28.7.11

LIBROS CON SELO CALIDADE DE GÁLIX: O LIBRO DOS MEDOS DO RATO PEQUENO




O libro recomendado esta semana na web da crtvg é O gran libro dos medos do rato pequeno, da autora Emily Gravett. Está editado por Patas de Peixe, un interesantísimo proxecto editorial galego dedicado á literatura infantil.

Patas de Peixe coida ao máximo cada edición, publicando auténticas obras de arte.


Xa sabedes: O gran libro dos medos do rato pequeno, outro libro con Selo Calidade Gálix!

27.7.11

OS ILUSTRADORES, A LÚA E A INDUSTRIA DO LIBRO: POR DAVID PINTOR



Debuxo dende que era moi pequeno. Recordo toda a vida diante dun papel e cun lapiceiro na man. Cando era un rapaz, usaba os rollos de papel continuo das antigas máquinas de escribir para facer debuxos rápidos. Cortaba o cacho de papel, e comezaba outro novo garabato. Recordo o chan da habitación cheo de follas que pouco a pouco ían tapando o entarimado. Podía pasar horas enfrascado en historias fantásticas que ían sucedendo no papel. Na miña mesa ían pasando as máis fantásticas aventuras a partires dunha folla en branco; e todo comezaba pousando o lapiceiro no papel. De súpeto, aparecía pola esquina da folla un barco cheo de mil piratas armados ata os dentes. Da outra esquina baixaban unha parella de namorados que se pousaban nunha fraga encantada da que empezaban a sair tigres, elefantes, hipopótamos e ata un esquío que ía saltando de árbore en árbore. ¡Vaia!, unha caravana de circo acaba de chegar e se vai a instalar nun oco da folla. Os mil piratas gritan entusiasmados ante a posibilidade de asistir ao maior espectáculo do mundo... e todo isto sen sair dun papel.

Nunca deixei de debuxar. Sempre o considerei unha parte da miña personalidade. Era unha diversión, unha maneira de relaxarme, de expresarme, de sentirme ben. Para o neno tímido que fun, serviume para comunicarme e sacar moitas cousas que tiña dentro. Todavía hoxe non perdín nin a timidez nin a necesidade de sacar esas cousas por medio do debuxo. Pero co tempo, tamén chegou a ser a maneira de gañarme a vida. Podo decir que teño o privilexio de poder vivir de debuxar, xa no humor gráfico, xa na ilustración infantil, xa en calquera das moitas posibilidades que da esta profesión. Un oficio que ademais me está permitindo coñecer a xente moi interesante relacionada co mundo da arte, dos medios de comunicación, do mundo da literatura..., e de ter a posibilidade de viaxar a outras cidades, coñecer festivais, feiras, etc.

Por todo isto amo este oficio, e por todo isto sinto unha grande tristura cando se lle falta o respecto.

Non hai moito, en Galicia os ilustradores non apareciamos nas portadas dos libros, non eramos considerados autores, e non cobrabamos dereitos polos nosos libros. Eramos, simplemente, uns tipos que enchían uns ocos que había polo medio do libro. Non tiñamos, nin de lonxe, a consideración que si se lle daba aos escritores. Case que nunca apareciamos referenciados nas axendas culturais, non eramos invitados ás presentacións dos libros inda que fósemos parte fundamental do mesmo, non eramos invitados ás feiras internacionais, non eramos considerados por parte das administración públicas, etc.

Hoxe en día, despois de moita loita e esforzo, xa empezamos a conseguir que se nos trate como autores, cobramos dereitos e o nome dos ilustradores aparece xa nas portadas de case todos os libros. A consideración que ten agora un ilustrador é moito maior que hai anos. Isto mudou moito, e podemos ser, en parte, optimistas coa tendencia, pero inda hai cousas que convén mellorar. Inda hoxe, por exemplo, non se conta cos ilustradores nos xurados dalgúns premios de libros ilustrados. Inda hai unha grande diferenza na presenza nos medios de comunicación fronte, por exemplo, os escritores. Non hai como botar unha ollada á repercusión que ten, por exemplo, un escritor galego nos medios de comunicación, nos suplementos literarios... e comparala coa que ten un ilustrador. A pesares de que actualmente contamos en Galicia cunha xeración de debuxantes dunha calidade incuestionable, e recoñecida, por certo, máis fóra que dentro do país. Debuxantes de comic, ilustradores, humoristas gráficos, etc., que son recoñecidos e alabados a nivel nacional e internacional seguen a ter un espazo nos medios galegos non acorde coa súa repercusión.

No 2006, unha productora de televisión realizou unha serie de programas baixo o nome de “Planeta Fantasía”, que emitiu a TVG, e na que se collían libros infantís de autores galegos e, a través dunha contacontos, se lía en cada programa a historia dun deses libros mentres na pantalla ían aparecendo as ilustracións que foran publicadas no mesmo. Ninguén da produtora avisou aos escritores e ilustradores deses libros. Todos nos enteramos da existencia deses programas cando xa se estaban emitindo. Nin pediron permiso, nin avisaron a ninguén. Ao cabo dun ano, empezaron a vender en formato DVD eses programas, co mesmo sistema: sen pedir permiso nin avisar a ninguén. Un feito tan grave coma este, que non é nin máis nin menos que unha apropiación ilegal duns dereitos de difusión dunha obra literaria, suporía, nun país cunha verdadeira industria cultural, un escándalo enorme. En Galicia non pasou nada.

O normal neste tipo de situacións sería que as editoras, coas que os autores firmamos un contrato, defenderan os nosos dereitos, que ademais eran tamén os seus. A situación era ben clara: unha empresa privada se apropiaba de algo que non era seu para sacar rendemento económico, perxudicando non só aos autores, senón tamén ás editoras. Non obstante as reaccións dos editores variaron entre non darlle importancia ao asunto e non facer nada. Produciuse unha situación moi triste de desamparo por parte das editoras que foron involucradas no proxecto.

Os autores necesitamos unhas editoras fortes, unhas editoras valentes, independentes, que nos apoien, que nos promocionen tanto en Galicia como no mundo, que nos defendan en caso de que se violen os nosos dereitos, que nos axuden a prestixiar este oficio de facer libros mediante, entre outras cousas, o pago duns dereitos de autor dignos, que permitan a profesionalización do sector. Permitir actuacións coma a de “Planeta Fantasía” o único que fai é debilitar o sector do libro en Galicia.

Que eu saiba, os escritores afectados non fixeron nada. Tampouco lin ningún comunicado da AELG no seu momento denunciando o caso, a pesares de que foron tan perxudicados coma os ilustradores. O papel dos escritores debería ser fundamental á hora de defender os dereitos dos autores.

