensino e alentando decadentes prexuízos lingüísticos desestruturadores da sociedade galega, capaz historicamente de convivir desde a harmonía respectuosa verdadeira, nas súas propias diferenzas.
Antonte e onte foron outras persoas as que reaxiron contra os que Castelao cualificou como imperialistas fracasados; hoxe somos nós os que tomamos o necesario relevo; existirá un mañá e un pasadomañá que falará de nós como usuarios activos en defensa da lingua galega e garante da súa normalización ad futurum. Porque non hai volta atrás para un pobo que se nega a tecer e destecer somnolento o fío de Penélope!
Permitídime, finalmente, que me despida recuperando uns versos do poeta Avilés de Taramancos que pechan o poema Fusquenlla:

Terra querida, que sempre chegas tarde
ou chegas antes ou despois da Historia
e andamos foscos no correr do tempo.
Hai que romper, romper agora!

Obrigada, sempre, por continuarmos a andar o camiño erguendo as pedriñas que, ás veces, moito mancan.

MERCEDES QUEIXAS ZAS
Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade da Coruña, exerce como profesora de lingua e literatura galega no ensino secundario (CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco – A Coruña).

É autora de ensaios de carácter divulgativo dirixidos ao público escolar como Os trobadores do Reino de Galiza (A Nosa Terra:1997) ou Breve historia da literatura galega (A Nosa Terra:1999), ademais doutros estudos intitulados Frei Martín Sarmiento. O inicio da recuperación da conciencia galega (2002) e Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política (2009), publicados por Edicións Laiovento, onde tamén viron a luz as traducións Nacionalismos no mundo (1997) e España uniforme (2001).

Neste ano 2011 publicou Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg Sanjurgo (Editorial Galaxia) e Lois Pereiro. A urxencia poética dun futuro alleo (Edicións Laiovento)

Coautora da Historia xeral da literatura galega (A Nosa Terra:2001).

Ten participado en diferentes foros de formación do profesorado, análise literaria e lingüística, cuxas intervencións fican recollidas en volumes colectivos e actas como “Silencio cultural e represión lingüística en Galiza durante o primeiro franquismo”; “Reflexións dunha lectora cursidosa ao prólogo aos Contos da Agra Aberta”; “Galician Fiction: A Genre with Gender?”; “A didáctica do galego desde os medios de comunicación”, “Ensino, educación e lingua galega hoxe” ou “Estratexias para a planificación lingüística escolar”.

Entre marzo de 2007 e agosto de 2010 exerceu profesionalmente como Coordinadora Territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña.

Desde 2005 é secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

8.6.11

GÁLIX NO ENCONTRO DE LITERATURA DE VIAXES 2011



LITVI 2011, O ENCONTRO DE LITERATURA DE VIAXES, ATERRA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Entre o 14 e o 23 de Xuño terá lugar en Santiago de Compostela o Segundo Encontro de Literatura de Viaxes.
No marco desa celebración, Gálix vai ter unha presenza importante ao organizar na sede da Fundación Torrente Ballester, na Rúa do Vilar 7, unha exposición sobre libros infanto-xuvenís en lingua galega que teñan como eixo temático a viaxe.

Onte presentouse na Fundación Torrente Ballester o seu programa, que suma divulgación, reflexión e unha aposta por facer partícipe a toda a cidade da iniciativa. No acto estiveron Francisco López Rodríguez, director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta de Galicia; Miguel Fernández-Cid, director-xerente da Fundación Torrente Ballester; e Ana Trevisani, directora de LITVI 2011.

O Encontro atópase dentro da programación cultural que conmemora o 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago.

Despois do éxito do seu primeiro ano, a capital de Galicia volverá a ser a capital dun xénero que se estende a novelas, revistas, guías, audiovisuais…

O Encontro conta no seu menú con programa literario; cafés dos lectores con escritores; proxeccións de fotografías; un laboratorio de creación literaria; maratón de fotografía coa Catedral como protagonista; a implicación de restaurantes e pubs con menús e cócteles inspirados en viaxes; e o xogo denominado “libro viaxeiro”.

A inauguración oficial de LITVI, o 14 de xuño, contará coa presenza do escritor cordobés Antonio Gala na Cidade da Cultura, coa intervención “Unha viaxe literaria: o poema de Tobías desangelado”.

O programa literario de LITVI quere sumar rigor e grandes figuras que espertan o interese do público. Para iso conta con dous ciclos: “As catedrais, fonte de inspiración literaria” e “Viaxes literarias”.

