27.6.12

Premios Xerais 29ª edición Xuño 2012


Non nos esquecemos de enviar os nosos parabéns a Marcos Calveiro polo recente Premio Xerais 29ª edición que lle otorgou a editorial o pasado 9 de xuño na emblemática illa de San Simón. O escritor e avogado recibiu o galardón de mans de Marilar Aleixandre quen exerceu de mantedora literaria.
Marcos Calveiro agradeceu o premio en público cun emotivo discurso impregnado de sentimentos e cargado de mensaxes a prol da cultura, do libro e da lectura e falou da obra súa gañadora "Palabras de Auga". A continuación deixámosvos a listaxe de premios fallados esa noite:
- XXVII Premio Merlín de Literatura Infantil: Marcos Calveiro por “Palabras de auga”.
- XXIX Premio Xerais de Novela: María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón por “Tonas de laranxa”.
Mantedora literaria: Marilar Aleixandre co discurso "O círculo de luz: escrita, conflicto e lume" unha reflexión sobre o papel da lectura e dos libros.

Entrevista a María Solar, autora de As Meigas de Lupa

A continuación deixámosvos a entrevista que María Solar lle concedeu a Camilo Franco para La Voz de Galicia en relación ao seu libro As Meigas de Lupa. Data de 12 de xuño de 2012, le e dinos que che parece. A entrevista Aquí.

As Bibliotecas Municipais de Oleiros recomendan Lecturas para ti

As Bibliotecas Municipais de Oleiros (A Coruña) recoméndannos Lecturas para ti, unha guía para rapaces e rapazas a modo de orientación lectora e de pasatempo para a época estival. Algún favorito entre os títulos?

Apoio de GÁLIX ás bibliotecas de Caja Madrid

Estimados socios, socias, amigos e amigas de Gálix:


Mañá xoves día 28 de xuño, ás 18,00h. vai haber un acto de homenaxe ás bibliotecas, na porta da biblioteca de Caja Madrid de Santiago, por mor do peche de case todas as bibliotecas de Caja Madrid no conxunto do estado español. Distintos colectivos culturais do noso país van participar e, como imaxinades, GÁLIX non vai ser menos e estará presente nesa homenaxe. Daquela, convidámosvos a todas e a todos a asistir á lectura do texto que Montse Pena Presas, en calidade de Secretaria Xeral de GÁLIX e en representación da nosa institución, escribirá para a ocasión.

Na esperanza de vervos alí, recibide un cordial saúdo do Consello Directivo de Gálix.

26.6.12

GÁLIX colabora nas Tertulias Literarias sobre LIX

GÁLIX presta o seu apoio ás tertulias literarias entorno á LIX que teñen lugar un venres de cada mes no local da Asociación (Galeras, 17, 1º, local 3. 15705 Santiago de Compostela) Son charlas abertas, nas que podes participar e opinar, como o seu coordinador Miguel Vázquez Freire nos explica a continuación:

"Reunirémonos un venres ao mes, que será convocado ao final de cada unha das xuntanzas, cunha moi simple metodoloxía de traballo, consistente en que cada un dos participantes traia un libro para comentar, ben sexa porque lle gustou moito, porque non lle gustou nada ou por calquera outra razón que xustifique a súa lección. Trátase de vérmonos nun ambiente relaxado e informal, o propio das tertulias, para trocar apreceres sobre algo que tod@s amamos: os libros para a infancia e a xuventude."

Emprazámoste cara ao outono para que contes con vir. Avisarémoste mediante o blog do día no que se celebrará e da hora á que se realizará. Para calquera dúbida, escribe un correo a galix@galix.org
Contamos contigo!

Dúas Letras: Proxección da Película e Presentación do Libro

Proxección da película e presentación do libro Dúas Letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey. Que mellor cousa hai? O martes 26 de xuño ás 20:30h no Salón Teatro (Rúa Nova, 34) en Compostela. A entrada é de balde.

DÚAS LETRAS foi unha das triunfadoras no recente Festival de Cans, onde obtivo os seguintes galardóns:
- Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción.
- Premio do público á mellor curtametraxe de ficción.
- Premio do xurado á mellor interpretación feminina a Teresa Fraga.

Estrea mundial na rede



AQUÍ vos deixamos o booktrailer da triloxía Dragal de Elena Gallego Abad, publicada por Xerais, que se acaba de estrear mundialmente na rede.
Guión e realización de Miguel Abad: http://www.miguelabadilustrador.com/

A gozalo!!