A día de hoxe inda hai en Galicia algunha editora que non paga dereitos, que editan libros sen pagar nada aos autores, mentres que todo o resto da cadea productiva (impresores, distribuidores, libreiros, etc.) sí o fan. Esixir una contraprestación económica polo noso traballo é algo tan básico coma irrenunciable. É una loita pola dignificación do noso traballo. Por todos os que se dedicaron a isto e por todos os que se dedicarán no futuro.

Cando entrei na Escola de Arquitectura de A Coruña alá polo ano 1994, a profesión de arquitecto era inda un oficio respectado e valorado. O grande esforzo e os moitos anos que había que dedicarlle a sacar o título eran recompensados cun traballo digno e ben pagado. Tras anos de progresivo deterioro da profesión, unido a unha crise brutal, fixeron que hoxe en día un arquitecto poida gañar máis traballando como calquera cousa antes que coma arquitecto. Chegouse a tal nivel de desprestixio na profesión que hoxe moitos amigos meus ou estan no paro ou traballan por soldos bastante pouco dignos. Ogallá o futuro non nos depare aos ilustradores un panorama coma este.

Pertenzo á asociación de ilustradores profesionais dende hai varios anos, e síntome moi orgulloso dela. A súa creación, en 2000, supuxo un grande paso na dignificación do oficio do ilustrador. Cando pasou o triste caso de “Planeta Fantasía”, un grupo de ilustradores afectados nos puxemos en contacto coa productora pero só conseguimos desprezos e risas compracentes. Só cando o asunto caeu nas mans da avogada da federación de asociacións de ilustradores profesionais, quen se puxo en contacto coa produtora, foi cando “milagrosamente” produciuse un cambio de actitude e conseguimos que nos desen a razón e nos indemnizasen economicamente.

Todos queremos unha industria cultural do libro moito máis forte en Galicia. Unha industria aberta e independente. Unha industria que leve polo mundo os marabillosos libros que se fan aquí e que compita de igual a igual con calquera literatura de calquera país en calquera feira internacional. Unha industria que permita a profesionalización e a dignificación do oficio do ilustrador. Unha industria cunhas editoras fortes, que canalicen o traballo dos creadores. Unha industria imprescindible se queremos que o libro galego teña un sitio importante nun mundo cada vez máis globalizado. Unha industria transparente na que escritores, ilustradores, editores, tradutores, críticos, libreiros, distribuidores, deseñadores, impresores, etc. nos sintamos importantes. Creo sinceramente que Galicia podería competir a nivel literario en calquera feira do mundo. Estamos nun momento de grande talento en Galicia que debemos aproveitar. Temos una canteira de ilustradores para xogar a Champions League da literatura. Pode ser o momento.

David Pintor. (A Coruña, 1975). En 1993 empeza a traballar co guionista Carlos López baixo o pseudónimo de Pinto & Chinto, converténdose en poucos anos nunha referencia do humor político en prensa. As súas tiras cómicas saen en periódicos como El Correo Gallego, Diario 16, La Voz de Baleares o Diario de León. Actualmente o seu traballo aparece todos os días nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia. No campo da ilustración, colaborou con algunhas das máis importantes editoriais como Everest, SM, Lapis, Froebel, Agaworld, Anaya, Galaxia, Xerais, Alfaguara, Edelvives, Kalandraka, Sotelo Blanco, Círculo de Lectores, Combel…

Ten participado en exposicións de ámbito nacional e internacional e recibido numerosos recoñecementos pola súa labor, entre os cales: premiado pola Society of News Design (SND) polos seus traballos en La Voz de Galicia; seleccionado en 2007, 2010 e 2011 para a mostra de ilustradores da Feira de Bolonia, e en 2009 e 2011 para a Bienal de Ilustración de Bratislava; premiado co Grand Prix International na Bienal de cadernos de viaxe Clermont Ferrand 2009; seleccionado na lista White Ravens 2011 por Contos para nenos que dormen de seguida; premio L´illustratore dell´anno 2011 convocado por Città del Sole; 1º Premio Concurso cartel oficial Bienal de Cadernos de viaxe Clermont-Ferrand 2011; premio Haxtur ao humor 2008; premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración 2009; premio especial do xurado no IX certame de pintura Pintor Argüelles; premio Curuxa do humor 2007 otorgado polo Museo do Humor de Fene; premio no Salón da Caricatura de Vila Real; finalista no certame internacional de humor gráfico PORTOCARTOON 2009; premio literario Frei Martín Sarmiento; premiado no VIII Concurso de humor gráfico de Barakaldo 2008; seleccionado no Salao de humor de Piracicaba 2010; seleccionado por WEBDESIGNINDEX entre as 1000 webs máis destacadas de 2007; nominado aos premios da Asociación de Editores Galegos ao mellor libro infantil e mellor libro ilustrado de 2007 por Minimaladas, ao mellor libro ilustrado do 2009 por A peripecia de Roi, e ao mellor libro infantil e ilustrado do 2010 por Contos para nenos que durmen de seguida; Mellor ilustrador dos anos 2007 e 2009 elexido pola web www.fervenzasliterarias.com, mellor ilustrador, mellor portada infantil e mellor libro infantil pola mesma web no 2010; seleccionado na Mostra Internacional de Ilustradores Infantís Soños en Papel en México 2008

22.7.11

ROSALÍA DE CASTRO E JUANA DE IBARBOUROU, DE URUGUAI A PADRÓN: POR CRISTINA CORRAL


A literatura escrita en lingua española deixou entre as xoias líricas da humanidade o recordo de dúas mulleres, poetas, que viviron en épocas diferentes pero que, con todo, seguiron unha traxectoria poética moi similar: Rosalía de Castro primeiro e, anos máis tarde, Juana Fernández Morais, coñecida no mundo literario como Juana de Ibarbourou.

Malia que son varios os teóricos que apuntan á idea de que os versos de Rosalía calaron fondo na persoa de Juana, existen poucos estudos que o demostren de xeito conceptual, cando, sen dúbida, son moitos os vínculos familiares que unían a Juana coa terra galega, xa que o seu pai era dunha vila da provincia de Lugo. Como proba de tales vínculos quedaron os vestixios que a mesma Galicia deixou na súa poesía, e a pegada da escritora galega Rosalía de Castro é un deles.

A raíz galega na obra de Juana de Ibarbourou

A emigración é dende hai séculos unha das constantes socioculturales que vinculan a terra galega con Hispanoamérica. E esta constante é a que engarzaría a vida de Juana de Ibarbourou con Galicia.