Ademais de Antonio Gala na Cidade da Cultura, a Fundación Torrente Ballester recibirá a Julio Llamazares, o escritor e xornalista José María Íñigo, Ramón Pernas, Toti Martínez de Lezea, Carmen Becerra e José Luis Corral Lafuente. Varios destes autores compartirán mesa e café cos lectores.

O festival “Olladas viaxeiras”, con Xurxo Lobato como comisario, proxectará na emblemática Praza da Quintana as mellores fotografías de catedrais e do National Geographic, durante dúas noites. Eva van der Berg, editora da revista para España, tamén estará na cita.

“A volta ao mundo en 80 sabores” traerá as cociñas e os cócteles do mundo a Compostela, coa elaboración de menús e receitas inspirados en México, Canadá, Francia, Oriente Próximo, Escandinavia… distintos restaurantes e locais de hostalería nocturna da cidade colaboran con esta vertente que amplía as fronteiras de LITVI.

No Laboratorio de creación literaria, maxinado pola experta Soledad Felloza, os interesados poderán aprender a contar do mellor xeito as súas viaxes, reais ou inventadas.

O xogo “Libro Viaxeiro” é outra das novidades de LITVI 2011. En distintos recunchos da cidade agóchanse, desde a semana pasada, distintos libros que agardan por un lector. No enderezo de facebook de LITVI atópanse a diario pistas para atopalos e se fomenta a divulgación de experiencias.

Cómpre sinalar que durante as datas de LITVI a sede da Fundación Torrente Ballester, na Rúa do Vilar 7, contará cunha exposición sobre libros de viaxes de GALIX, Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil.

LITVI 2011 é un evento enmarcado no 800 aniversario da Catedral de Santiago e conta co patrocinio do Consorcio de Santiago, Concello de Santiago de Compostela, Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia; ademais da colaboración de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Deputación de A Coruña, Festival Olladas, El Correo Gallego e Fundación Torrente Ballester. Está promovido e organizado por Trevisani.

7.6.11

LIBROS CON SELO CALIDADE DE GÁLIX: O MEU GATO É UN POETA

Esta semana, na sección Libros Recomendados da web da crtvg, O meu gato é un poeta, de Fran Alonso, publicado por Edicións Xerais.

O gato de Fran Alonso é poeta, un poeta 2.0, “e escribe porque lle peta”, miaña, xoga coas palabras (gústanlle especialmente as palabras con ele), ás veces ten medo e cántalle á lúa, tamén se namora, e dá receitas especiais para todos os nenos aos que lles gusta a poesía. O mellor de todo é que ti tamén podes xogar coas palabras e con este libro, porque podes entrar na web e empezar a xogar (Ollo! tes que usar unha clave especial que vén no libro), e ademais o libro contén un CD con cancións que cantan Fran e súa filla acompañados ao acordeón por Xurxo Souto. Vas o aproveitar, xa verás!

É un libro para xogar coa poesía só ou en compañía, divertido para xogar coa web en familia e tamén na escola.

6.6.11

JAN ESTIVO ALÍ, NA LISTA DE HONRA DA REVISTA CLIJ




Recoñecemento para JAN ESTIVO ALÍ

Entra na Lista de Honra da Revista CLIJ

A prestixiosa revista CLIJ, todo un referente no que se refire á Literatura Infantil e Xuvenil de calidade, vén de publicar no seu último número a súa lista de honra anual que recoñece os mellores títulos editados e clasificados por idades do ano pasado.
No referido ao chanzo de idade que vai dos oito aos dez anos, o libro de Xosé A. Neira Cruz e David Soler, JAN ESTIVO ALÍ, que xa coñeceu hai pouco a tradución ao coreano, é incluído na lista ao carón doutros escritos por Agustín Fernández Paz, Enzensberger, Mario Vargas Llosa ou Jokin Mitxelena.
Outra boa nova para este libro co que Editorial Galaxia inaugurou a colección Árbore Arte.

2.6.11

AUTOPUBLICACIÓN: UNHA REFLEXIÓN ABERTA: POR FRAN ZABALETA



Tiña pensado dedicar o meu primeiro artigo nestes Cadernos Redelibros á novela histórica, que por algo me apaixona, pero a publicación do artigo de María Solar sobre a situación actual da edición e a necesaria promoción das obras polos autores, CR23. Os libros que non se perden nos andeis das librerías, animoume a lanzarme de cabeza con algo ben distinto que leva un tempo dando voltas por aí dentro.

