30.1.12

A Biblioteca Municipal do Ágora, A Coruña

Esta fin de semana tivo lugar a inauguración da nova Biblioteca Municipal do Ágora, en A Coruña. O domingo 29 houbo xornada de portas abertas, e fixeron falla ben abertas, xa que o barrio acudiu sen dubidalo a coñecer a súa biblioteca. Ó primeiro abraia o seu tamaño, logo un dase conta das posibilidades e recursos que proporciona ese concepto de biblioteca que está preto da xente, dos rapaces e rapazas do arredor, para os que se pensou a mellor selección de fondos infantís e xuvenís e os mellores espazos.
Tiveron lugar varios actos, entre os cales a Familia Ratapón explicou ós infantes cómo se fai uso do carné de socio e da biblioteca en xeral. A Familia Ratapón forma parte do programa de animación á lectura Merendas con contos, que as Bibliotecas Municipais de A Coruña desenvolven dende fai máis dunha década con gran éxito. A ilusión chegou da man de Crhystiyan Magic e o seu fascinante espectáculo de maxia.
O broche final aportouno a presentación do libro O soldadiño de chumbo, unha obra en clave galega fruto da colaboración entre Algarabía Animación e a Editorial Galaxia. Tomás Conde e Virgina Curiá, xunto co editor Francisco Castro, amosaron ós rapaces e rapazas a curtametraxe realizada coa técnica Stop Motion, o exemplar O Soldadiño de Chumbo en formato papel e a aplicación desenvolta para Ipad descargable a través da Apple Store. Toda unha experiencia compartida e interdisciplinar que gozou de gran acollida.
Os actos de inauguración remataron ás oito do serán. A biblioteca permanecerá aberta de luns a venres en horario de mañá e tarde, recibindo ás familias, ós novos e a todo aquel que desexe achegarse a un mundo de lectura e de cohesión social.

25.1.12

Pilar Marcó gaña o Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

Pilar Marcó resultou gañadora da 9ª edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil, na modalidade de Ilustración, que anualmente convoca a Deputación Provincial de Ourense. O orixinal sobre do que se debían presentar as ilustracións era obra de Celia Díaz Núñez. As de Pilar Marcó foron elaboradas coa técnica do collage e tratadas dixitalmente. Para os cinco membros do xurado "conforman un traballo armónico, contemporáneo, cun gran atractivo plástico". O galardón inclúe a publicación da obra.

22.1.12

Xerais convoca o Premio Merlín de Literatura Infantil 2012

Edicións Xerais de Galicia convoca a 27ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil para obras orixinais e inéditas en lingua galega. As obras presentaranse por sextuplicado e en papel antes do 10 de abril deste ano e o fallo do xurado, composto por 5 persoas, darase a coñecer o 9 xuño. No 2011 o premio recaeu no escritor Anxo Fariña, coa obra A chave da Atlántida.

20.1.12

IB SPANG OLSEN

Ib Spang Olsen, un dos autores e ilustradores de literatura infantil de maior renome en Dinamarca, tanto polas súas propias obras como polas realizadas en colaboración co poeta Halfdan Rasmussen, faleceu esta semana no seu 90 aniversario. En 1972 foi galardonado co premio Hans Christian Andersen pola calidade das súas ilustracións. Naceu en 1921 e creceu en Copenhague, circunstancia que deixou imborrables pegadas nos seus traballos posteriores. É un ilustrador atemporal, mentres que ó mesmo tempo, consigue capturar o espíritu de cada época.

10º Aniversario do Astrid Lindgren Memorial Award

O premio de Literatura Infantil e Xuvenil Memorial Astrid Lindgren cumple dez anos. Por este motivo terá lugar unha exposición na Feira do Libro Infantil de Bolonia, que se celebrará do 19 ó 22 de marzo en Italia. O premio darase a coñecer o vindeiro día 20 dese mes en Vimmerby, Suecia, cidade de orixe da escritora Astrid Lindgren. Entre os galardonados en edicións anteriores atopamos magníficos escritores, ilustradores ou promotores da lix como o Banco do Libro. No 2011, o premio recaeu en Shaun Tan.

17.1.12

Novo número da publicación Atenea

Xa está dispoñible o número 43 da revista trimestral Atenea editada polo Ateneo Ferrolán. Nesta ocasión bríndanos un Especial Minirrelatos baixo o lema "Un conto de Nadal para unha nenez atea". Autores como Alberte Momán, Ana López ou André Ventas convídannos a botar unha ollada ós vestixios do Nadal en forma de conto. Anímate a consultar a publicación en liña no seguinte enlace:



12.1.12

Na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes

A Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes vén de abrir unha páxina adicada a Agustín Fernández Paz onde nos presenta a súa traxectoria persoal e profesional. Detalla con eficiencia unha cronoloxía biográfica e de recoñecementos no eido da literatura galega, tanto infantil e xuvenil coma de adulto, así como amosa un catálogo bibliográfico e fotográfico (que non pasa inadvertido).
Un chanzo firme que o proxecta unha vez máis e o achega de novo aos seus lectores.


6.1.12

Deicalogo, Isaac

















Polo falecemento de Isaac Díaz Pardo toda a sociedade galega está de loito. Gálix súmase a esta dor. A LIX galega débelle moito a Isaac. Edicións do Castro, que el dirixía, abriulle as portas a unha longa ringleira de autoras e autores galegos. É posible que de el non lles dar esa primeira oportunidade, máis dun nome non estaría hoxe producindo versos, teatro, ensaio, historias escritas ... para que milleiros de lectores gozasen con elas. Dicir Edicións do Castro é dicir Isaac Díaz Pardo, quen loitou e apostou pola nosa cultura, pola nosa lingua, pola nosa literatura. Eran tempos difíciles nos que os atrancos se amoreaban, pero a Isaac sobrábanlle folgos para resolvelos.

Son moitos os títulos que saíron desta editorial, pero hoxe imos salientar Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, do que xa se cumpriron 50 anos da súa publicación.

Gálix asegura que o grande Isaac Díaz Pardo axudou a que a LIX galega estea por moito tempo, e esperemos que por sempre, no lugar que lle corresponde. Grazas.

3.1.12

V Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka convocan o V Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 2 de marzo de 2012 e o fallo do xurado darase a coñecer en torno ao 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago.

A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada Cerca. Na convocatoria de 2009 o mexicano Felipe Ugalde recibeu o galardón por Un gran sueño. Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- en outubro de 2012.