A mediados do século XIX nace, no municipio lucense de Vilanova de Lourenzá, Vicente Fernández, o pai de Juana de Ibarborou. Quen por motivos familiares emigrará a Montevideo ata chegar máis tarde a Cerro Largo onde nacerá o 8 de marzo de 1895 a escritora. O seu vínculo coa terra paterna manifestarase coas súas palabras cando toma o seu sillón na Academia de Letras Uruguaias. No seu discurso, a escritora recordará a súa infancia e a presenza do seu pai que acenderá nela a chama da raíz galega que sempre a acompañou na súa forma de ser e na súa obra:



(...) Era español mi padre (...) cuánto le debe América, poblada por la emigración a esos hombres rectos, activos, fuertes y líricos... Así era mi padre y reconozco en él y en su tierra una de las raíces de mi poesía, en la que romanticismo y naturaleza se hacen verso que ha llegado al alma de la raza (...)

Pero non só na súa prosa reside a lembranza do seu amor á terra do seu pai, tamén aparece reflectido nos seus versos:

Patria de mi padre, luminosa y grande,

qué profundamente te quiero también.

Me crié soñando con tu maravilla,

no quiero morirme sin verte una vez.

Cuando a ti yo llegue, has de conocerme

por el gozo trémulo, por la palidez,

por la emoción honda de risa y de llanto,

por el canto puro que te llevaré.

Con el niño mío, que también te ama,

¡oh! Galicia mía, hemos de traer,

a la tierra india que amparó a mi padre,

de tu hechizo y tu placidez.



Non hai dúbida de que, segundo as súas propias palabras, a alma de Juana sentíase moi galega, algo que os seus coñecían, non en balde o seu propio marido chamábaa cariñosamente "la galleguita", tal e como ela conta con motivo da inauguración o 8 de xuño de 1963 en Vilanova de Lourenzá, vila do seu pai, dunha biblioteca que levará o nome de ambos: "Biblioteca Vicente e Juanita Fernández".

Podemos engadir a todo iso as palabras de Dora Isella Russel na biografía da poetisa, sobre a profundidade desa "herdanza paterna" da que ata aquí falamos:



(...) O pai, pois, naceu en Galicia, nesa terra doce e recia que se fai amar polos seus fillos dondequiera que vaian; de el herda a nena un sentimento profundo que a ligará estreitamente sempre, ás cousas que constitúan o seu cotián universo (…)

Influencia rosaliana en Juana de Ibarbourou

Tras realizar un percorrido pola obra poética de Juana de Ibarbourou non resulta difícil atopar unha clara similitude entre a obra de Rosalía de Castro e Juana. De feito existen numerosos documentos escritos pola propia Juana que falan da escritora galega como inspiradora de moitos dos seus versos, un deles o discurso que xa mencionamos con anterioridade e que lle serviu para entrar na Academia das Letras Uruguaias, nel dicía:


(...) Era español mi padre, y bajo el rico dosel del emparrado solía recitar enfáticamente los cantos de Espronceda y las dulces quejas de su nemorosa Rosalía de Castro. Nunca conocí fiesta mayor. Y ahí está lo que puede llamarse el génesis de mi vocación poética, o, con más propiedad, el comienzo de su ejercicio (…)


Non pode haber unha afirmación máis clara que evidencie o resultado de tan cedo coñecemento da literatura da escritora galega. A propia Juana afírmao, foi a lectura que o seu pai facía dos versos rosalianos a que fixo nacer o xermen da poesía de Juana de Ibarbourou.

Similitudes poéticas

Ao ler a súa poesía podemos darnos de conta de como Juana herdou, das múltiples formas da galeguidade, unha das máis profundas: o panteísmo de raíz celta. A través da conxunción coa natureza, Juana expresa o seu xeito de ser e de sentir. Así o afirma tamén Carlos Alberto Zubillaga cando di de Juana que "como as grandes da lírica galega, ela tamén sente a presenza vitalizadora de todo o creado". Esta inclusión no grupo das grandes da lírica galega, permítenos deducir que non é tan disparatada a idea de similitude entre as obras de Juana e Rosalía.

Pero as similitudes de ambas voces líricas ponse de manifesto nos seus libros e na temática destes. Así, veremos como a maior parte da obra de Rosalía é de temática melancólica polo que á poesía intimista refírese. É neste punto onde converxen especialmente e de xeito case transparente As linguas de diamante de Juana de Ibarbourou e Follas Novas de Rosalía de Castro. Do mesmo xeito que As linguas do diamante, Follas Novas, divídese en varios libros, dos cales debemos destacar os tres primeiros por gardar grandes semellanzas co libro de Juana especialmente se nos fixamos nos catro temas que ambas autoras tocan.

A morte, por exemplo, é para Rosalía o inimigo, pero que con todo preséntase co disfraz romántico dos autores do momento. Nela está en ocasións a solución para a autora de todos os problemas que a angustian e que a miúdo atormentan á súa alma.


Basta unha morte

Cala, can negro, n´oubees

Á porta de quen ben quero

Corvos no voedes por riba

D´o sobrado ond`e está enfermo.

C`o teu resprandor “compaña”,

Baite, non lle poñas medo.

S´es que queres que alguen morra,

Eu sei d´un san que contento

Por el déravo-la vida

E irá con vosco ós infernos.


Juana tamén nos fala na súa obra da morte; ela non lle tiña medo tampouco e o seu desexo era sobrevivir unha vez morta, como beleza contemplada, algo que se reflicte perfectamente nos seus poemas:


Vida-Garfio

Amante: no me lleves, si muero, al camposanto.

A flor de tierra abre mi fosa, junto al riente

alboroto divino de agua pasajera

o junto a la encantada charla de alguna fuente (…)

(...) yo sé que acaso nunca allá abajo

mis manos podrán estarse quietas.

Con todo, e malia que ningunha das dúas teme á morte, ambas comparten a imaxe metafórica tan discutida na obra de Rosalía, a sombra. Ao longo da obra de Rosalía aparecen referencias a estes mortos-vivos aos que chama sombras e que nada ten que ver, por certo, coa "negra sombra", tamén característica da obra rosaliana.

As sombras da poesía de Rosalía de Castro non pasan desapercibidas para a autora de As linguas de diamante que tamén adoptará esta imaxe da escritora galega e incluiraa en varios dos seus poemas. Neles a protagonista é habitualmente a morte:


En Juana:

Rebelde

"Caronte: yo seré un escándalo en tu barca.

