
Polo falecemento de Isaac Díaz Pardo toda a sociedade galega está de loito. Gálix súmase a esta dor. A LIX galega débelle moito a Isaac. Edicións do Castro, que el dirixía, abriulle as portas a unha longa ringleira de autoras e autores galegos. É posible que de el non lles dar esa primeira oportunidade, máis dun nome non estaría hoxe producindo versos, teatro, ensaio, historias escritas ... para que milleiros de lectores gozasen con elas. Dicir Edicións do Castro é dicir Isaac Díaz Pardo, quen loitou e apostou pola nosa cultura, pola nosa lingua, pola nosa literatura. Eran tempos difíciles nos que os atrancos se amoreaban, pero a Isaac sobrábanlle folgos para resolvelos.
Son moitos os títulos que saíron desta editorial, pero hoxe imos salientar Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, do que xa se cumpriron 50 anos da súa publicación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario en la entrada