Nas Bibliotecas Escolares Galegas

Na Web das Bibliotecas Escolares de Galicia podemos atopar estes días unha listaxe daquelas bibliotecas que realizan préstamo de verán á comunidade educativa e tamén acceso ás guías que conteñen recomendacións para a época estival. Como ben din dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: Será por libros!!!
Ademáis disto, a Web permite o acceso ao blog de fomento da lectura Hora de Ler, ao blog dos clubes de lectura dos centros Ler en Mancomún, ao blog Libros a eito, destinado ao intercambio de libros e a Rede Lectura, onde se recollen novas sobre libros, novidades editoriais, novas sobre premios, etc.

Botádelle un ollo á Web se precisades suxerencias de lectura ou tamén se desexades ver aos rapaces do CEIP de Bandeira (Silleda-A Coruña) interpretando un lipdub orixinal, alegre e divertido que despide o curso escolar e como non, arranca na biblioteca do centro.

19.6.12

Entrevista a Agustín Fernández Paz

Podedes ler Aquí a longa entrevista realizada pola revista Cuadernos de Pedagogía no seu número 423, a Agustín Fernández Paz .

"Construír é un traballo lento que precisa esforzo común , pero destruír é moi sinxelo"

As fronteiras do medo de Agustín Fernández Paz

Edebé Rodeira, dentro da colección Periscopio, inclúe As fronteiras do medo de Agustín Fernández Paz.

Coincidindo co 75 aniversario da morte de Howard Phillips Lovecraft, Agustín Fernández Paz publica un novo libro. Non é a primeira vez que Agustín se achega ao xénero de terror do cal se declara un fervente devoto. Nesta ocasión explora novas formas e escenarios con seis historias que sen dúbida manteñen o suspense e a tensión do lector para poder sorprendelo.

As historias de terror teñen o efecto de sacudir nos seres humanos os medos atávicos que a civilización trata de ocultar baixo a pariencia da razón, a ciencia e o control. Mais todos sabemos da existencia de feitos que contradín toda lóxica e de realidades que estremecen as nosas crenzas por moito que pechemos os ollos a elas e nos neguemos a admiitilas.


Coñece a Nova Aula Virtual de Editorial Galaxia

Un espazo web de acceso a recursos multimedia e actividades para traballar online os profesores e alumnos da ESO, dende a pizarra dixital, o computador, ou dende a casa.
A Editorial Galaxia vén de presentar a Aula Virtual,un espazo de traballo en liña pensado para completar a nosa oferta de Libro de Texto que permitirá aos docentes e ao alumnado traballar coas novas tecnoloxías na materia de Lingua e Literatura Galega en todos os cursos da ESO.

Na Aula Virtual de Galaxia estarán dispoñibles, por unha banda, os PDFs dos libros de texto, pero, sobre todo, unha serie de materiais pensados para o profesorado e os alumnos e alumnas que lles permitirá profundar e mellorar o seu proceso de aprendizaxe na materia de Lingua e Literatura galega. Así, entre outros materiais, os usuarios disporán dunha media de trinta Actividades Interactivas e Recursos Multimedia (videos, audios, ligazóns web) por cada unidade educativa.

Nun apartado específico para os profesores e profesoras, terán á súa disposición máis de tres centos audios descargables para o seu traballo na aula, as Propostas Didácticas por cada nivel, o Solucionario das Actividades propostas nos libros de texto, e un completo Xerador de Exames (personalizable por obxectivos, unidades, temáticas e editable segundo as necesidades educativas e o nivel de cada grupo).
 
A gran novidade é que, a diferenza doutras propostas, o alumnado poderá traballar comodamente dende as súas casas pois poderán acceder aos contidos interactivos (Actividades Multimedia e Recursos) cando queiran e non só na aula. Isto supón un gran avance no que se refire ao proceso de aprendizaxe, xa que, independentemente da secuenciación que programe o profesor ou profesora, o discente poderá volver as veces que queira sobre o material e os recursos interactivos para estudar segundo as súas necesidades.
 
Ata que comece o curso no mes de Setembro e para facilitar o acceso e a consulta destes materiais dos Recursos para o alumnado sen necesidade de rexistro previo, dende a web da editorial, no apartado dedicado a Ensinantes, ofrecereranse as ligazóns para acceder directamente aos contidos dixitais xa preparados. 

Simpósio sobre Investigação e Práticas em Educação Intercultural

16 e 17 de Novembro de 2012 – Castelo Branco, Portugal.
Escola Superior de Educação de Castelo Branco.