Hai dez, vinte anos, que un escritor se publicase a si mesmo non só era unha rareza: era unha condena. Neste mundo/geto da “cultura”, que un autor se publicase a si mesmo quería dicir varias cousas: que ninguén quería publicarlle; que probablemente non tiña calidade; que o posible lector tería que enfrontarse, con moitas papeletas, a un texto confuso, sen a oportuna corrección ortotipográfica, mal editado, etc.

Aínda por riba, o aventurado escritor tamén se enfrontaba con outros problemas non menos espiñentos, como a necesidade de afrontar elevados custos para ver o seu libro impreso, xestións complicadas como a obtención dun ISBN (ou non tan complicadas, pero si alleas á súa experiencia) e, sobre todo, o gran problema final: a distribución do libro, chegar ao lector, conseguir un oco nas librerías, obxectivo de tanto esforzo.

Todo o cal condenaba ao noso esforzado escritor a unha especie de ostracismo literario non escrito. O desdén polo escritor autopublicado era un tufillo, un rumor de fondo, unha desas “verdades incuestionables” coa que todo o mundo comulgaba. E isto non é un ataque, conste, é un recoñecemento de faltas: eu mesmo, ata hai non demasiado tempo, vía con receo calquera intento dun autor por publicar a súa propia obra, coma se o feito de que un editor non confiase nel fose sentenza sobrada para negarlle o privilexio da dúbida. Non hai moitas semanas, charlando do tema cun coñecido, este engurraba o entrecello ante o que consideraba algo que ninguén no seu xuízo faría.

Pero quizais sexa hora de reflexionar con algo máis de amplitude. Quizais vai sendo hora de derrubar as nosas barreiras mentais e deixar que a realidade entre ata a cociña. Porque a realidade ten esa marabillosa virtude de sobrepasarnos e facer que, con farta frecuencia, as verdades incuestionables se convertan en tópicos antes de que nos deamos conta. Posiblemente, hai dez ou vinte anos era certo que un escritor que se publicara a si mesmo tiña escasa calidade... na maior parte dos casos, alomenos. O filtro do editor adoitaba funcionar. Talvez porque funcionaba ese editor ao vello estilo, con olfacto para detectar o bo, con instinto para recoñecer un bo libro.

Non quero dicir que xa non exista ese editor: só afirmo que, polo xeral, ese editor está agora coas mans atadas por unha implacable demanda: o mercado. O beneficio puro e duro, por riba de calquera outras consideracións. Falo, polo menos, dos grandes grupos editoriais, eses que se converteron cos anos en simples máquinas de facer diñeiro, e non das ducias de pequenos proxectos de editores vocacionais que hai por aí adiante, impulsados por tolos tan fascinantes como suicidas, diría, neste contexto neoliberal. O beneficio manda, señores. O demais son inxenuidades... ou proxectos destinados ao fracaso.

Se cadra. Ou se cadra non. Falarei do que coñezo, para evitar suspicacias, e deixando ben claro que non pretendo xeneralizar. Bo, si xeneralizo, pero que polo menos quede canto digo en entredito, e que cada cal lle aplique a lupa ou o filtro que desexe.

Hai seis anos publiquei unha novela histórica escrita en colaboración cun amigo. Era a miña primeira novela publicada, máis aló de obras de carácter “profesional” (ousexa, por encargo), adaptacións de clásicos e cousas así, das que xa tiña varias no mercado. Cando rematamos de redactar o orixinal, tivemos a sorte de atopar de forma case inmediata unha axente literaria que comezou a “mover o texto” para buscar un editor interesado. E, máis sorte aínda, o editor apareceu. Resultou que se trataba dun dos grandes grupos editoriais do Estado. A novela saíu en setembro de 2005 e ao pouco tempo, un ou dous meses, xa tiña segunda edición. Un ano despois saíu unha nova edición en peto noutro selo do grupo, e ao mesmo tempo a editorial publicouna na súa filial mexicano. A nosa axente, mentres tanto, non quedou parada e conseguiu que un editor brasileiro traducira e publicara a novela en Brasil.

Ata aquí, como comprenderedes, todo vento en popa. Vaia, deramos no cravo, acertaramos. Estabamos en mans de grandes profesionais que se encargarían de promover o noso libro e convertelo nun bestseller. Non podiamos pedir máis...