Mientras las otras sombras recen, giman o lloren,

y bajo tus miradas de siniestro patriarca,

las tímidas y tristes, en bajo acento oren. (...)



Vida-Garfio

"(...) Yo sé que nunca allá abajo mis manos

podrán estarse quietas.

Que siempre como topos arañarán la tierra

en medio de las sombras embrujadas y prietas (...)



En Rosalía:

Una sombra tristísima

indefinible y vaga

como lo incierto, siempre ante mis ojos va,

tras de otra vaga sombra que sin cesar la huye

corriendo sin cesar.

Ignoro su destino...; mas no sé porque temo

de ver su ansia mortal,

que ni han de parar nunca, ni encontrarse jamás.


Vemos tamén a inclusión do tema da pena como un elemento constante nas dúas escritoras; esta analoxía temática chega ata tal punto que non é difícil atopar en Juana poemas dunha extraordinaria similitude cos de Rosalía:


En Juana:

Esta primavera

Vino la primavera, pero no para mí,

que el mirar optimista para siempre perdí.

Ya no más amarillo, rosa, azul, amatista,

un color de ceniza cobra todo a mi vista.

Por el campo de piedras que rodea mi casa

la nueva primavera sin detenerse pasa.

Y en el triángulo estéril que es hoy mi corazón,

solo ha brotado el hongo de la desolación.

De los prados lejanos recogerán los vientos

sahumos de resinas, de musgos, de sarmientos

reverdecidos. Luego, al volar sobre el mar,

con olor de salitre se podrán saturar.

Aquí no. El peñasco muerto y gris no da nada;

ni vahos de arboledas ni olor a agua salada.

y en mi alma, que antes era un poco de aroma,

hoy ninguna fragancia en este Octubre toma.



En Rosalía:

Qué pracidamente brilan

ó río, á fonte y ó sol.

Cánto brilan..., máis non brilan

para min non.

Cál medran herbas e arbustos,

cál brota n´árbor a frol;

mais non medran nin frorecen

para min, non.

Cál cantan os paxariños

enamoradas canciós:

mais anque cantan, non cantan

para min, non.

Cál a Natureza hermosa

sorrí a mayo qu´a mimou;

mais para min non sorrí,

para min, non.

Sí..., para todos un pouco

d´aire, de luz, de calor...

mais si para todos hay,

para min, non.

¡E ben!...xa qu´aquí n´atopo

aire, luz, terra nin sol.

¿Para min n´abrá un-ha tomba?

Para min, non.



Tamén no seu libro Raíz salvaxe, Juana non deixou de beber dos versos da obra poética de Rosalía, nel aparece o tema do suicidio que será recurrente na obra das escritoras. Para Juana, o suicidio segue sendo un paso tranquilo, sen fatigas e cheo de dulzura espiritual para a súa alma:



El estanque

(...) Si una tarde mi cuerpo ardoroso y delgado,

al estanque, lo mismo que un pedrusco, resbala,

con idénticos gestos misteriosos, pausados,

cerrará detrás suyo sus dos labios al agua.

Será un círculo ancho y ondulante, primero.

Luego otros y otros más pequeños y graves.

Después, nada... la calma, la tersura, el silencio,

Y otra vez el reflejo verdeluz de los sauces.


Esta mesma idea aparecía xa nos versos de Rosalía cando Juana líaos:

XVIII

(...) Co seu sordo e constante marmorío

atraim` ó oleaxan d´ese mar bravío,

cal atrái d´as serenas ó cantar.

“N`este meu leito misterioso e frío

—dime— vén brandamente a descansar.”

Él namorado está de min..., ¡o deño!

Y eu namorada d`él.

Pois saldremos c´o empeño,

Que s´él me chama sin parar, ¿eu teño

un-has ansias mortais d´apousar n`el!...

Cabe sinalar por novidoso e malia que Rosalía e Juana viviron épocas moi dispares, o feito de que ambas nalgún momento da súa vida pareceron sentir esa discriminación á que estivo sometida a muller, por ser non só capaz de sentir senón tamén de escribir o que sentía e que reflectiron na temática da súa obra.

Así entre os múltiples personaxes que interveñen en Cantares Galegos de Rosalía adquiren especial relevancia os pertencentes ao sexo feminino; a muller eríxese, polo tanto, como protagonista das estampas, homenaxe que Rosalía bríndalle:


III

—Dios te bendiga todo, nena:

rapaza Dios che bendiga,

xa que te deu tan graciosa,

xa que te dou tan feitiña (…)

(...) —Dios vos garde, miña vella;

gárdevos Santa Mariña,

qu`abofé sós falangueira,

falangueira en ben cumprida (…)



Xusto ao comezo de Follas Novas, no primeiro poema do libro. Rosalía expón con certo sarcasmo a situación da muller no panorama literario do seu tempo:


Daquelas que cantan ás pombas i as frores,

todos din que teñen alma de muller.

Pois eu que n´as canto, Virxe da Paloma,

¡Ai!, ¿de qué a terei? (…)

A personalidade de Rosalía desborda, en efecto, os esquemas habituais da literatura romántica. Isto será algo que non pasa desapercibido para Juana de Ibarbourou na súa admiración cara á escritora galega. Ademais Juana sente tamén, dalgún xeito, esa incomprensión nun mundo de homes e así o expresa coa metáfora de "camiñar" nun dos seus poemas:


Mujer

Si yo fuera hombre, ¡qué hartazgo de luna, (…)

Cuando así me acosan ansias andariegas,

¡qué pena tan honda me da ser mujer!


En La rosa de los vientos Juana de Ibarbourou volve levarnos unha vez máis ás páxinas escritas por Rosalía nos seus anos de vida, nesta ocasión con temas como o do eloxio á terra. Nas súas páxinas prodúcese unha alusión continua, por parte de Juana, á súa terra americana e ás súas paisaxes:



Encuentro

(...) La montaña y la pampa, la colina y la selva,

la altiplanicie brava y los llanos verdeantes,

donde pasta la vaca y galopa el bisonte,

están más cerca nuestro que el mar invulnerable (…)



Tamén Rosalía recorre nos seus poemas á temática paisaxística que ademais de inspirar os seus versos constitúe un subterfuxio para a súa alma colmada de amarguras:



Nin as escuras

II

Xigantescos olmos, mirtos

que brancas frores ostentan,

unha con cogollos ainda,

outras que o vento esfollea (...)

