ALMANAQUE MUSICAL

“Almanaque musical” contén doce poemas, un para cada mes do ano, nos que o fío condutor é a música clásica, cos intérpretes dunha peculiar orquestra de instrumentos de corda. Os versos de Antonio Rubio evocan o tempo, o pentagrama, a batuta, o ritmo do vals, tocataca ou sinfo´nía. Cos seus inseparables violíns, violas e violonchelos, e elegantemente conxuntados, os músicos que retrata David Pintor adoptan posicións e situacións divertidas, fóra do habitual contexto dunha sala de concertos.
Uns de apariencia humana e outros do reino animal, forman un grupo fantástico que para sí quixeran os mellores compositores. O álmbum complétase coa relación escrita de pezas de Vivaldi, Bach, Mozart, Beethoven, Mendelssohn, Brahms, Chaikovski, Sibelius, Prokofiev, Alban Berg, Béla Bártok, Boccherini, Haydn y Dvorak, que conforman o repertorio ideal para amenizar a lectura poética e visual.
AS CATRO ESTACIÓNS. VIVALDI
A fauna e a flora, a presenza humana, e o ciclo da natureza, marcan o texto literario, que destaca pola súa elegancia formal e pola capacidade para transportar o lector ata ese paraíso imaxinario que Emilio Urberuaga ilustra con cores vivas e intensas, instantes capturados para deleitar a retina. A interpretación de Sarah Chang -co acompañamento da Orpheus Chamber Orchestra- é a banda sonora ideal para vibrar coas emocións e sensacións deste álbum.
Este libro-cd inaugura a colección Música Clásica, de Kalandraka, para achegarlle este xénero ao público infantil, como continuación da colección Óperas.
O ARTISTA QUE PINTOU UN CABALO AZUL
Trátase dun libro para prelectores e primeiros lectores que, a partir dun texto moi simple, vanse familiarizando con toda a gama cromática. Ademais, como se representa unha ampla sucesión de animais domésticos e salvaxes, pintados con formas, trazos e cores pouco convencionais, este álbum non só contribúe a reforzar a imaxinación, senón tamén a transmitir a importancia da liberdade creativa. Ao mesmo tempo que se lle achega ao público a figura do artista, tamén se introducen nocións de Arte e de Historia que lles interesan aos lectores de todas as idades.
“O artista que pintou un cabalo azul” ten un trasfondo autobiográfico: Eric Carle retrátase como un ilustrador que non se cingue estrictamente á realidade, mostrándose orgulloso de practicar un estilo característico que o distingue.