Ou si, pero non o fixemos. En realidade, o erro foi noso, dos autores. Porque a editorial fixo o que tiña que facer (ou, mellor dito, o que se adoita facer) cun escritor primeirizo: editou a súa obra, publicouna e lle fixo unha limitada promoción, uns cantos envíos aos críticos habituais, unhas cantas entrevistas de radio... e para de contar. Normal: eles teñen entre mans un número moi grande de novidades e hai que movelas todas, un libro sae detrás doutro e ao cabo do ano son centos. Pero os recursos son limitados, e o espazo nas librarías tamén, e sempre é mellor centrarse en autores xa recoñecidos e esperar que o resto se mova por si mesmo, a ver se soan as campás, que ao cabo malo será que non se venda o suficiente para non perder co libro. Para recuperar custos, que xa é bastante.
Repito, por si acaso: a editorial fixo o que adoitaba facer, o que mandaban os seus protocolos, e eu estoulles agradecido por iso, por darme a oportunidade de publicar a miña primeira novela. Todos os que o vivistes coñecedes ben a maxia dese momento en que ves por fin, logo de anos de esforzo, o voso primeiro libro recén saído do prelo. Xa iso é recompensa suficiente... salvo que un aspire a vivir desta arriscada profesión.

Os que metemos a pata fomos nós. Porque o libro funcionaba moi ben nos primeiros meses, gustaba aos lectores, as críticas non podían ser mellores e ademais estabamos en mans dun gran grupo. Así que desentendímonos. Seguimos o camiño máis cómodo: esperar que outros fixesen o esforzo de vendelo. Nós eramos os autores, non iamos “rebaixarnos” a vender e promocionar o noso libro. Evidentemente, nunca o pensamos nestes termos, pero dalgún modo ese era a prexuízo subxacente, ou así o vexo agora, pasados os anos. Ou se cadra foi cuestión de simple comodidade. O caso é que, polas razóns que fosen, limitámonos a sentarnos e agardar.

Que bobada, claro. Por dous motivos: primeiro, porque a editorial, como adoita suceder con todo gran organismo, é lenta de reflexos. A sociedade evoluciona de forma anárquica, impulsiva, por cen camiños diferentes. En boa hora, por certo. E, para unha gran estrutura, manterse ao quite é difícil. Os seus mecanismos de promoción hai seis anos eran os trillados. Internet era un medio para enviar mensaxes e pouco máis. Redes sociais? Foros, blogs? Bo, bo, con calma, hai que estudalo...

Ao pouco tempo, pasou o que tiña que pasar: a novela, sen máis promoción, quedou sepultada pola avalancha de novidades e comezou a desaparecer das librerías. Normal.

Todo o cal lévame a dúas conclusións: a primeira, que as editoriais fan o que poden, ao seu ritmo e seguindo os seus intereses, que nunca son os do autor; sobre todo tendo en conta que o modelo editorial español dista moito do inglés ou do norteamericano, onde o editor implícase moito máis co autor, fai recomendacións sobre a súa obra e a súa carreira, traballa man a man con el. Aquí non, aquí, por aquilo do respecto á liberdade creativa do escritor —entre outras razóns máis obvias—, o editor limítase a recoller o texto, editalo e publicalo. Cada cal que elixa, pero eu boto de menos esa complicidade. A segunda conclusión é tan evidente como a primeira: se o autor quere vivir do que fai ou, simplemente, que o seu libro sexa lido, debe implicarse de forma intensiva na promoción da súa obra.

Vale, ata aquí dixen verdades de pé de banco. Sigamos entón, a ver se consigo dicir algo máis interesante... no caso de que aínda vos reste algo de paciencia.

Hai dous anos rematei unha segunda novela histórica. Nesta ocasión, a súa estrutura era (é) pouco habitual, pois está formada por tres novelas curtas e un relato breve, todas con relación entre si. Algo aventurado nun país no que os libros de relatos (e este, aínda que non o é, pódeo parecer) atopan unha curiosa resistencia no mercado... como pronto puiden comprobar. Envieilla á miña axente, leuna, gustoulle moito e púxose a facer o seu traballo: buscar editor. Ano e medio despois, seguía buscando. Varios selos editoriais importantes mantíñana “en estudo”, sen rexeitala, pero tamén sen decidirse (e niso están nestas alturas...). A crise non anima a lanzarse a aventuras nun mercado en retroceso. O mercado, sempre o mercado. Finalmente, eu mesmo púxenme en contacto cunha pequena editorial de Madrid e aceptaron publicala. ¡Bo, menos mal! Respirei aliviado, porque a ningún escritor gústalle escribir para o caixón da súa mesa (ben, para o disco duro do seu ordenador, nestes tempos).