(...) Limoeiros e laranxos

qu´ó verde musgo sombrean

y olido esparcen al azar

con que a xente se recrea (…)



Juana deixa traslucir nas palabras que aluden á paisaxe unha especie de morriña xorda pola súa propia casa e en especial pola terra. A mesma sensación será compartida por Rosalía de Castro que durante os seus anos en Castela tamén recordará continuamente a súa terra e o seu fogar. Este sentimento de morriña que se apodera do alma galaica ao estar lonxe da terra quizais durma tamén no alma da propia Juana como herdanza eterna do seu pai, tema que tratamos xa noutra das hipótese deste estudo. A propia Juana, do mesmo xeito que Rosalía, sentiu esa nostalxia polo lar da que vimos falando:



Encuentro

(...) Al tornar a mi casa he sentido en el viento

el vaho de mis campos fuertes de Cerro Largo.

Me mana una alegría honda de reconquista,

el ramo puro albea en mi mano (...)



Rosalía expresou a súa morriña do seguinte xeito:



¡Terra a nosa!

Baixo a prácida sombra dos castaños

do noso bon país,

baixo aquelas frondosas carballeiras

que fan doce o vivir;

cabe a figueira da paterna casa,

que chíos conta sen fin,

¡que cantos pracenteiros, qué amorosas

falas se din alí! (...)



III

¡Que hermosa te deu Dios, terra querida,

desdichada beldá! (...)



Con estes pequenos exemplos quixemos traer aquí unha mínima dose de toda a semellanza poética que é posible atopar entre ambas escritoras. Deste xeito, a través da morte, o amor ou a defensa da muller, discorren axitadas as vidas de dúas mulleres de xeracións moi dispares, pero que se sentiron por encima de todo poetas.


Cristina Corral Soilán. Naceu en Lugo durante o verán do 76. É xornalista e licenciada en Hispánicas, pola Universidade Camilo José Cela (UCJC) e a Universidade de Santiago (USC) respectivamente. Realizou os cursos de doutorado no programa de Educación, Diploma de Estudios Avanzados (DEA) en Educación e Creatividade: Aplicacións Tecnolóxicas, Sociais e Psicopedagóxicas na UCJC.

Ten traballado como xornalista no xornal El Progreso de Lugo e na axencia de noticias Europa Press. Foi guionista en Netex e subdirectora da Revista Foeminas da Casa da Muller do Concello de Lugo. Na actualidade exerce como profesora de secundaria de Lingua e Literatura Española.

É autora dos poemarios Anxos de Pedra (Scio 2001) e Esencia de Trementina (Scio 2008). Escribe contos e teatro para nen@s e colabora como tradutora de galego coa ONG Amnistía Internacional. Prepara a súa tese no departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da USC en torno ó tema da educación da muller dende a época republicana á franquista.

20.7.11

LIBROS CON SELO CALIDADE GÁLIX: ONCE DAMAS ATREVIDAS


Como cada semana, deixamos aquí a recomendación feita para a web da crtvg. Once damas atrevidas é Libro con Selo Calidade Gálix.
Este conto é una adaptación feita por Xosé Manuel González Barreiro (OLI) a partir dun conto popular. Trátase dun conto rimado que nos invita a facer unha fabulosa viaxe imaxinaria polo mundo, visitando Marrocos, pasando por Moscú, México, Australia, etc., ata rematar en Galicia. Os lugares polos que pasan, as súas culturas, engaiolan as damas que van quedando nelas.

18.7.11

DISCURSO XOSÉ NEIRA VILAS: SOCIO DE HONRA DE GÁLIX



Como xa sabedes, o pasado mes de abril Xosé Neira Vilas foi nomeado Socio de Honra de Gálix.
Velaquí o discurso que leu o autor de Memorias dun neno labrego:

DISCURSO BIBLIOTECA GONZÁLEZ GARCÉS

Sr. Francisco López Rodríguez, Director do Libro, Bibliotecas e Arquivos

Sr. Francisco Castro, Presidente de Galix

Autoridades presentes en xeral

Queridos amigas e amigos todos:

Mañá cómprense 206 anos do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, e por eso cada dous de abril celébrase a efeméride no mundo enteiro. Celébrase porque así foi instituído polo IBBY, ou sexa pola Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.
Tamén en Galicia se conmemora, pois aquí existe unha entidade equivalente que é Gálix, que representa a escritores, tradutores, ilustradores, editores e libreiros do noso país no que se refire a esta modalidade literaria.

O IBBY reuniuse recentemente en Compostela. Asistiron representantes dos cinco continentes. Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores; director de Edicións Xerais, dixo nesa ocasión que a literatura galega para nenos e adolescentes nacera hai 50 anos co meu libro “Memorias dun neno labrego”. O mesmo dixeron outros delegados nosos nese evento internacional. Eso agrádame certamente como autor do libro, pero máis aínda porque o libro galego nese xénero avanzou moito nos últimos tempos e contamos con autores de gran valía, con premios locais e nacionais e traducidos a outras linguas. Existen hoxe concursos, ilustradores especializados, etc.

Cadra, como digo, que ese libro meu cumpre agora medio século, e a Consellería de Cultura, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, patrocinou a exposición que hoxe se presenta, precisamente aquí mesmo, nesta biblioteca que leva o nome do poeta Miguel González Garcés.

En 1961, o mesmo ano en que publiquei ese libro en Buenos Aires, fun residir, con Anisia, a miña compañeira, á Habana e alí vimos a atención que se presta á infancia, incluíndo a publicación de libros para nenos e nenas. Organízanse concursos, exposicións, debates e existen editoriais que publican obras exclusivamente dedicadas a esas idades. Anisia chegou a ser coordinadora nacional de edicións infantís e xuvenís e eu incorporeime de diversos modos e con entusiasmo ó mesmo labor, máis alá das miñas obrigas habituais. Quero informar que hai uns vinte anos, nunha exposición internacional que se levou a cabo na Biblioteca Nacional da Habana, Galicia estivo presente pois incluímos na mesma todos os libros publicados na nosa lingua nese sector. E engado outro dato persoal curioso. No concurso de contos infantís de 1985 da chamada Xornada Internacional da Infancia, Anisia e máis eu participamos e cadra que gañamos o primeiro premio compartido. Publicáronse cen mil exemplares de cada un de ambos libros. O de Anisia editaríase tamén aquí máis tarde en galego por Edición do Castro. Titúlase “A primeira aventura”. Xuntos tamén integramos a dirección das revistas para nenos e nenas Zunzún e Bijirita, cunha tirada mensual de 250.000 exemplares a primeira e 350.000 a segunda, cantidades que resultaban insuficientes pola calidade das mesmas e polo alto índice de lectores que hai naquel país.
Na nosa Fundación existe unha biblioteca pública con 7.800 volumes, cunha sala de lectura para nenos e adolescentes e outra para adultos. Ademais da lectura en sala levamos prestado a domicilio á beira de 14.000 libros. Estamos no rural e creamos na comarca unha especie de “adicción” á lectura. Por outra parte, en anos alternos convocamos, a nivel de toda Galicia dende hai doce anos, os premios Arume, de poesía para nenos, e Estornela, de teatro, tamén para nenos e nenas. E véñense publicando as obras premiadas en ambos xéneros.