A mobilidade física é unha actividade humana ancestral que ten na súa orixe moitas motivacións. Inevitablemente conduce a encontros con 'outras' persoas e doutras culturas. Textos, imaxes e contos son algúns dos soportes culturais que documentan, alimentan e transforman o concepto de mobilidade en varias culturas e de diversas perspectivas, os encontros e desencontros entre seres humanos e entre estes e 'outras' criaturas. Dunha perspectiva de educación intercultural a mobilidade pode ser pretexto para desocultar estereotipos e prexuízos, examinar enfrontamentos culturais ou explorar novos camiños identitarios e proxectos educativos no mundo contemporáneo en cambio acelerado.
Máis información Aquí.

Novidades en Xerais

UN NIÑO NO XARDÍN/ XOÁN NEIRA



UNHA EMOCIONANTE VIAXE PARA OS CATRO AMIGOS PILLABÁNS QUE OS LEVARÁ ATA AUSTRALIA.

Un niño no xardín dirixe unha ollada pausada e contemplativa a un xardín de versos que muda co paso das estacións, onde as flores cantan e falan as fontes; os paxaros sorrín e o xardineiro sementa palabras para recoller poemas.

Recomendado para 8 anos en diante.



TRAMPA DE LUZ/AGUSTÍN AGRA


A ESTREMECEDORA PROCURA DUN SEGREDO ANIÑADO NAS TEBRAS DA NOITE

Unha das actividades favoritas de Irene é sacarlle fotos a canto animal ou planta atopa para logo tratar de recoñecer a súa identidade. É unha experta en fotografar avelaíñas cunha trampa de luz. Sabe que para collelas debe pórlles unha fonte luminosa e un pouco de auga azucrada e logo agardar a que as presas acudan ao reclamo. A presenza na vila do tanxedor de campás provocou que ocorrese algo fóra do normal. Co son das badaladas apareceron na praza uns paxaros de plumaxe maxestosa, unha especie descoñecida da que Irene non atopou referencia ningunha cando consultou nas guías de aves da biblioteca do seu pai, un territorio ideal para osmar nos segredos. Mais non será ese o único acontecemento estraño e inquietante que sucederá na vila. Algo inexplicable ocorre cos animais. Unha novela de medo e fantasía, na liña das mellores historias de H. P. Lovecraft, sobre a estremecedora procura dun segredo aniñado nas tebras da noite.

Recomendado para 12 anos en diante.


O MISTERIO DO FARO VELLO


UNHA SORPRENDENTE HISTORIA QUE DESVELA O ENIGMA DAS MISTERIOSAS BÓLAS DE LUZ QUE FLOTAN SOBRE O FARO VELLO.

Lorena e os seus amigos queren descubrir a orixe das misteriosas bólas de luz que, como pompas de xabón xigantes, flotan sobre o Faro Vello de cando en vez, sen que ningunha persoa maior semelle reparar nelas. O que non imaxinan é que hai un rapaz na vila disposto a evitar que desvelen o enigma, aínda que teña que empregar os medios máis perversos para conseguilo.

Recomendado para 9 nove en diante.

AS MEIGAS DE LUPA/MARÍA SOLAR



UNHA TREPIDANTE VIAXE NO TEMPO Á GALICIA CASTREXA DO PRIMEIRO SÉCULO, CANDO CHEGARON AOS TERRITORIOS DA RAÍÑA LUPA UNS ESTRANXEIROS QUE TRAÍAN O CORPO DO APÓSTOLO SANTIAGO DESDE A AFASTADA PALESTINA.

María colleu un avión a Santiago de Compostela, onde a esperan os seus curmáns Pablo e Martiño, para pasar unha semana de vacacións coa avoa Berta. Unha sorpresa agarda aos tres rapaces na casa de Santa Cruz de Ribadulla: deberán compartir a estancia con varias amigas da avoa, que veñen participar nun congreso de meigas. Tras a desaparición dunha vella chave da avoa e tras a presenza daquelas mulleres agóchase a historia dun segredo milenario, que foi gardado xeración tras xeración, que pasou de bocas a oídos, unha e outra vez, e que nunca se contou a quen non era merecedor de sabelo. Unha emocionante novela de intriga no século XXI. Unha trepidante viaxe no tempo á Galicia castrexa do primeiro século, cando chegaron aos territorios da raíña Lupa uns estranxeiros que traían o corpo do Apóstolo Santiago desde a afastada Palestina.

Recomendado para 14 anos en diante.