Esta fin de semana tivo lugar a inauguración da nova Biblioteca Municipal do Ágora, en A Coruña. O domingo 29 houbo xornada de portas abertas, e fixeron falla ben abertas, xa que o barrio acudiu sen dubidalo a coñecer a súa biblioteca. Ó primeiro abraia o seu tamaño, logo un dase conta das posibilidades e recursos que proporciona ese concepto de biblioteca que está preto da xente, dos rapaces e rapazas do arredor, para os que se pensou a mellor selección de fondos infantís e xuvenís e os mellores espazos.
Tiveron lugar varios actos, entre os cales a Familia Ratapón explicou ós infantes cómo se fai uso do carné de socio e da biblioteca en xeral. A Familia Ratapón forma parte do programa de animación á lectura Merendas con contos, que as Bibliotecas Municipais de A Coruña desenvolven dende fai máis dunha década con gran éxito. A ilusión chegou da man de Crhystiyan Magic e o seu fascinante espectáculo de maxia.
O broche final aportouno a presentación do libro O soldadiño de chumbo, unha obra en clave galega fruto da colaboración entre Algarabía Animación e a Editorial Galaxia. Tomás Conde e Virgina Curiá, xunto co editor Francisco Castro, amosaron ós rapaces e rapazas a curtametraxe realizada coa técnica Stop Motion, o exemplar O Soldadiño de Chumbo en formato papel e a aplicación desenvolta para Ipad descargable a través da Apple Store. Toda unha experiencia compartida e interdisciplinar que gozou de gran acollida.
Os actos de inauguración remataron ás oito do serán. A biblioteca permanecerá aberta de luns a venres en horario de mañá e tarde, recibindo ás familias, ós novos e a todo aquel que desexe achegarse a un mundo de lectura e de cohesión social.
No hay comentarios:
Publicar un comentario en la entrada