Pero entón empecei a atar cabos, a unir ideas dispersas. Por que non publicala eu mesmo? Ao momento rexeitei a idea (si, por todo o do principio, as verdades incuestionables e demais, non ía caer na miña propia trampa). Pero a luceciña seguía aí, iluminando novas ideas. Deume por pensar que, con todo o que lle agradezo a esa pequena editorial madrileña o compromiso de editala, que podería facer ela polo libro que non puidese facer eu, salvo publicalo, evidentemente, e cargar cos custos de impresión? Se un gran grupo editorial non fora capaz de mover en condicións a miña primeira novela, ía poder unha pequena editorial sen recursos? A novela chegaría a catro librerías, languidecería durante uns meses... e pouco máis.

Empecei a investigar outras opcións. E levei a sorpresa do século: resulta que, mentres eu estaba agochado baixo a miña coiraza de escritor, procurando que non me dese moito o sol, o mundo, aí fóra, seguía a moverse. E a unha velocidade de vertixe. Resulta que o que antes era tabú comeza a deixar de selo. Internet ofrece mil posibilidades de autoedición, de distribución, de promoción. E todas, todas, están ao alcance da miña man. Ou do meu rato, que a estas alturas xa é o mesmo. E empecei a atoparme con autores con obra xa publicada e certo recoñecemento e éxito de lectores que apostan aberta e francamente pola autopublicación. Que se encargan eles mesmos da edición, da promoción e da distribución. Nunha soa frase: que fan o que en calquera caso ían facer (promocionar a obra con todas as súas forzas)... e levan o 100% dos beneficios. Co mesmo esforzo. Este falar de beneficios pode parecer un criterio mercantilista poco acorde ca idea romántica de publicar un libro, pero os escritores, quen o diría, temos esas teimas: queremos vivir da nosa profesión. E, se queremos facelo, mal que nos pese, non temos outra que tratar de obter un beneficio do noso traballo. Pode non ser romántico, pero é inevitable.

Pero, ademais, a autopublicación permite algo tremendamente atractivo: o control sobre o teu propio traballo. E sobre o produto final.

Tentador. Sobre todo, cando un se decata de casos como o de Amanda Hocking, unha autora descoñecida por estes lares que, sen apoio de ningún grupo editorial, editouse ela mesma as súas obras, autopublicounas e vende máis de ¡cen mil exemplares ao mes! En Amazon. E leva xa máis dun millon e medio vendidos...

Bo, para, para. Unha cousa é que haxa unha excepción, e outra moi distinta a norma. De acordo, pero eu non aspiro a vender cen mil exemplares o mes. Ao que aspiro é a conseguir o meu feixe de lectores, que gocen cos meus textos e que estean dispostos a apostar por un libro meu. E, ao cabo, as ferramentas están aí:

1. En Internet abundan empresas e proxectos moi diferentes, programas que facilitan a tarefa, blogs e foros con consellos que axudan no camiño. A autoedición, hoxe, é máis accesible e alcanzable que nunca grazas á impresión baixo demanda, sistema que xa están empezando a usar mesmo as grandes editoriais e que pódese contratar online, sen máis problemas, desde a mesa do teu computador.

2. A conversión a ficheiros dixitais (epub, fb2, mobi, etc.) é cada vez máis doada e pódea realizar cada cal... ou encargala a empresas online. Cunha vantaxe engadida importante, que daría pé para outro artigo pero que aquí só quero apuntar: o autor elixe se o resultado final, o libro dixital, terá ou non DRM (protección de dereitos dixitais) ou se irá sen protección. E decide o prezo final do seu libro. Para min, está claro que o DRM é intentar porlle portas ao campo, e o prezo dos ebooks (elevadísimos) a barreira que colocan os grandes grupos para frear o libro dixital (que teñen os almacéns cheos de papel, que van facer con eles!). En fin, xa digo que isto dá para outro artigo tan longo como este, así que deixareino polo momento.