A xeito de rendición de contas e non por presumir de nada, que non me vai, infórmovos que publiquei en galego oito libros para esas idades, sete de narrativa e un de poesía. De “Memorias dun neno labrego” non vou falar pois está na exposición. Outro é “Cartas a Lelo” con quince edicións e “O cabaliño de buxo”, con doce. Non entro en detalles sobre outros, mais quero falar brevemente de “Espantallo amigo”, non porque sexa o autor (puidera ser calquera) senon porque é unha obra galega, publicada hai agora corenta anos, en 1971. Ten once edicións en Galicia e foi traducida ós idiomas castelán, inglés, catalán, ucraíno e éuscaro (a edición vasca foi publicada hai pouco). A ONCE publicouno en Braille para cegos. E hai algúnsn anos, o Banco da Imaxe, de París, fixo unha adaptación teatral, en francés e co engadido de danzas e da intervención do grupo musical arxentino Karumanta, foi levado a escena no Parque das Flores, na sala Municipal de Festas, e o Día Nacional da Música e da Poesía representárono grupos de nenos e nenas de cento seis colexios da periferia de París, co patrocinio de Ministerio de Cultura francés. Inda máis: unha compañía profesional puxo en escena esta peza, como símbolo da armonía humana e da concordia, no Coliseo Romano de Nimes. Non pedín ningunha remuneración económica e nin siquera me interesou que aparecese o meu nome como autor da narración que motivara a peza teatral; a única e ineludible condición foi que se consignase que proviña dun libro en lingua galega.

Outra noticia: en carta enviada a Paco del Riego dende Cuba o 12 de novembro de 1964 dicíalle: “Galaxia debe publicar libros para nenos;se un home ou unha muller non leron en galego dende nenos é difícil que o fagan de adultos. E contestoume con data 2 de decembro do mesmo ano: “A idea da colección infantil de que me fala hai tempo que a agarimamos nós. Estámoslle dando voltas para concretala. As suxerencias que vostede nos faga serán moi proveitosas”. Galaxia comezou pouco despois coa traducción de tres títulos de narrativa do catalán, da editorial la Galera. E máis tarde publicaría a primeira obra galega: “Polo mar van as sardiñas”, de Xohana torres. Tales foron os comezos desta andaina das edicións en Galicia para a infancia, só tres anos despois da aparición de “Memorias dun neno labrego”.

Queridos amigas e amigos:
Resulta moi honroso e conmovedor para min que Gálix me outorgue o título de Socio de Honra. Tratarei de merecelo. Ou seguirei ocupándome, como escritor e xornalista, da xente nova, que é o futuro. Este recoñecemento ten para min un alto significado.

Grazas, amigo Francisco Castro, e demais membros da directiva de Gálix, por este premio, por este libro que titulastes “Cartas a Balbino”, e no que colaboran amigos e amigas do eido das letras, e por este acto tan fermoso. Grazas amigos e amigas que falastes de min con palabras seguramente inmerecidas; que dixestes uns e outros cousas que me chegan ó corazón; que expresastes sentimentos moi entrañables.
E para rematar, mil grazas a todas e a todos.

1 – 4 – 2011

Biblioteca González Garcés. A Coruña.

XOSÉ NEIRA VILAS

15.7.11

POR QUE ME FIXEN LECTOR: POR XOSÉ MONTEAGUDO



Que otros se jacten de las páginas que han escrito, a mí me enorgullecen las que he leído. Jorge Luis Borges.

Moitas veces, en encontros con lectores ou nalgunha entrevista, téñenme preguntado por que escribo. A resposta que dou nesas ocasións trata sempre de axustarse á verdade sen repetir as palabras que antes deron outros escritores. Porque no fondo, creo que a maioría dos que dedicamos tempo e enerxías á tarefa de escribir facémolo por unhas razóns máis ou menos parecidas que teñen que ver todas elas co propio desexo irreprimible de escribir. O que en cambio ninguén me preguntou nunca é por que leo. E non obstante, creo que a resposta que eu podía dar a esa pregunta é bastante máis interesante ca a que dou á outra.

Ata os trece anos non lin unha novela nin un libro de poesía, nin sequera un relato. No fogar onde nacín non había exemplares desa clase e o primeiro recordo que teño dun libro foi a lectura dun vello tratado de Historia Antiga que entrara na casa cando algún mestre da escola que había na aldea acordara desfacerse del. No colexio público de Moraña onde estudaba, nos anos setenta aínda non existía o costume nin entraba dentro das normas pedagóxicas nin dos programas de ensino que os mestres lle recomendasen aos alumnos a lectura de contos, novelas ou poesías. Así é que pasei toda a miña infancia sen esa experiencia. Con todo o que supuxo despois, cos anos que transcorreron desde que podo dispoñer de libros a eito sen que deixe pasar en ningunha circunstancia máis de dous ou tres días seguidos sen abrir un deles, pregúntome ás veces como puiden sobrevivir daquela tanto tempo sen lecturas. Pero foi así. E para explicalo só podo pensar que quen non coñece unha experiencia nin ten ao seu alcance os medios para saber dela dificilmente pode botala en falta.

O primeiro libro que lin recomendáronmo coma unha actividade obrigatoria na materia de Lingua española. Eu tiña trece anos e marchara a estudar a un colexio en Marín. A novela que debía ler era La gaviota, de Fernán Caballero. O grande interese co que a lin daquela só o podo entender agora en razón da necesidade que sen eu ser consciente o meu corpo tiña de satisfacer esa carencia, coma a persoa famenta que converte nun manxar o primeiro alimento que lle chega á boca, por cativo que sexa. Só así podo comprender igualmente o interese co que lin algúns dos libros que durante aquela primeira parte da miña adolescencia nos recomendaban no colexio.

