A novela comeza cun soño estraño de Mireia, xornalista dunha revista esotérica de Madrid. O soño transcorre nunha aldea preto do lugar natal da protagonista, na Idade Media. Ten a sensación estraña de que o personaxe dos seus soños lle quere comunicar algo, polo que, aproveitando a encomenda da realización dunha reportaxe, retorna á súa aldea dez anos despois de marchar, apremada por un problema de drogas.
Nas ruínas da aldea aparéceselle o espírito do protagonista dos seus soños, Xoel, un nobre da época medieval. A partir deste momento, relátanse paralelamente a historia de Xoel e a vivencia de Mireia despois do seu retorno: o reencontro coa irmá e mais a familia, por unha banda, e cos vellos compañeiros das drogas, por outra. Ambos os dous mundos quedan conectados a través dos soños e os misteriosos encontros entre Mireia e Xoel.
Xoel, na Idade Media, era un fidalgo que mantivo unha especial amizade con Maia, neta adoptiva dunha meiga, que nunha adiviña predí unha mala colleita e fame para a vila. Vive tamén unha intensa historia de amor con Inés, filla do mariscal do Rei, destinada nun principio a ser a súa futura esposa, e salvadora da precaria situación económica na que se atopan seu pai e mais el. Pero a desgraza invade, tanto a vida de Inés, quen perde a súa fortuna debido a unha falsa acusación de felonía que sofre seu pai, como a vida na aldea de Abuín, que ve materializado o agoiro da meiga. O clero, e con el os nobres máis influentes do arredor, culpan a meiga de ser a orixe de todos os males e pretenden excomungala. Xoel e Maia saen da aldea na procura dalgunha reliquia que lle dese reputación á parroquia para evitar que a excomuñón se cumpra e satisfacer, dese xeito, a cobiza do párroco. Comeza unha serie de aventuras onde se ven implicados os tres protagonistas, até que retornan cunha pequena virxe que roubaran nun próspero mosteiro para ofrecerlla como reliquia ao cura. Pero o clérigo non cumpriu a súa palabra e xa excomungaran a meiga. Á parte da mala colleita, tamén a peste chega á aldea: Maia, que se contaxiou na viaxe, provoca o falecemento de moitos veciños coa súa enfermidade, e a poboación acaba coa meiga por considerala responsábel última do mal. Maia e mais Inés lograrán escapar e salvarse, pero Xoel falece inesperadamente antes de poder saír da aldea.
Mireia, que escoita e soña esta historia con asombro, cada vez sente máis atracción cara ao rapaz, sen saber que a súa alma está ligada á de Xoel por un conxuro de amor realizado centos de anos atrás.
Paralelamente, na actualidade, discorre a historia familiar: súa irmá, seu cuñado e seu sobriño viven intimidados por un clan de narcotraficantes, debido a unha débeda. Ela vese na obriga de remexer no seu pasado para conseguir que a súa familia recupere a estabilidade e revive de novo a crúa realidade do mundo das drogas que xa pensara deixara atrás.
Na súa derradeira visita a aldea, Mireia e mais Xoel logran encontrar aquela imaxe da virxe enterrada entre o rebo. A xornalista, que se atopa ao bordo da morte, debe decidir se devolve a imaxe da santa ao mosteiro para continuar coa súa vida, ou se se deixa acompañar por Xoel ao mundo dos mortos para sempre, recuperando, deste xeito, o amor eterno que os mantén unidos a través do tempo grazas ao conxuro de Maia.
A historia, ambientada na Idade Media, arrastra o lector e lectora cara ao mundo da bruxería, o amor e a viaxe, e pon de manifesto a desolada vida dos habitantes do medievo, onde impoñen a súa lei a Igrexa e a Nobreza, menosprezando a sabedoría popular. No mundo real, incídese dun xeito especial na crúa realidade da problemática das drogas e o ambiente pernicioso que as rodea.
O libro discorre a través dun total de vinte e cinco capítulos que alternan o mundo real, coa época medieval reflectida a través dos soños.