3. A distribución? Abrir unha tenda virtual nun blog, en facebook ou na propia web é tan sinxelo como axustar un módulo predeseñado e engadir unha pasarela de venda con paypal, por exemplo. E nada impide ao autor multiplicar os puntos de distribución ofrecendo o seus libros ao mesmo tempo en Amazon ou calquera outras plataformas ou tendas que hai polo mundo dixital adiante.

4. A promoción? Bo, para iso están as redes sociais, os foros e demais ferramentas... algo que calquera autor, hoxe, sabe que ten que utilizar se quere promocionarse, independentemente de quen lle publique.

Entón, compensa autopublicarse?, non será unha leria?, realmente pódese obter un produto final, un libro de calidade, ben impreso, algo digno? Pois nin idea. Só podo especular... e apostar.

De entrada, está claro que publicarse a si mesmo é un proceso arriscado, por máis que as ferramentas estean aí e os custos abaratáranse considerablemente. É un traballo duro e solitario. Claro que, agora que o penso, o traballo do escritor é duro e solitario. E o resto, de calquera forma vouno ter que facer eu, se me publica unha editorial. A promoción correrá pola miña conta, e será en boa medida solitaria.

O prestixio? Sen dúbida, queda moito tempo aínda para que o tópico desapareza e se valore igualmente unha obra propia que unha obra publicada por unha editorial, pero o camiño comezou a andarse e non fai falta ser un augur para deducir que nos próximos anos veremos a moitos máis autores “con nome” que se publican a si mesmos.

Os beneficios? Aquí si que non hai dúbida: os dereitos de autor tradicionais non superan no mellor dos casos o 10% do prezo do libro. Máis no caso dixital, ata o 40% (en EE.UU., aquí se che ofrecen un 25-30% xa podes quedar contento). Pero, se un se publica a si mesmo, o beneficio é do 100% (no caso de que distribúa o libro a través da propia tenda) ou do 60-80% se distribúe a través doutras tendas como Amazon, Google Books ou calquera outras que non paran de xurdir. En calquera caso, a diferenza é altamente tentadora...

Así pois, que inconvenientes ten a autopublicación? Desde o meu punto de vista (e unha vez que o autor asume a carga extra de traballo que supón), só hai unha. Grande, iso si: a edición do libro. Editar un libro é un proceso complexo. Trátase de revisar a obra con calma, lela “dende fóra” para detectar os seus problemas, os seus rechinos, seus defectos ou incongruencias, analizar a súa estrutura e a adecuación da linguaxe ao que se está contando, etc. Implica tamén unha corrección profunda, de estilo e ortotipográfica, que deixe o texto puído. Un proceso que non convén que realice o autor (nin aínda que sexa tamén editor, como no meu caso), porque un “ollo alleo” detectará problemas que ao autor, demasiado metido na súa obra, escaparánselle. Unha vez máis, esta edición pódese encargar a un profesional ou a unha editorial. Pagando, claro.

Claro que aquí entramos noutro debate que non corresponde a este artigo, pero que quero alomenos deixar no aire. Onde quedan as editoriais en todo isto? E as librarías?

A cuestión é complicada. Hai moitas editoriais por aí adiante facendo traballos realmente dignos, e moitos profesionais que aman o seu traballo. E seguirán existindo, porque o seu traballo é necesario: tanto a súa función de “selección natural” como a realización propia do libro, o produto final. Pero están abocadas a un cambio inevitable: de súpeto fíxose máis amplo o panorama, máis variado. Xa non teñen a exclusividade da edición. O que quere dicir que o seu mercado mudou, e inevitablemente terán que mudar elas. Penso que seguirán, como non, ofrecendo as súas seleccións de autores de cara ao lector: un selo editorial que consiga definir a súa identidade atraerá lectores. Pero penso tamén que se lles ofrece outro “mercado” novo: o dos servizos ao autor. Neste novo panorama, é ben tentador para o escritor ser quen de dirixir a súa propia traxectoria, do mesmo xeito que controla a súa creación. Decidir sobre todos os aspectos da edición, da distribución, da promoción. Levar de forma autónoma a súa “carreira”. Aquí, as editoriais teñen a oportunidade de ofrecer os seus servizos de empresa ao autor. No futuro —esta é a miña aposta—, o autor debería ser de verdade o centro do proceso. Precisará de editores que lle revisen a obra, pero, en vez de enviar o manuscrito “a ver se hai sorte”, por que non contratar os servizos dunha editorial para as faenas de edición, como contratamos ao avogado para as cuestións legais ou ao arquitecto para que deseña a nosa casa? De feito, non estou inventando nada novo, hai xa un bo feixe de editoriais que se adican precisamente a isto, algunhas con indubidable éxito.