Con todo, foi tamén nesa época cando tiven un profesor que ao tempo que encamiñaba os meus gustos literarios, espertou definitivamente en min o interese pola lectura. Primitivo Simón. Un cura que nas súas clases de Lingua española, alén de obrigarnos a estudar a historia dos autores clásicos en castelán, facíanos convivir coas obras deses autores dun xeito vívido, participativo. Líanos fragmentos das obras que trataba na clase, axudábanos a analizalos, falábanos da vida dos seus autores, propoñíanos escribir relatos a partir das lecturas… E non só cos autores en castelán. Tiñamos daquela tamén un libro de lectura que era complemento do que debiamos estudar para a materia, e no cal aparecían os fragmentos escolleitos dunha serie de grandes autores da literatura universal. O que representou para min ese libro neste orde de cousas supuxo unha gran virtude e un pequeno defecto. A virtude foi que me permitiu escoller, fiado nel, libros e escritores dun valor literario indiscutible, converténdose no primeiro e máis persistente criterio de escolla que tiven para elixir os libros que desexaba ler pola miña conta. O defecto foi que durante aquel tempo os escritores que non aparecían nese libro tampouco entraban a formar parte das miñas apetencias e escollas. Iso provocou por exemplo, que lese nesa época a Dostoievski, pero que en cambio non lese nada de Tolstoi ata varios anos despois. Ou que lese axiña os relatos completos de Poe, pero nada de Conrad ou de Henry James.

Condicionado nas escollas por ese libro de lectura, non dei o salto a outros libros e autores ata algún tempo despois. O momento vén sinalado nítidamente nas miñas lembranzas por unha novela á que se tiña referido na clase o profesor Simón, aínda que o seu autor non fose daquela máis ca unha breve referencia no texto da materia. Con todo, o telegráfico resumo argumental que facía o manual espertou a miña curiosidade e un caloroso venres de maio, cando volvía para a casa a pasar a fin de semana, parei en Pontevedra e entrei nun quiosco de prensa a mercar un exemplar daquel libro, que acababa de saír xustamente nunha colección de quiosco. Reserveino coma unha especie de agasallo privado ata que rematase o curso e o primeiro que fixen ese verán foi procurarme o meu particular lugar de lectura na casa de Moraña.

Meu pai traía de cando en vez algúns sacos baleiros, dos que quedaban como refugallo para o lixo na empresa química na que traballaba. Eran uns sacos enormes, cadrados, dun material plástico semellante a un estame de feltro, que unha vez descosidos polas costuras convertíanse nunha gran lona con forma rectangular. Para transformar o rectángulo nunha hamaca colgante, nun coi, como lle chamamos na casa, só había que atar ben preto os dous extremos con dúas cordas e anoar esas cordas ao tronco de cadansúa árbore na eira. As árbores escollidas foron unha ameixeira no lado dos pés e unha cerdeira no lado da cabeza, mentres que a sombra central sobre a hamaca a proporcionaban as follas dunha figueria ben frondosa. Ese foi o meu paraíso lector da adolescencia.

Alí, nas tardes de verán tiveron lugar as mellores lecturas da miña vida, que inaugurou precisamente a novela que eu mercara aquela tarde de maio. Comecei a lela coa expectativa do interese que en min suscitara a sumaria referencia que facía a ela o manual que estudara no curso anterior. Pero axiña comprendín que a atracción que me provocaba a historia que estaba lendo era moi superior á miña previsión. Durante dous días, os meus ollos rexistraron cada frase, cada palabra, coa gorentosa ledicia de quen está descubrindo unha realidade nova e enfeitizante da que non quere perder nada. Cando rematei a historia, os seus personaxes, as rúas, o colexio, as prazas e as praias onde se desenvolvía, formaban parte da miña memoria case que coa mesma intensidade ca se vivira alí durante longos anos e mantivese unha relación de carne e óso con todos aqueles seres de papel. La ciudad y los perros, de Vargas Llosa, foi a novela que me descubriu o mundo da narrativa contemporánea. O exemplar aquel, que co tempo volvín ler outras dúas veces, adquiriu para min tal valor fetichista que quince anos máis tarde, cando tiven ocasión de asistir como alumno a un curso sobre técnicas da novela que impartíu Vargas Llosa na UIMP, non tiven ningún reparo en pedirlle que mo dedicase, malia que na capa do exemplar xa se borraran por completo as letras que indicaban o título e o autor.

Outro pequeno acontecemento que se produciu nesa época no meu entorno inmediato en conexión coa afección lectora foi a apertura da biblioteca pública de Moraña. Aínda que coma case todas as cousas que me sucedían daquela no tocante aos libros, a realidade parecía especialmente empeñada en poñer atrancos a colmar as miñas apetencias. No caso da biblioteca pública de Moraña, o pequeno atranco consistiu en que o seu horario de apertura ao público estaba limitado de cinco a seis da tarde, de luns a venres. Como eu estaba interno nun colexio situado a trinta e cinco quilómetros e o meu regreso á casa para pasar a fin de semana tiña lugar o venres despois das oito da tarde, o uso que podía facer da biblioteca reducíase unicamente aos dous meses do verán.

Por contraste, a privación do resto do ano provocaba que a satisfacción que obtiña neses meses fose quizais máis intensa. Un día por semana, xeralmente os xoves, despois do xantar eu baixaba camiñando os dous quilómetros que separaban a casa de meus pais da biblioteca, unha casiña dun só andar que era todo el unha sala rectangular na que estaban as estanterías ateigadas de libros, aliñadas contra as paredes. Case sempre era eu o primeiro usuario en chegar ante a porta e tiña que esperar á sombra dun piñeiro a que ás cinco en punto aparecese o seiscentos de cor gris no que viña o encargado da biblioteca, un mestre xubilado, alto e moi fraco. Entraba eu xunto coa ducia de rapaces que ían cambiar os seus exemplares e durante un bo anaco, pendente sempre do reloxo, dedicábame a examinar os anaqueis na procura dos tres ou catro títulos que máis me atraesen. Moitas veces, á saída da biblioteca, nunhas toxeiras polas que tiña que pasar de regreso á casa detíñame, ansioso, a botarlle unha primeira ollada aos libros que acababa de recoller.

Con todo, era na hamaca da eira onde atopaba eu o espazo propicio para lelos. Había días nos que lía pola mañá, pero as horas que máis identifico co pracer da lectura son as da tarde, que transcorrían desde as catro ata as oito ou as nove. Todo semellaba contribuír daquela a que a experiencia fose perfecta: a clara luz do verán, a fresca sombra da figueira e o silencio circundante. Nese ámbito lin os mellores libros da miña vida. Dalgúns deles esquecín case todo, non sendo o título e o autor. Outros deixaron en min unha fonda pegada que persiste a través do tempo coma unha das mellores lembranzas da miña mocidade. Entre estes, podo recordar agora Rayuela, o Canto General, Las ilusiones perdidas, A esmorga, La guerra del fin del mundo, Fortunata y Jacinta, A cartuxa de Parma, Pequeños equívocos sin importancia, Memorias dun neno labrego, Sobre héroes y tumbas, Sartoris, Ficciones e tantos e tantos outros.