E as librarías, claro. Aí doe. O libro, hoxe xa, é un produto reinventado. O libro en papel, a través da impresión baixo demanda, pero sobre todo o libro en formato dixital. Teñen sentido as librarías no novo panorama? Persoalmente creo que si, pero con dificultades claras. O seu papel segue a ser o de sempre, o de verdade: fronte ao gran supermercado, resiste o libreiro que aconsella, selecciona, recomenda. E nesa función atopa os seus clientes. Ese papel seguirá existindo, agardo, aínda que quizais nun formato distinto. A libraría como concepto é fundamental, pero tarde ou cedo (imaxino e agardo que tarde), rematará por converterse nun negocio puramente online. Ou non, pode que sigan existindo fisicamente, pero que no canto de papel recomenden e vendan tarxetas dixitais co libro dentro. Ou calquera outra fórmula que xurda, aínda é cedo para albiscar ese futuro. De calquera xeito, seguirá sendo librería. E seguirá habendo un libreiro que aconsella, selecciona e recomenda. Ou así o desexo, pois creo que é outro filtro fundamental para que os lectores non nos perdamos na abrumadora maraña de libros que saen cada ano do prelo.

Editores e libreiros cumplen cada un a súa función, que en grande medida é a de servir de filtros previos para o lector. No mellor sentido do termo: o de orientarlles, o de proporlles. A diferenza está en que, neste novo marco cultural, o lector accede non só as propostas que lle ofrecen as editoriais ou as librarías, senón tamén, directamente, as propostas que lles fan os autores. E insisto: a maior parte dos autores non buscamos “o éxito”. Buscamos o noso público. O noso nicho, o noso grupo de lectores que atopan unha voz nos nosos textos. E o lector é o único que pode decidir finalmente se o que lle ofrecemos é válido ou non...

Remato. Todo isto non son máis que ideas no aire que o único que pretenden é abrir debate, compartir opinións, propiciar reflexións en voz alta. Como tantos outros que vivimos esta profesión (autores, editores, libreiros, maquetadores, ilustradores e un longo etéctera), asisto entre perplexo e fascinado a este novo mundo do libro, ás tremendas posibilidades e ás súas evidentes contradicións. Pero todo proceso de cambio é pura e simple vida, e a posibilidade de ter nas túas mans, como escritor, o control do que fas, do teu traballo, dos teus esforzos e da túa ilusión é... tentador, demasiado tentador.

Co que, ao final, teño clara a miña decisión: vou experimentar. Vou tentear estes novos camiños, cas dúbidas, a inquietude e, sobre todo, a tremenda ilusión que todo novo proxecto esperta: publicarei eu mesmo a miña próxima novela. O 15 de setembro, se todo vai ben, terédela nas vosas librerías dixitais... E que pase o que teña que pasar.

Fran Zabaleta é escritor, editor e guionista de documentais. Comezou a súa andaina profesional como profesor de secundaria e bacharelato e traballou máis de quince anos como editor de textos de ensino con editoriais como Anaya, Santillana ou Grazalema. Na súa faciana de guionista, é autor de documentais para institucións, empresas e televisión, como O camiño portugués; A Coca, a besta e a festa; Arturo Noguerol; Homes de lei; Centenario do Real Clube Náutico de Vigo; Fermín Bouza Brey; Albeos, a terra soñeira; A memoria do lume, etc. Tamén adaptou clásicos da literatura universal para rapaces, como Ivanhoe (Alfaguara 1996), Moby Dick (Alfaguara 1996), La llamada de la Naturaleza (Alfaguara 1997), La Celestina (Ediciones SM 2008), Fábulas de La Fontaine (Ediciones SM 2009). É autor de obras de referencia como 99 libros para ser más culto (Martínez Roca 2011) e da novela histórica La cruz de ceniza (Suma de Letras 2005). De próxima aparición é a súa segunda novela, Medievalario.

1.6.11

LIBROS CON SELO CALIDADE DE GÁLIX: OS LUNARES DE LOLA



O libro recomendado esta semana na nova web da Compañía Radio Televisión de Galicia é Os lunares de Lola, de Xoana Álvarez e Raquel Álvarez. Está editado por Triqueta Verde.



Podes ler a recomendación completa aquí.