Por suposto que despois houbo na miña vida outros lugares e momentos nos que tamén gocei do pracer da lectura con libros que supuxeron para min fermosas experiencias. Podería recordar os días en Compostela, cando ía co meu amigo Xulio á librería Follas Novas a fozar entre os exemplares, na procura de títulos atraentres que logo lía nas tardes e noites do meu piso de estudante. Ou os que descubrín máis tarde, ata hoxe mesmo, grazas a recensións merecidamente entusiastas ou a recomendacións sinceras de amigos e compañeiros. Pero case sempre sigo tendo a impresión diante de cada libro que empezo a ler que o que estou buscando secretamente é unha experiencia que me devolva a aqueles felices días das lecturas da adolescencia e a primeira mocidade no coi da eira de Moraña cando todo estaba por descubrir e a ilusión era o aire que eu respiraba acotío.

Recentemente, tiven a ocasión de ler un texto que ratificaba ao tempo que explicaba esta sensación que eu sempre tiven. Trátase dun libro de Marcel Proust titulado Sobre a lectura, e acaba de publicarse en traducción e edición de Carlos Lema na editorial Trifolium. Nese breve texto, a teoría que expón Marcel Proust, ao fío do relato que fai sobre as súas lecturas da nenez, é que a lectura dun libro se enchoupa dos lugares onde se fixo, de xeito que texto e lugar da lectura xa resultan inseparables para cada lector. Creo que é unha teoría moi atinada. No ronsel que traza, a experiencia particular de cada lector pode valer para escribir un fermoso relato da lectura. O convite queda feito, pois, para quen queira aproveitalo.

Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e traballa actualmente como técnico de Facenda na Axencia Tributaria. Desde moi novo é un lector apaixonado de todo tipo de literatura. Escribe desde a adolescencia, pero só decidiu publicar a unha idade relativamente tardía. No ano 2001 recibiu un accesit no premio Modesto Rodríguez Figueiredo por un relato titulado O engado do triángulo. Ao ano seguinte obtivo o premio Blanco Amor coa súa primeira novela, titulada As voces da noticia. No ano 2006 publicou a novela Esta historia. Coa súa terceira novela, Un tipo listo, conseguiu por unanimidade o premio García Barros no 2009 e foi finalista do premio Frei Martín Sarmiento no 2011. Ademais do seu labor como creador, tamén imparte obradoiros literarios sobre narrativa e exerce a crítica literaria na revista GRIAL.

11.7.11

ILUSTRACIÓN - HOMENAXE DE DAVID PINTOR A JUAN FARIAS

O pasado ano, co gallo dunha homenaxe que se lle fixo a Juan Farias en Madrid, David Pintor retratou ao escritor tal e como aparece nesta fermosa ilustración.
Nós tamén queremos rendirlle a Juan Farias a nosa pequena homenaxe, colgando esta imaxe que David Pintor nos facilitou tan amablemente.
Que o legado de Juan Farias non deixe de voar no maxín dos nenos e nenas.
En nós está trasmitírllelo.

5.7.11

ENTREVISTA A ELENA GALLEGO ABAD





Velaquí a entrevista que sae hoxe en Faro de Vigo, co gallo da publicación por Edicións Xerais do segundo tomo de Dragal, a historia do último dragón galego.


Desde Gálix, desexámoslle moito éxito con esta nova entrega.


Podes tamén acceder premendo aquí.


"En Galicia podemos hacer nuestras propias fantasías sin irnos fuera"
La trilogía Dragal acerca al siglo XXI la historia del último dragón gallego

LUCÍA D. BÓVEDA - VIGO. Elena Gallego (Teruel, 1969) decidió escribir su primer libro para conseguir que leyese su hijo de 16 años, amante de los dragones y de Harry Potter. De ahí surgió su primera novela “Dragal I: a herdanza do dragón”. Menos de dos años después, y con la segunda parte publicada, estamos a la espera de la publicación del desenlace de la trilogía.

–Antes de escribir la primera novela tenía una amplia trayectoria como periodista, ¿que le llevó a convertirte en escritora?

–Soy periodista porque me gusta jugar con las palabras y escribir. En esta profesión comunicas realidades mientras que como novelista transmites ficción y fantasía. Es otra forma de comunicar las cosas pero no deja de ser lo mismo.

–¿Que la novela esté ambientada en Galicia puede ser un impedimento a la hora de llegar a otros lugares?

–El dragón es una figura universal por lo que fuera de Galicia puede adaptarse perfectamente. Yo juego con una serie de valores que son globales. Puedes encontrar dragones en EEUU, en China o en cualquier lugar. Así que la historia puede funcionar de la misma forma en otras lenguas y países.

–Parece inevitable comparar sus libros con los de Harry Potter de J.K. Rowling, ¿en que se parecen y se diferencian?

–Ambas series se parecen en que juegas con la fantasía e intentas conquistar al lector y los dos chicos son algo más. Pero sus mundos son diferentes ya que la historia de Dragal se desarrolla en el mundo real mientras que Harry Potter está en un mundo paralelo al nuestro.

–El protagonista, Hadrián, es un adolescente, ¿pueden los jóvenes actuales identificarse con él?

–Lo que les identifica es que la historia sucede en un tiempo real, con situaciones que viven a diario en el colegio, con sus amigos o con la familia. Además, las últimas generaciones crecimos leyendo novelas de aventuras y eso es lo que Dragal es fundamentalmente.

–La trilogía va dirigida a los jóvenes pero, ¿sus libros entretienen y gustan por igual a los adultos?

–Intenté no solo enganchar a los adolescentes sino también recoger diferentes tradiciones y hacer una mezcla, demostrando que aquí también podemos hacer nuestras propias fantasías sin irnos fuera. El sector juvenil e infantil, lo que ve es la aventura de los protagonistas mientras que los que tienen un poco más de experiencia en la vida ven el trasfondo de la historia y descubren leyendas que estaban escondidas para ellos.

4.7.11

A CURIOSIDADE ABRE O LIBRO.





"A curiosidade abre o libro". Así titula a Fundación Sánchez Ruipérez a este cartel que ven de publicar na súa campaña anual sobre literatura.
Podes ver o vídeo da campaña premendo aquí . As ilustracións son de Ana Juan (Premio Nacional de ilustración 2010).